Museos etnográficos de Galicia

 

Queremos saber como se facían os zapatos hai cen anos? Ou como se cociñaba? Ou a que se xogaba?…  Non hai problema: os museos etnográficos son a memoria da nosa cultura. Para saber como viviamos, tanto hai moitos séculos como antonte, nada mellor que achegarse a un deles. Aquí van seis exemplos:

Museo Liste (Vigo). Este museo alberga a colección etnográfica reunida por Olimpio Liste Regueiro e Josefina Fernández Mosquera. O obxectivo do centro é difundir e conservar o patrimonio cultural galego, facéndonos ver como se facían antes as cousas, que ferramentas se utilizaban, que costumes había… e como evolucionou todo ata hoxe. Conta cunha exposición permanente que ocupa tres andares e está organizada en varias salas temáticas: Os tecidos, Simboloxía dos oficios, O peche, A madeira escavada, A luz, A materialidade da fe, A arte de curar e Os cultivos tradicionais. Tamén ten espazo para exposicións temporais e actividades didácticas e unha biblioteca de consulta sobre antropoloxía galega. Abre de martes a sábado de 10:00 a 14:00 h. Os mércores, tamén de tarde, entre 17:00 e 19:00 h.

Parque etnográfico do río Arnoia (Allariz). Neste parque pódense visitar tres espazos: o Muíño do Burato, o Museo do Tecido “O Fiadeiro” e o Museo do Coiro “Fábrica de curtidos familia Nogueiras”. Neles atopamos a representación dos que foron tradicionalmente os motores económicos da zona, vinculados ao río Arnoia. O Muíño do Burato, na praza do Matadoiro, é un muíño hidráulico de turbina, con dúas moas, e motor eléctrico nunha delas. A construción está rehabilitada e, cando hai visitantes, un muiñeiro amosa o proceso da moenda in situ. Preto de aquí está o Museo do Tecido, onde se amosa o proceso de elaboración do liño e da la. No Museo do Coiro, á beira do río, consérvanse as pías do curtidoiro e todo o repertorio de ferramentas que se utilizaban para tratar as peles. No primeiro andar, un artesán traballa o coiro e hai un aula para impartir obradoiros. Os horarios de outubro a xuño son: venres de 17:00 a 19:00 h e sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 19:00 h. En verán, martes e mércores de 11:00 a 14:00 h e xoves, venres, sábado, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 h e de 18:00 a 20:00 h.

Casa do Patrón (Lalín). Na aldea de Codesade, en Doade, atopamos esta casa, que en realidade é un complexo de tres edificios, dotados de 15 salas nas que se expoñen máis de 4.500 pezas recollidas por toda Galicia. Nelas, destacan as recreacións dunha antiga escola, dunha taberna, das dependencias dunha casa, do forno, da forxa… Todas elas con moito detalle, para facernos vivir unha auténtica viaxe no tempo. Tamén hai unha sala con pezas procedentes do Castro do Penedo. Por outra parte, o museo organiza durante o ano proxectos participativos para coñecer labores tradicionais como a malla, a sega, o magosto… Tamén hai outro tipo de actividades: rutas de sendeirismo, cestería… E, ademais de todo iso, ten servizo de restaurante e a área de lecer “Entre ríos”, con varios muíños restaurados. Abre de martes a domingo de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h.

Conxunto etnográfico do Cebreiro. Aquí, na entrada do Camiño Francés, é onde temos que vir se queremos saber como se vivía nunha palloza, a construción tradicional da serra dos Ancares. O conxunto está formado por catro pallozas, tres de elas musealizadas: a do Quico, a de Xan López e a de Galán. Nelas recreáronse os espazos interiores tradicionais: o ástrago para as persoas e a estravariza ou cortes para o gando. Están dotadas de moitas pezas da vida cotiá, ferramentas, arcas, huchas, etc. Entre outubro e xuño, pódense visitar de martes a domingo entre as 11:00 e as 14:00 h e de 15:00 a 18:00 h; no resto do ano, de 11:00 a 14:00 h e de 15:00 a 19:00 h.

Museo etnográfico de Quiroga. Está localizado na planta baixa do Auditorio municipal de Quiroga, na rúa Real. Aquí están expostas máis de 1.000 pezas recollidas na zona do Xeoparque montañas do Courel, entre Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga. Moitos elementos xiran arredor do mundo do viño, a castaña, o aceite e o mel, moi importantes para a economía da zona. Tamén atopamos instrumentos relacionados co agro e a gandaría, e a recreación dunha lareira e dunha escola unitaria. E máis cousas curiosas: a maqueta dos decorados da animación O apóstolo, que simula unha aldea tradicional de montaña; un coche feito por Salvador Ontiveros e a primeira imprenta da zona, a da tenda “El derroche”. Abre de luns a venres entre 13:00 e 14:00 h e sábados, domingos e festivos, de 12:00 a 13:00 h.

Museo etnográfico de Artes (Ribeira). Áchase no Centro Recreativo e Cultural de Artes, en San Xián de Artes, e ocupa tres salas expositivas. Nestas distribúense uns 1.400 obxectos que teñen que ver cos oficios de principios do século XIX e con todo o referente á vida rural e mariñeira da zona do Barbanza, así como da vida no fogar, con recreación de cociña incluída, e as tradicións romeiras. Hai gran variedade de obxectos de todo tipo: os primeiros motores para barco construídos en Ribeira, unha dorna, un piano de máis dun século… Pódese visitar entre 11:00 e 13:00 h e 17:00 e 19:00 h. Os sábados, só pola tarde e, en verán, até as 21:00 h.

Museo etnográfico de Vilariño de Conso. Vilariño de Conso é ben coñecido polo entroido, cos seus fulións e boteiros, e pola natureza que o rodea, no medio do Macizo Central ourensán, a carón do parque do Invernadoiro. Mais, para coñecelo a fondo, para ir ás raíces, nada como achegarse a este museo, onde atopamos pezas en moi bo estado e de moito interese, como cornos e capotes de pastor, malladoras primitivas para o centeo, teares para facer liño… Ademais, é doado de localizar, xa que se acha na rúa do Museo, no mesmo edificio que a casa do concello, co que tamén comparte horario, de luns a venres de 8:30 a 14:30 h.

Museo etnolóxico. Ribadavia. O museo, de titularidade estatal e xestionado pola Xunta, ocupa o coñecido pazo de Baamonde, no núcleo urbano de Ribadavia. Conta cunha importante colección etnográfica, incluído un fondo fotográfico e outro sonoro, e de temática moi diversa. Aínda que aquí se conservan moitas pezas do noso pasado, este é un museo do seu tempo, moi activo e ligado ao mundo de hoxe. Conta cun nutrido calendario de exposicións temporais, conferencias, obradoiros, concertos, presentacións, proxeccións… É un auténtico dinamizador da vida cultural Ribadavia. Abre de martes a sábado entre 10:00 e 20:00 h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *