Galicia destino surf 

Desde hai anos, Galicia está nos primeiros postos na lista de mellores sitios onde practicar surf en España. A súa situación no extremo do mapa, recibindo o embate das borrascas, fai que sempre teña ondas dabondo, e o que se di swell, ou sexa, mar de fondo. 

Cada vez hai máis afeccionados, máis escolas… O surf vai incorporándose con normalidade como unha actividade extraescolar máis. Tanto spot, swell, surf camp, shaper… Estaremos en California? Non: isto é Galicia, aínda que a busca da onda ideal converta as nosas praias nun destino ideal para surfistas de todas partes. Moitas veces, sen decatarnos, cruzámonos na area cos mellores surfistas do mundo, que recalan na costa galega.

No concello de Valdoviño, en Ferrolterra, hai praias a mar aberto estupendas para coller ondas. Forman parte da chamada Costa das Ondas. Aquí saben moito de surf, mesmo contan co Océano Surf Museo. Aínda que todo o ano dan ondas de calidade, a mellor época nestas praias é a primavera e o verán. A máis coñecida é Pantín; outras boas son Campelo, A Frouxeira e Vilarrube.

Pantín. Esta praia en forma de ferradura, tamén coñecida como O Rodo, está aberta a marusías por todas as frontes. Malia non chegar a 1 km de lonxitude, co que ás veces está ateigada de xente, ten unha constancia que fai dela un dos mellores lugares para aprender. Conta con rompentes para aburrir. Moitos picos de dereitas e esquerdas e ondas moi grandes e de moito percorrido. De feito, dise que se non hai ondas en Pantín é que non hai en toda Galicia, por iso tamén a chaman “fábrica de ondas”.

Aquí celébrase desde 1988 o Pantín Classic, un dos campionatos de surf máis antigos de España, e de maior nivel profesional. É festa de interese turístico, e celébrase a finais de verán. Por certo, só nesta praia hai oito escolas autorizadas. Ademais, conta co Océano Surf Club.

A Costa das Ondas tamén abrangue praias de Ferrol, como Doniños, Esmelle, San Xurxo, A Fragata, Covas-O Vilar, Santa Comba e Ponzos. A máis famosa é Doniños.

Doniños. Esta praia esténdese ao longo duns 2 km, estirada fronte ao mar aberto, moi salvaxe, nunha contorna con dunas, piñeiros e lagoa. Cando mellor está para coller ondas é cando a marea baixa vai subindo, e se producen moitos picos. Ao sur está a rompente da punta Penencia e, ao norte, a zona de Outeiro, con moitas ondas variadas. Desde logo, Doniños é perfecta para o surf.

A Costa da Morte, tan salvaxe, tamén é destino surf número un. Entre as mellores praias para facer surf destacan Razo, Faro de Lariño, Soesto, Mar de Fóra, O Rostro, Area Maior…

Razo (Carballo), a derradeira praia da Costa da Morte, é un longo areal que, pegado co de Baldaio, coas súas dunas e marismas, conforma o Espazo natural Razo-Baldaio, estendéndose nunha lonxitude de case 6 km de praia. É moi boa para aprender a surfear e tamén para profesionais, xa que conta con múltiples e variados picos en toda a praia (A Cabreira, o Art, o Cordobés, o do Teirón, o da explanada, o do Río…). A mellor época para facer surf aquí é entre abril e setembro; os principiantes, mellor en verán, cando a praia se converte na capital dos surfcamps. Aquí celébranse varias probas durante o ano.

Nas Rías Baixas tamén se fai surf. Un dos areais máis populares é o de Patos. Tamén destacan A Lanzada e Montalvo.

Patos (Nigrán). É unha praia con moita tradición surfeira, moi concorrida durante todo o ano. Destaca o pico de Monteferro, no extremo máis occidental. Ten variados picos que funcionan con mar de noroeste. Ademais de gozar as ondas, é un luxo facelo con vistas ás Cíes.

Doutra banda, as praias do Cantábrico tamén dan boas ondas, sobre todo entre outono e inverno. Destaca a onda da Machacona, preto da Areoura, e a praia de Peizás, en Foz, e a de Oliñas, en Barreiros.

Ás veces, non se trata de buscar a mellor praia senón a mellor grande onda (big wave), e desas tamén temos unhas cantas, como a do Portiño, na Coruña, onde se celebra o Coruña Big Wave ou a O Panchorro, a grande onda na Illa Pancha na bocana da ría de Ribadeo, onde se fai o Illa Pancha Big Waves.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *