Rutas refrescantes Lugo

Que tal un paseo pola costa, con baño incluído? Ou mellor no medio do bosque, baixo a sombra das árbores? Ou pola beira do río? Ou… Por se non se nos ocorre por onde tirar, aquí chegan tres propostas do máis refrescantes para esquecernos dos abafos do verán:

Empezamos cunha ruta lineal que contén todos os ingredientes dunha paisaxe costeira ben completa: praias, furnas, miradoiros, sendeiros entre pedras, por aldeas, carreiros, cantís… Referímonos á  ruta da Costa do Vicedo, na Mariña Occidental.

Esta é unha ruta lineal de 13 km. Empeza preto do porto do Vicedo, ao comezo do espigón, e segue pola praia do Vidreiro e a praia do Caolín, onde podemos ver unha antiga fábrica de salgadura. Despois de atravesar algunha aldea a ruta continúa pola costa. Hai un desvío para achegarmos á igrexa do Vicedo, renovada no século XVIII. Polo visto, unha noite de treboada apareceu un cadro coa imaxe de Santo Estevo na praia de Xilloi e, alá onde o deixaron os veciños despois de sacalo do mar, foi onde se fundou a igrexa.

No camiño sucédense miradoiros con grandes vistas. O primeiro deles, o máis espectacular, xusto enfronte da illa Coelleira. Despois, chegamos ao miradoiro de Toxido, coa praia do mesmo nome aos pés. O seguinte é o miradoiro de San Román, onde está a cruz de San Román do Val. E, cara abaixo, dirixímonos á praia de Area Grande, onde remata a ruta. 

Despois deste paseo pola costa, que tal se viramos cara ao interior, en busca de auga doce? Na Ribeira Sacra, no concello de Pantón, hai unha pequena ruta un tanto agochada que refresca con moita forza: a ruta da fervenza de Augacaída. Comeza na estrada en dirección Marce, baixando un sendeiro entre árbores. Despois de cousa dun quilómetro, o camiño ten un ramal que vai dar á fervenza e outro ao castro de Marce. A baixada a Augacaída, ben sonora, acollida polo bosque, está moi preparada para evitar tropezos, con pasarelas e varandas de madeira. O salto é de 40 m, nada menos, así que fixo que algo refresca.

Esta ruta tamén ten interese etnográfico, pois atopamos restos de refuxios para o gando, así como os restos dun poboado castrexo, no castro de Marce, no punto máis elevado, onde temos aseguradas unhas boas vistas sobre o Miño.

Ao seu paso por Rábade e Outeiro de Rei, o Miño marea as augas entre moitos meandros que foron dando orixe a pequenas illas. Moitas fican ocultas durante o inverno, de xeito que é boa idea darse un paseo pola zona no verán. Trátase das Insuas do Miño, que forman parte da reserva da biosfera Terras do Miño. A contorna ten moitos tipos de bosques de inundación e climáticos, e unha gran diversidade de flora acuática. Con moitas espadanas en verán, sobre todo. A illa máis destacada é a insua de Seivane, no núcleo da reserva, no Z.E.C. Parga-Ladra-Támoga.

É a insua máis grande da canle alta e media do Miño, dunhas 12 ha. Accédese a ela a través dunha pasarela colgante. Nada máis chegar, hai unha área de recreo con mesas, onde tamén podemos tomar un baño. O paseo transcorre por un sendeiro de pescadores polo perímetro da illa, entre moito bidueiro, carballo, freixo, acivro… 

Pois xa que atopamos refresco no mar, na fervenza e no río, agora nos falta por probar un paseo por unha lagoa facendo, por exemplo, a ruta das lagoas, en Cospeito. Aínda estamos na reserva de Terras do Miño, na Terra Chá. Pola gran variedade de hábitats presentes na zona, É un paseo especialmente indicado para xente que goza observando paxaros ou, como se di agora, afeccionada ao birding. De feito, hai unha ruta deseñada xusto para iso; a ruta ornitolóxica Crecca, para aguzar os sentidos e apreciar a variedade de aves (tartaraña cincenta, bubela, ouriolo, andoriña, cuco…). Por certo, a visita, malia ser de balde, require reserva previa a efectos organizativos.

A ruta das lagoas é lineal, duns 14 km, que tamén se poden facer en bici ou mesmo a cabalo. e parte do centro de interpretación da Lagoa de Cospeito. Despois, chega á Lagoa de Carballosa e intérnase no bosque, rodeando a Feira do Monte e pasa por zonas agrícolas e forestais. Remata na igrexa de San Martiño de Lamas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *