Os mellores castelos para visitar na Coruña: San Antón, Santa Cruz, Vimianzo, A Palma, San Felipe, Moeche

Na provincia da Coruña hai moitos castelos con vistas ao mar. Nos séculos XVI e XVII construíronse varias fortalezas para defensa das rías, xa que era época de piratas, e había que protexerse das invasións. A continuación, 6 magníficos castelos que agardan por nós:

Castelo de San Antón (A Coruña). No século XVI construíronse na costa coruñesa varias fortificacións defensivas, como a de Santa Cruz, en Oleiros; a de San Diego, en Oza e a de San Antón. Esta última comezou a levantarse sobre o illote de San Antón, ou Pena Grande, unido a terra no século XX através da prolongación do peirao das Ánimas. Aínda non estaba rematado o castelo cando foi atacado polos corsarios ingleses, Francis Drake e compañía, que darían a volta despois de ser derrotados polos coruñeses, con María Pita á cabeza. Acabou de construirse no século XVII, daquela tamén se usaría como lazareto para illar mariñeiros con enfermidades infecciosas. En 1777 fixéronse varias reformas, engadíndose ao conxunto unha batería baixa, unha capela, un pequeno porto, ameas e a casa do gobernador. Nos séculos XVIII e XIX funcionou como prisión. Desde 1968 abeira o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, que ten valiosas pezas castrexas, e de toda a historia de Galicia e do castelo. Unha das zonas máis misteriosas está na planta baixa, na Cisterna. Este é un antigo alxibe excavado na rocha que co tempo se converteu nun pozo dos desexos, así que cómpre levar algunha moeda.

Castelo de Santa Cruz (Oleiros). Este castelo está no illote de Santa Cruz, fronte á praia, e accédese a el a través dunha pasarela de madeira. O motivo da súa construcción, no século XVI, foi defensivo, como xa vimos. No século XIX foi propiedade de Emilia Pardo Bazán e familia e, máis tarde, serviu como residencia para orfos de militares. Tras unha etapa de abandono, pasou a ser propiedade do concello de Oleiros e, desde 2001, é sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), o que tamén o converte en destino didáctico. Así que nos espera un estupendo paseo polos xardíns, con Piñeiro Insigne e todo, e polo perímetro da illa; as mellores vistas da Coruña e Santa Cruz; e algunha exposición e, se cadra, tamén actividades medioambientais.

Castelo de Vimianzo. Xa só escoitar o nome parece que dá ganas de entrar á carreira, cruzar o foso e asaltalo, pois cada ano colle máis sona o “Asalto ao castelo de Vimianzo”, a festa irmandiña da Costa da Morte, que xa vai pola XXVI edición. A construcción, feita polos Mariño de Lobeira, é de finais do século XII e comezos do XIII. Na época das revoltas irmandiñas foi destruído e despois reconstruído. No século XV pasou a ser propiedade dos Moscoso, até o século XIX, en que pasou aos Martelo, por iso tamén se lle dí Torres dos Martelo. En 1972 foi mercado pola deputación, que o rehabilitou. A zona medieval, aínda que con sucesivas transformacións, está moi ben conservada. O castelo abeira un museo de artesanía de Terra de Soneira. Nunha torre hai un centro de interpretación da Costa da Morte.

Castelo da Palma (Mugardos). Levantouse a finais do século XVI para protexer a ría de Ferrol. Era un dos tres castelos que formaban o “triángulo de fogo”, xunto co de San Felipe, xusto en fronte, en Ferrol, e o de San Martiño, do que hoxe so fican unhas pedras. Entre o da Palma e o de San Felipe, ao caer a noite, dispúñase unha cadea que bloqueaba a entrada na ría. O castelo tivo varias ampliacións nos séculos XVIII e XIX, co desenvolvemento do Arsenal. No século XX chegou a servir de cárcere militar. Na Palma espérannos unhas estupendas vistas da ría e unha boa andaina por todo o perímetro da fortificación en mailas cubertas. Á carón do castelo, no mar, ás veces coincide que a marea deixa ver un bolouro pequeno. É o chamado “cu da raíña”, a pena coa que tropezou Mariana de Neoburgo ao baixar do barco, cando chegaba a España para casar con Carlos II O Enfeitizado.

Castelo de San Felipe (Ferrol). Construíuse no século XVI, co pulo que lle deu Felipe II á fortificación costeira. De todos xeitos, o edificio sufriu varias remodelacións, as máis importantes a finais do século XVIII, coa batería abaluartada, unha construcción cen por cen ilustrada. Foi o primeiro en levantarse do “triángulo de fogo”; despois irían os da Palma e San Martiño. É que a importancia estratéxica deste recuncho da costa, precisaba unha forte protección. O castelo foi vital para rexeitar o ataque inglés do xeneral Putney o 26 de agosto de 1800. As tropas inglesas non foron capaces de arruinar o Arsenal, tan ben protexido, así que fuxiron aos Altos de Brión, onde foron derrotadas. Todos os anos se celebra a victoria no castelo. A fortificación ten moito para ver e descubrir: baterías, almacéns de pólvora, naves, patios, alxibes, soportais… E unhas vistas de primeira da ría de Ferrol, e do castelo da Palma, xusto en fronte.

Castelo de Moeche. A diferenza de case todos, este castelo atópase nun val, ben recollido entre árbores. Está na parroquia de San Xurxo, en Moeche, a uns 25 km de Ferrol. Data do século XIV, aínda que o que vemos hoxe é produto da reconstrucción posterior á Segunda Revolta Irmandiña. Unha reconstrucción que sería feita polos propios irmandiños presos, baixo o mando dos Osorio. O castelo é de planta octogonal, e conta coa torre da homenaxe, unida á muralla, catro estancias, un profundo foso escavado na rocha, patio e corte. No interior está o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, un complemento didáctico para a nosa visita.  

Desde 1980 celébrase en agosto o Festival Irmandiño de Moeche. Á noite, á voz de “Lume!”, faise un asalto simbólico, con fachos. A cousa complétase con sardiñada, música, baile…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *