Vive todo o Entroido en Galicia

Grandes cidades, vilas, aldeas… Todos os recunchos de Galicia viven con intensidade o entroido. Mesmo, aínda que non sexamos de disfrazar, comemos e bebemos as exquisiteces destas datas: cocido, lacón con grelos, filloas, orellas, flores, bica, licor café, xastré…… É imposible escapar do entroido!

Esta festa de liberación, de troulear, de cantar, de bailar, de vivir o mundo ao revés, perdurou na Galicia rural, en lugares pequenos onde a veciñanza participaba toda. A pouco que escarvemos, van aparecendo tradicións entroideiras por todas partes. A súa orixe máis remota ten que ver cos rituais da celebración da primavera, da sementeira, da fertilidade, de despedida do inverno. Máscaras e costumes que seica tiveran o propósito de afastar os malos espíritos das colleitas. Nas zonas urbanas, a festa remóntase a finais do século XIX, importada do rural, pero máis “elegante”.

Malia as épocas de guerra, de censura ou de emigración, o Entroido tirou para diante, e chegou aos nosos días con máis forza que nunca. Este ano, ademais, ten unha categoría especial, pois está protexido como BIC (Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial). Cómpre resaltar o esforzo de moitas asociacións e colectivos por conservar a tradición e recuperar festas case esquecidas que volveron coller pulo. 

Tan importante é en Galicia o entroido, que é o máis longo de toda Europa, pois o ciclo enteiro abrangue nada menos que cinco semanas, aínda que non dura o mesmo en todas partes, claro. De momento, o de Xinzo de Limia é o máis longo, este ano, do 20 de xaneiro ao 18 de febreiro. No entanto, con variacións e evolución dos costumes, hai días máis ou menos comúns na festa: domingo fareleiro ou borralleiro (empezan as bromas, a xente emporcállase con farelo ou borralla), domingo oleiro ou corredoiro (antigamente facíanse corridas de galos, hoxe faise o xogo das olas, guíndanse formigas, comezan os percorridos…), xoves de compadres (as mozas facían un boneco que representaba aos homes para queimalo e os mozos tentaban roubalo, as mulleres vestíanse de homes…), xoves de comadres (o mesmo pero ao revés), Domingo de Entroido (empeza a festa maior), Luns de Entroido, Martes de Entroido (día grande), Mércores de Cinza (remate da festa, enterro da sardiña) e domingo de piñata. Polo xeral, a festa grande é o Domingo de Entroido e o Martes de Entroido ou Martes Lardeiro. Este ano 2024, o Martes de Entroido é o 13 de febreiro.

En canto ás máscaras, son moi variadas, e moitas teñen nomes que nin se sabe de onde veñen. Mais, segundo as zonas, seguen uns patróns parecidos. As máscaras ourensás son coloristas, polo xeral cobren a cara, e asustan e, ollo, ás veces mesmo zoscan. Entre elas, por exemplo: os cigarróns de Verín; os boteiros de Vilariño de Conso, Manzaneda e Viana do Bolo; os verrallóns de Riós; os troiteiros de Bande; os murrieiros de Teixeira; os peliqueiros de Laza; as bonitas de Sande; as charrúas de Allariz; as pantallas de Xinzo; os vergalleiros de Sarreaus… Na zona atlántica, tamén se enche de cor, mais adoitan levar a cara descuberta e actúan de xeito máis grupal, como: os xenerais da Ulla; as madamitas e madamitos de Cercedo-Cotobade; as damas e galáns de Cangas e Vilaboa… Con todo, hai outras máscaras máis peculiares, como os mecos de Froxás das Viñas; os volantes da Ribeira do Miño; o Oso de Salceda; os merdeiros de Vigo…

E non hai festa sen música. No entroido rural, ademais das charangas, ruadas e foliadas populares, a música ven dun balbordo de chocallos e bombos, que impón unha especie de latexo atávico, que imaxinamos noutras épocas resoando entre as montañas. En moitas zonas hai folións ou fulións, formacións de varios veciños que desfilan polas aldeas tocando bombos, aveños de labranza, cornas…

Na provincia de Ourense vívese fondamente o entroido. Aquí é onde radica o chamado Triángulo Máxico, que ten a Verín, Laza e Xinzo de Limia como vértices. Neste último, por certo, está o Museo Galego do Entroido.

Ademais de ser unha celebración cargada de interese etnolóxico e antropolóxico, o Entroido galego esperta a curiosidade máis aló das nosas fronteiras, e estase a converter nun importante reclamo turístico. Até agora estes son os entroidos considerados FIT (festa de interese turístico): Xinzo de Limia (de interese internacional), Verín (de interese nacional), Viana do Bolo, Cobres, Laza, Manzaneda, Os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e Marín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *