Cemiterios para visitar este Samaín

Samaín, Todos os Santos, Defuntos… Ao final, estas celebracións, veñan da tradición que veñan, sempre teñen en común unha ollada cara á morte, cara á memoria da xente que se foi. Nestas datas, os cemiterios, polo xeral, amplían o seu horario, e algúns mesmo abren á noite e organizan rutas teatralizadas. A verdade é que é unha escusa perfecta para coñecer estes lugares cheos de historia.

Cemiterio de Pereiró, Vigo. Foi construído a finais do século XIX, con deseño de Jenaro García de la Fuente, por mor do desenvolvemento da economía viguesa, que empezou a precisar máis espazo para vivos e para mortos. Está organizado nunha planta cadrada con dúas grandes avenidas cruzadas e oito menores. No paseo polo camposanto atopamos nomes de persoeiros que nos soan moito, aínda que sexa de velos nas placas das rúas da cidade: García Barbón, Sanjurjo Badía, Policarpo Sanz… Aquí tamén descansa Concepción Arenal. Doutra banda, hai obras escultóricas de altura, entre elas varias de Asorey. Para sacar máis proveito á visita, podemos descargar na aplicación Vigo App a ruta interactiva “Cemiterio de Pereiró, historia da cidade”. Ademais, o 30 de outubro comezan as rutas teatralizadas, que se prolongarán ata o 25 de novembro, guiadas pola mesma Concepción Arenal, Irene Ceballos, ou Cachamuíña. O prazo para inscribirse empeza o venres 27 de outubro, e a partir de aí cada xoves, nos teléfonos 010 e 986 810 260. (Só para maiores de 18 anos).

Cemiterio de San Amaro, A Coruña. Está na avenida de Orillamar, camiño da Torre de Hércules, onde temos unhas estupendas vistas ao mar para durmir o derradeiro soño. O conxunto arquitectónico é de 1813 e está organizado en tres zonas: relixiosa, civil e británica (está última pechada ao público). Desde 2012 véñense programando en diferentes datas visitas nocturnas teatralizadas, xeralmente guiadas por Fiz de Cotobelo, a alma en pena de El Bosque animado, a novela de Wenceslao Fernández Flórez. Os restos do escritor xacen neste cemiterio, o mesmo que os de Luis Seoane, Pondal, Juana de Vega, Murguía…

Cemiterio de Cores, Dumbría. Neste cemiterio da Costa da Morte, o descanso eterno vese baixo un prisma moi colorido, que non ten nada que ver coa estética fúnebre. Aquí a vida e a morte cantan ao mesmo compás. A construción, creativa e un tanto arriscada no seu momento, é da arquitecta Rosana Pichel, de 2012. Tanto éxito tivo que anos despois precisou unha ampliación. Está organizado en módulos pechados nos que cada nicho está rematado en prancha de resina dunha cor luminosa, protexido por un cristal. Cando empardece e se acende a iluminación nocturna, indirecta, ten outro encanto. Ademais, está integrado no campo, nun sitio estupendo para prolongar o paseo.

Cemiterio dos Ingleses, Camariñas. Na Costa da morte, nun extremo da enseada do Trece, entre Punta Cagada e Punta do Boi, naufragou o acoirazado inglés Serpent en 1890. Alí mesmo, na parroquia de Xaviña, o pobo púxose mans á obra e levantou un cemiterio para acoller os 142 corpos recuperados. É por iso que lle chaman “dos ingleses”. No recinto interior descansan os restos do capitán e os oficiais e, no exterior, os dos mariñeiros. É unha construción sinxela, rotunda, case minimalista, que dialoga coa paisaxe, entre o mar e a montaña.

Cemiterio Vello de Mondoñedo. Antigamente, este era o cemiterio de San Lázaro mais, unha vez construído o novo, ficoulle de nome “vello”. Ao pasear dentro dos muros, decatámonos de que, aínda que a morte nos iguala a todos, as diferenzas entre clases sociais están definidas moi claramente neste camposanto. Así, hai unha parte elevada para a clase alta, con panteóns monumentais; unha intermedia para a clase media, máis discreta; unha pegada á terra para os máis humildes e, nun lateral, o cemiterio civil. Co tempo, o recinto enteiro converteuse nun xardín para pasear, con parque e miradoiros incluídos. Entre as súas tumbas atopamos nomes coñecidos: Álvaro Cunqueiro, Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga…

Cemiterio de San Francisco, Ourense. O cemiterio de Ourense, na parte alta da cidade, na aba de Montealegre, é un remanso de paz, como debe ser. Data do século XIX e, ademais de contar con artísticos panteóns, como os feitos por Faílde, é a derradeira morada de ourensáns ilustres como Otero Pedrayo, Blanco Amor, José Ángel Valente…

Parque de Bonaval, Santiago. A horta e o cemiterio do antigo convento de San Domingos de Bonaval foron rehabilitados e convertidos en parque urbano, segundo o proxecto de Isabel Aguirre e Álvaro Siza (1989-2000). Resultaron moitas hectáreas de parque, no que se conservan as antigas estruturas funerarias, baleiras, iso si. As que si están ocupadas son as da igrexa do convento, preto de alí, onde descansan, no “panteón dos galegos ilustres,” Seoane, Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Cabanillas, Asorey, Domingo Fontán e Castelao.

Cemiterio de Goiriz, Vilalba. Na Terra Chá, desde lonxe sobresaen os apuntados pináculos do cemiterio de Goiriz, que semellan de encaixe, elevándose ao ceo. Na zona hai máis cemiterios de estilo neogótico, como o de San Xoán de Alba, San Román ou Rioaveso, que deben os traballos de filigrana en pedra aos canteiros de Pedreiras Rozadas. Entre eles, o de Goiriz é o máis monumental. A súa orixe é do século XVI, aínda que sufriu sucesivas reformas, mesmo no século XX. De paseo polo camposanto, vemos que non destacan panteóns nin mausoleos, senón as estruturas que abeiran os nichos, moi verticais, rematadas en pináculo e cruz ou cruz celta. de xeito que nos fan dirixir a ollada cara ao ceo, máis espiritual non pode ser. Tamén hai algunha laxe moi antiga a rentes do chan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *