Guía gastronómica de febreiro

Aínda co gusto do Nadal e xa pensando no Entroido: así é a vida. Este ano, vai do 8 ao 14 de febreiro. Dentro de pouco, toda Galicia mergullarase no mundo dos cigarróns, dos boteiros, dos peliqueiros, das damas e galáns, dos xenerais da Ulla, dos choqueiros… E para iso fai falla enerxía, cómpre alimentarse ben cos produtos da terra e as receitas máis tradicionais nestas datas. Xantar nestas festas gastronómicas é un xeito de conectar coa esencia de Galicia, ¡e de pasalo xenial!

Feira do Butelo da Fonsagrada (3 e 4 de febreiro). O fin de semana anterior ao entroido é unha data perfecta para fornecerse de viandas para os cocidos do mes e saborear os primeiros butelos, quen non o fixese xa na Festa do Botelo do Barco de Valdeorras, o 20 de xaneiro, claro. Xa sexa con “o” ou con “u”, ourensán ou lugués, este embutido marabilloso é unha delicia. Na Fonsagrada, en montañas tan altas, a máis de 900 m, o butelo, afumado con leña de carballo, cura dun xeito único, converténdose no “rei da montaña”. Na festa, que vai pola XXVII edición, non todo é butelo, por suposto. Nas carpas, abertas de 10:00 a 20:00 h, tamén hai chourizos, xamón, mel, viño, queixo, pan… E música ao vivo e bailes tradicionais. O domingo 4, ademais, entrégase o Butelo de Ouro na Casa do Concello.

Festa de San Brais de Bembrive (3 de febreiro). A que se di a mellor romaría do inverno nas Rías Baixas é famosa polos furanchos, eses locais en casas particulares ou pequenas adegas que venden o viño excedente da colleita, acompañado de bos petiscos do país. Até 23 forman parte do mapa de furanchos do San Brais de 2024. Desde o 12 de xaneiro xa hai actuacións musicais, incluído o II Serán popular, no Palco Vello. O domingo 3 é a misa solemne e a procesión, e rematan as celebracións co concerto do Ateneo Musical de Bembrive. Despois de tanta xolda, non está de máis encomendarse ao santo do rouquén… Por certo, para facilitar as cousas, este ano hai habilitado un aparcadoiro na rúa Espedrás.

Feira do Cocido de Lalín (4 de febreiro). Esta é unha auténtica raíña das festas, que xa vai pola LVI edición e, por riba, é FIT internacional. Todo un acontecemento con gala de premios incluída, de xornalismo gastronómico e de gastronomía de Galicia, retransmitida en directo pola TVG, con actuacións musicais de primeira (Vicco, Nil Moliner, Rozalén…). Tamén haberá actividades deportivas (Divercocido, Motorcocido, Carreira do cocido), etnográficas (matanza tradicional), actuacións musicais e… como non, excelentes cocidos de Lalín! Xa se sabe que, “de San Amaro a San Valentín, mes do cocido en Lalín”.

 

Festa do Caldo de Ósos de Taboada (10 e 11 de febreiro). Sempre foi a tradición na zona preparar este caldo o segundo día da matanza. Na XXXII Festa do caldo de ósos de Taboada, podemos degustalo o fin de semana de entroido nos locais de hostalaría de Taboada e, o domingo, de balde, na Praza da Riazón. Mais non imos estar todo o día dándolle ao caldo, haberá que facer máis cousas. Pois claro, a festa non é só comer, durante todo o fin de semana haberá actuacións, exposicións, postos con produtos do porco, de viños e queixos… e moita música. E logo, que ósos leva o caldo este? Pois ósos da soá do porco, ou sexa, o espiñazo. O caldo tamén leva patacas, garavanzos, sofrito, miolos de porco, e a paciencia do lume lento, que tan ben sabe.

Festa do Cabrito de Vilariño de Conso (10 de febreiro). O sábado de entroido temos esta cita nun dos lugares con máis arraigamento carnavalesco. Esta é a terra dos boteiros, dos fulións e das fuliadas, mais tamén é terra de alta montaña e moita cabra. Nesta edición XXXV a tradición continúa. A panadaría Guerra, no centro da vila, será outra volta a encargada de asar máis de 100 cabritos. Irán acompañados de chourizo escaldado, empanada, bica, café e licores. As entradas están á venda entre o 1 e o 3 de febreiro.

Festa da Filloa de Lestedo (18 de febreiro). Nas lupandas nestas datas de entroido, a filloa é unha das protagonistas. Aínda que o día grande da festa de Lestedo, que este ano leva a XLI edición, é o domingo 18, desde o sábado 10 xa se pon en marcha coa Festa da Filloíña, dedicada ao público infantil; séguelle o mércores o Filloa Cooking e, o sábado, o Festival Filloa Folk. O domingo, desde as 8 da mañá, estarán as espectaculares máquinas filloeiras traballando sen descanso. Haberá música, degustacións, demostracións culinarias (por certo, este ano o pregoeiro é Javier Olleros, de Culler de Pau)… E, por suposto, á festa acudirán a cabalo os auténticos xenerais da Ulla, os personaxes tradicionais na zona polo entroido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *