Hórreos con nome propio en Galicia

Aquí temos miles de hórreos, pero hai algúns que desde logo non se esquecen, pois son monumentais, que case semellan máis catedrais que hórreos. A necesidade de conservar gran cantidade de cereal, mazás, ou calquera outro alimento, non é que fose de familias numerosas, senón que sempre tiña que ver co poder eclesiástico, pois a base de tributos tiñan de sobra para encher hórreos xigantes; de feito, todos estes forman parte de igrexarios, que é como se chaman as terras propiedade das igrexas.

Velaquí catro casos que pasan dos 30 m de lonxitude, que xa dan para bastante. Os catro pertencentes a igrexarios. Tres deles están na provincia da Coruña, no concello de Carnota (o de Carnota e o de Lira), ilustres representantes do estilo atlántico ou fisterrán, e no de Rianxo (o do Araño). O cuarto, o hórreo de Poio, atópase na provincia de Pontevedra. Todos eles en zonas costeiras, que é onde máis se teñen que preservar as colleitas da humidade. E todos eles con cámara de pedra, que resiste máis que a madeira os aires do mar.

Hórreo de Carnota. Este Monumento Nacional forma parte do conxunto arquitectónico da casa reitoral, pombal e igrexa de Santa Comba. Foi proxectado polo arquitecto Gregorio Quintela en 1768, aínda que en 1783 se lle engadiron 11 novos pares de pés. É dun estilo moi barroco, con adornos moi curvos, e moi imitado na zona. As súas medidas dan para almacenar material dabondo: 34,76 m de longo e 1,90 de ancho. A cámara está pechada con doelas horizontais con fendas de ventilación (os pasaventos). Conta con 22 pares de pés. A cuberta, a dúas augas, en tella e madeira de castiñeiro, ten remates barrocos e lampións centrais cunha cruz sobre unha bola. No ano 2020 foi rehabilitado.

Hórreo de Lira. Este forma parte do igrexario da igrexa de Santa María de Lira, tamén con reitoral e pombal. O plano atribúeselle ao mesmo arquitecto que o de Carnota, Gregorio Quintela. Foi construído entre 1779 y 1814 e, cousa pouco habitual, sobre unha plataforma de pedra, por mor das  irregularidades do solo. O mesmo que o de Carnota, ten 22 pares de pés, mais este é case dous metros máis longo, mide en total 36,53 m, aínda que é algo máis estreito: 1,60 m de ancho, co que resulta máis estilizado. A verdade é que, segundo os rexistros, daquela había rivalidade entre os curas de Santa Comba e de Lira, por ver quen facía o hórreo máis grande. O estilo dos dous é similar, con doelas de granito horizontais, rañuras de ventilación e tres portas. Os cantacuco e detalles do beiril son moi barrocos.

Hórreo do Araño. Este si que si: é o máis longo de Galicia e do mundo enteiro! Áchase na parroquia do mesmo nome, no lugar de Traba, en Rianxo, na horta da igrexa de Santa Baia do Araño, preto do pombal e da casa reitoral. A construción é de mediados do século XVII. Ten 36,75 m de cámara e 37,05 m de celeiro, e unha capacidade de 109,31 m3 na cámara e 59,09 m3 no celeiro. Curiosamente non ten pés, senón que a base é toda ela de pedra corrida, de cachotaría, e ten dúas portas e unha escaleira na parede que dá á igrexa. A cámara está feita con perpiaños horizontais en ringleira, coas súas físgoas de ventilación. As sobrepenas rematan en lampións máis pequenos, sendo a decoración máis austera que a dos anteriores.

Hórreo de Poio. Unha das paradas obrigadas na visita a Poio é o mosteiro de San Xoán de Poio, na ría de Pontevedra, fronte á illa de Tambo. O conxunto arquitectónico abrangue o antigo convento beneditino, con igrexa de grandiosa fachada barroca, dous claustros monumentais, un do século XVI e outro do século XVIII e demais dependencias, incluída unha hospedaría. O mosteiro destaca por contar cunha das bibliotecas monásticas máis importantes do Estado (ollo, con máis de cen mil volumes) e, por suposto, polo seu hórreo monumental. Na horta, o hórreo amosa o poder económico do convento. Non é o máis longo, pero en anchura non lle gañan. É de finais do século XVIII, e mide 33,46 m de longo e 3,37 m de ancho. Esta considerable coxía fai que precise tres filas de pés, co que suman 51. A diferenza dos anteriores, os perpiaños están dispostos en vertical, co que as rañuras de ventilación tamén, ten catro portas laterais, cuberta de tella a catro augas e carece de lampións decorativos. Ocupa un espazo de 123,32 m2. O conxunto arquitectónico pódese visitar de luns a sábado de 10:00 a 13:00 h e de 16:30 a 19:30 h e, os domingos, de 16:30 a 19:30 h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *