Beléns tradicionais para visitar este Nadal

Xa chegou, xa está aquí, o Nadal ilumina Galicia, e déixase notar en cada recuncho. Un nadal moi festeiro con espazo para as tradicións de sempre. O costume de montar o belén mantense ano tras ano. Beléns na intimidade familiar e beléns que son todo un espectáculo. Hainos de figuras de madeira, de barro, móbiles, con personaxes da actualidade, con efectos especiais, a tamaño real… Para gozar do Nadal a fondo, nada mellor que visitar algún destes nacementos, cada un co seu carácter e con moito traballo detrás.

Nas catro provincias temos citas importantes, así que… empeza o maratón de beléns! A ver onde podemos atopalos:

Comezamos pola Coruña. Se imos á capital no nadal e queremos saber quen é quen no mundo herculino, só temos que pasar polo Belén Municipal (5 dec.-6 xan.), xa que o conxunto medra ano a ano con figuras que representan personaxes da cidade. Cada ano dedícaselle a alguén. O 2023 tócalle a Luisa Villalta.

Outro imprescindible coruñés é o Belén da Grande Obra de Atocha (25 dec.-6 xan.), obra de Camilo Díaz Baliño. Ten a singularidade de estar feito a escala do mapa de Xerusalén, moi cintificamente.

A media hora agárdanos o Belén móbil de Betanzos (10 dec.-14 xan.), no segundo andar do Liceo. Ademais de moverse, cóntanos a escena que representa, co que a visita se fai moi didáctica.

Outro clásico que se move é o Belén da Orde Terceira de Ferrol (26 nov.-6 xan.), realizado por Alfredo Martín hai máis de 60 anos e con máis de 200 figuras.

En Ares exponse un belén máis novo, dos anos 90. É o Belén da Sociedade cultural O Tilo (2 dec.-7 xan.), que conta con máis de 300 figuras, das cales 35 son móbiles.

Se buscamos un belén cen por cen napolitano, temos que visitar a igrexa de Santo Agostiño, en Santiago, onde está disposto o Belén da catedral de Santiago (7 dec.-8 xan.), con máis de 500 figuras artesanais e varios automatismos.

A poucos metros de alí, atopamos o Belén tradicional de San Fiz de Solovio (1 dec.-5 xan.), con máis de 200 pezas de barro e lenzo pintado, pezas móbiles e iluminación.

En Conxo, desde 1945, a familia Otero Moreira recibe na casa a quen queira visitar o seu Belén familiar de Conxo (1 dec.-7 xan.), que xa acada máis de 1.000 figuras.

O belén tamén se pode montar no claustro, como pasa no Belén da colexiata de Sar (10 dec.-7 xan.), que ten 300 figuras artesanais, 100 delas en acción, e efectos de luz e auga, con muíño, fervenza, río… Aínda que o máis impactante é a treboada nocturna, cunha boa dose de lóstregos e tronos.

Na Costa da Morte hai dous beléns ben curiosos: Beléns do Mundo (1 dec.-14 xan.), no Museo de Bergantiños, en Carballo, e o Belén de Ortigueira (3 dec.-10 xan.), na igrexa de Santa Marta, que semella un gran teatro coa representación en diorama dun nacemento moi orixinal, con lenzos de Camilo Díaz Baliño de 1924 e elementos exipcios e orientais.

Na provincia de Lugo tamén hai beléns importantes. De feito, hai un na Terra Chá que é de interese turístico: o Belén electrónico de Begonte (3 dec.-27 xan.), de máis de 50 anos de antigüidade, cheo de figuras artesanais e mecanismos electrónicos, con escenas da vida popular galega. Despréganse moitas actividades arredor do belén, como certames de poesía, de pintura… Mesmo hai un Museo do belén, na sala adxacente á da exposición.

En Lugo capital é moi popular o Concurso de Belenismo de Lugo (20 dec.-6 xan.), na sede Afundación da praza de Santa María. Aquí exponse o clásico Belén social e os beléns galardoados no concurso deste ano.

Visitar o casco histórico de Viveiro nestas datas é viaxar no tempo, pois o centro transfórmase para albergar un incrible belén a escala natural, coñecido como Viveiro ante o berce (6 dec.-14 xan.),

O portal de Belén de Mondoñedo (1 dec.-6 xan.), conta cun escenario ideal, baixo o acolledor arco da Fonte Vella. As figuras son de madeira e están iluminadas. No mesmo lugar hai tres caixas de correo para as cartas aos reis.

A provincia de Ourense tamén ten moita arte para montar beléns. Un dos máis coñecidos na capital é o Belén de Arturo Baltar (15 dec.-6 xan.), que fixo todas as figuras en barro cocido. É o belén máis ourensán de todos, coa representación de lugares clásicos da cidade e personaxes populares de toda a vida.

Doutra banda, na sala do bispado atópase a Exposición Beléns do mundo (11 dec.-7 xan.), con máis de 150 beléns dos lugares por onde hai misións, que aportan o toque cultural de cada país.

Na Ribeira Sacra temos o Belén de Parada de Sil (15 nov.-31 xan.), a cargo de José María Campo Herrero, que até conta cunha reprodución do mosteiro  de Santa Cristina.

En Verín, famoso polo entroido, vive Viruca González, que tamén se apunta a montar o belén e, axudada por familiares e amigos, expón o Belén da Viruca (8 dec.-6 xan.), que é especial por contar coa representación de edificios de Verín e mais labores típicos da comarca.

E, para belén grande, o Belén artesanal da Veiga (22 dec.-7 xan.), tan grande que ocupa todas as rúas. É un nacemento moi enxebre, ecolóxico e colectivo, que reúne para a súa construción e montaxe á veciñanza e ao concello. Conta con representación da fauna da zona, do nacemento e do Apalpador.

A provincia de Pontevedra tamén agocha beléns tradicionais de categoría. Por exemplo, na comarca de Caldas, atopamos un nacemento de interese turístico: o Belén artesanal en movemento de Valga (3 dec.-14 xan.), organizado pola asociación Amigos do Belén. Conta con miles de pezas dispostas nuns 400 m2. A nota orixinal é a incorporación de escenas da actualidade do ano, mesmo da prensa rosa, e homenaxes a personaxes falecidas.

En Vigo hai dous clásicos: o Belén monumental de Vigo, na Casa das Artes (25 nov.-7 xan.), a cargo da agrupación belenista La Morana, e o da sede Afundación, que expón o LVIII concurso de Beléns (1 dec.-7 xan.).

Se buscamos movemento podemos achegarnos a Gondomar e visitar o Belén artesanal en movemento (6 dec.-7 xan.) no Centro Neural, con 220 figuras en movemento e máis de mil quietas.

En Mos, hai que visitar O Belén do Pazo de Mos (1 dec.-7 xan.) e, no mesmo concello, na parroquia de Cela, o Belén de Herville (1 dec.-7 xan.), posto en pé pola Asociación Cultural e Social de Herville. Un nacemento cheo de detalles e cunha sorprendente ambientación que simula o día e a noite.

No centro Sociocultural Multiusos de Moraña instálase o Belén Asociación Mulleres Rurais de Moraña (9 dec.-14 xan.), con moitos detalles da vida da zona (recreación de oficios, edificios significativos…).

E rematamos na fermosa catedral de Tui, cos Beléns de Tui (20 dec.-8 xan.), compostos por un nacemento a carón do retablo da Expectación e a exposición “Beléns do mundo”, distribuída polas naves do templo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *