Monte de Santa Trega

O monte de Santa Trega, de 341 m, está no Baixo Miño, no concello da Guarda, porta de entrada do Camiño Portugués da Costa, no extremo máis ao sur da provincia de Pontevedra.

A subida ao monte emociona xa só con contemplar a paisaxe, coa desembocadura do Miño, Portugal, o Val do Rosal e o océano Atlántico. Hai varios miradoiros a diferentes alturas, o do Montiño, o do Monte, o de Constantino Cedeira… Os máis elevados os do Pico do Facho (328 m) e o Pico de San Francisco (341 m). Ademais da paisaxe, na ascensión gozamos das vistas da citania de Santa Trega, un dos exemplos de cultura castrexa-romana máis importante de Galicia e, arriba de todo, da ermida de Santa Trega, un dos lugares de culto cristián máis antigo de Galicia, e o MASAT (Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega).

Algo ten este monte que foi escollido desde hai miles de anos como lugar de asentamento poboacional. Ademais da situación estratéxica ideal, dominando mar, río e terra, pode que algo que teña que ver co telúrico, a lenda, o misterio… Por certo, que antes das primeiras escavacións, a xente da contorna falaba dos restos de construcións que atopaban como “casiñas de mouros”. Tamén é lóxico, xa que ao rañar un pouco na terra, xa atopaban algunha peza prehistórica, un tesouro, como non pensar que os mouros tiñan algo que ver…

Antes da famosa citania, xa houbera pegada humana. Testemuña dela é a cantidade de petróglifos, de entre o 3.000 e 2.000 a. C. que se atopan na montaña. Hai máis de 16 grupos de petróglifos dentro das murallas da citania e 12 fóra delas. Algúns representan figuras de animais ou formas xeométricas, mais a maioría son gravados de círculos concéntricos, moitos con cazoleta central, espirais, cazoletas e
figuras serpentiformes. Algúns autores interprétanos como símbolos das constelacións, relacionados con ritos astrais e solares. No Pico de San Francisco hai un grupo de petróglifos ben curioso: a Laxe do Mapa, composto por varias espirais, círculos concéntricos e trazos lineais. Chámase así porque foi interpretado como un mapa do monte e os seus camiños.

No MASAT consérvanse moitas pezas de diferentes épocas: da prehistoria (raspadores, bifaces…), da Idade de Bronce (machadas de bronce, gravados rupestres…), da época castrexa (labras, remates de torques) e da influencia romana (ronseis funerarios antropomórficos, moedas, Cabezón do Trega). Entre os restos castrexos hai moitas labras con trísceles, nós, espirais, rosetas… Tamén se pensa que tiñan relación cos ritos solares.

Coa chegada dos romanos, as decoracións integran as súas propias referencias, como Hércules e, coa chegada do culto cristián, entran no monte os seus símbolos, de xeito que no monte se ven os cambios socias e relixiosos ao longo dos séculos.

Entre todas as pedras do Santa Trega, a lenda fálanos de tres pedras máxicas, que non se sabe onde están, claro. Cadansúa cun espírito no interior: o da auga, o do ouro e o do lume. Se atopamos a do ouro e a levantamos, remataríanse para sempre os nosos problemas financeiros; se fose a do lume, terribles monstros queimarían a contorna; e se fose a da auga, un tsunami asolagaría todo. Case mellor
deixalas onde están…

E como non, o Trega tamén é candidato a ser o mítico monte Medulio, aquel onde no 22 a. C. un reduto de galaicos, ártabros e ástures optaron polo suicidio antes de acabar en mans romanas.

Unha cousa está clara, neste monte está cheo de historia, de lendas, de vistas… de xeito que… Hai que planear canto antes unha excursión! E, se queremos festa, que coincida coa Festa do Monte, en agosto, ou coa romaría de Santa Trega, o 23 de setembro. Sempre respectando o monte, que é un gran tesouro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *