Os mellores castelos para visitar en Lugo: Pambre, Tovar, Doiras, Monforte de Lemos, San Paio de Narla

Na provincia de Lugo atopamos varios castelos medievais e outros máis modernos, con gran exhibición de baluartes. Aquí temos 5 exemplos dos máis impresionantes, en lugares moi ben elixidos, ideais para mergullarse na historia e na paisaxe de Lugo.

Castelo de Pambre (Palas de Rei). Está nun alto á beira do Pambre, en Palas de Rei. Tamén se coñece como a fortaleza ou a torre de Pambre. Malia que a lenda dí que o construiron os mouros nunha noite, o certo é que foi mandado facer a finais do século XIV por Gonzalo Ozores de Ulloa, pénsase que nin por mouros nin nunha noite, mais sí con algo de présa. É un dos poucos castelos que resistiron o ataque dos irmandiños: como o señor fuxiu, deixaron o castelo tranquilo, por iso se conserva tan ben: perfectamente medieval e fantástico, imponente entre as árbores. Ten foso, ponte, capela, muralla con catro torres e gran torre da homenaxe no medio. A finais do século XV pasou aos condes de Monterrei e, a partir do século XVI pódese dicir que finou a súa época de gloria. Chegou ao século XX bastante abandonado e, despois de ser doado polo derradeiro propietario a unha congregación benéfica, acabou en mans da Xunta en 2011. Foi rehabilitado e pódese visitar desde 2016. 

Pazo de Tovar (Lourenzá). Antigamente coñecíase como Torre de Canedo, hoxe chámanlle Fortaleza ou Pazo de Tovar. Está na parroquia de San Tomé, en Lourenzá, na Mariña Lucense. A torre foi levantada no século XVI por riba dos restos doutra. Os primeiros propietarios foron os Tovar, de aí o nome. Co tempo foi cambiando de donos e de arrendatarios, mesmo coincidindo varios á vez. Ten dúas torres cadradas con ameas e dous pavillóns. É un bo exemplo de gótico isabelino en Galicia. Despois de unha época en mal estado, foi rehabilitado e hoxe está ben aproveitado, contendo o Centro de Interpretación da Cultura dos pazos de Galicia; O Recuncho das Argalladas (museo do xoguete tradicional); o Museo do Liño; e mesmo un restaurante: O Forno de Tovar.

Castelo de Doiras (Cervantes). Está a 700 m de altura, na serra dos Ancares, dominando o río Cervantes e o Doiras. Empoleirado nun alto, como o castelo da Bela Durminte, vese desde ben lonxe, coa torre da homenaxe sobresaíndo. Construíuse no século XV, como defensa á entrada do Camiño de Santiago. Hoxe, pertence á Fundación Xosé Soto de Fión. Cóntase que no castelo vivía o cabaleiro Froiaz, cos seus fillos Egas e Aldara. Un día, Aldara desapareceu sen máis e, por moito que a buscaron, non foron quen de atopala. Tempo despois, Egas viu no bosque unha cerva branca e cazouna. Como pesaba moito para levala ao castelo, cortoulle unha pata de diante para ilustrar a súa fazaña. Mais cando chegou co seu trofeo ao castelo, este convertiuse na man dunha doncela, cun anel coñecido… Era a man de Aldara! Correron xunta cerva e alí estaba a irmá de Egas, morta e sen man. Disque todo ocorreu por encantamento de mouros. Aí, con tanta montaña, seguro que hai moitos… 

Conxunto monumental de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos). Título tan longo merece o grupo formado pola Torre da homenaxe, o Pazo Condal e o Mosteiro beneditino, auténtico símbolo da cidade de Monforte de Lemos. A torre e a muralla, do século XIII, foron reconstruídas despois da Gran Guerra Irmandiña. Están nun sitio estupendo para ter unha boa panorámica da cidade e de todo o Val de Lemos. No Pazo Condal, do século XVI e reconstruído posteriormente por mor dun incendio, viviron os condes de Lemos. En canto ao mosteiro, aínda que a orixe é do século X, o que se conserva é do XVI. A fachada e o claustro son neoclásicos. Gran parte de pazo e do mosteiro funcionan na actualidade como parador de turismo. A igrexa loce unha portada renacentista e un interior gótico de transición. Aquí celébranse a Santa Montserrat e o San Brais con moita devoción. 

Castelo de San Paio de Narla (Friol). Está na Castronela, na parroquia de Xiá. Aínda que é do século XIII, o edificio actual é dos séculos XVI e XVII, despois da consabida reconstrucción post-irmandiños. Destaca a torre da homenaxe e un gran torreón. Hoxe abeira o Museo Etnográfico e da Historia. Na planta baixa hai unha colección de ferramentas do campo, do tecer, e máis. No primeiro andar hai unha cociña, un salón e máis estancias restauradas. Desde o último andar, que ten unha gran cheminea renacentista, podemos acceder ao almeado e dar unha volta contemplando as vistas. A capela, separada, é do século XVIII, e contén unha imaxe de San Paio do século XIX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *