Rutas refrescantes A Coruña

Camiñando polos cantís da costa coruñesa, ou polas beiras dos ríos, entre árbores e muíños, ou directamente por sendas que comezan na praia… Aquí temos unhas cantas rutas ben refrescantes para os días de máis calor:

Ruta Seixo Branco-Furnas (Oleiros). Esta é unha das tres rutas que percorren o monumento natural da Costa de Dexo-Serantes. É un traxecto circular que abrangue 3,6 km. Para situarnos, temos que aclarar que o Seixo Branco é un peculiar filón de cuarzo branco que se ve de lonxe nos cantís, e serve de referencia a navegantes. 

O ZEC Costa de Dexo-Serantes está entre o faro de Mera e o porto de Lorbé, entre as rías de Ares e Betanzos, no Golfo Ártabro. A andaina comeza na zona de Canaval, preto do clube de tenis. Continúa cara ás vellas baterías militares, instaladas hai moito aproveitando este punto estratéxico. No percorrido atopamos varias furnas, como pozos onde bate o mar e ascende con furia, como a de Ollo Pequeno, A Regocha e Ollo Grande. Por suposto, tamén podemos ver de preto o filón xeolóxico. Todo isto con estupendas vistas sobre a ría de Ares e Betanzos e a da Coruña, o cabo Prior e o illote da Marola. Esta é unha zona de gran riqueza animal, con gaivotas patiamarelas, corvo mariño cristado, andoriñón real… A flora da zona está dominada por grandes extensións de matogueira e toxo.

Ruta Costa da Morte (Camariñas). Este traxecto é refrescante polo aire ventoso e máis polas fantásticas vistas sobre o litoral da Costa da Morte. É unha ruta circular, na categoría de pequeno percorrido, homologada pola federación galega de montañismo. O camiño principal é de 22,5 km, aínda que hai dúas derivacións, unha á ermida do Monte, e outra ao faro Vilán. Por certo, tamén se pode facer en bicicleta ou a cabalo.

O primeiro tramo parte do Castelo do Soberano, restos dunha fortaleza do século XVIII, con vistas á entrada da ría e ás vilas costeiras. Tamén pasa pola capela da Virxe do Monte e vai pola beira do mar, cruzando varias praias, como a de Lago e a de Coidal das Castanas, de coios. 

O tramo central vai do camiño do cabo Vilán até o cabo Tosto, tamén chamado Trece. É unha zona de gran valor paisaxístico, cultural e medioambiental. Atopamos o faro Vilán, o centro de interpretación de sinais marítimos e naufraxios da Costa da Morte, o illote Vilán de Fóra, a Furna dos Infernos, a enseada Armeliña, o cemiterio dos Ingleses, a praia virxe de Trece e a duna de Monte Branco, das máis elevadas de Europa.

O tramo final da ruta transcorre pola zona máis interior onde, desde o alto, contemplamos boas panorámicas da ría e da costa, e remata en Camariñas, de volta no castelo do Soberano.

Sisalde Amarela (Arteixo). Así é chamada a unha das sendas do río Sisalve. A outra é a Sisalve vermella, un pouco máis longa. A amarela abrangue 7 km, e comeza e termina na praia de Barrañán. Na desembocadura do río Boedo, encamiñámonos cara á fraga de Sisalde, un bo exemplo de bosque atlántico, con moito carballo, castiñeiro, salgueiro, ameneiro, fieito… Os lugares máis significativos da ruta son: o Camiño da Area, o muíño dos Zapata, a igrexa de Barrañán, Os Boedos, o monte de Cartas, o castro de Armentón e a área recreativa de Sisalde. Como vemos, poucos quilómetros pero cheos de paradas interesantes.

Refuxio de Verdes (Coristanco). Na parroquia de Verdes, atopamos este coto de pesca, na ZEC río Anllóns. Aquí hai unha pequena ruta, de tan só uns 500 m, moi refrescante, animada polo balbordo dos saltos do río. O camiño vai pola marxe dereita do río Anllóns, desde o Muíño de Pose até o das Sangueiroas. Neste tramo, as rochas van asomando no leito do río como pequenas illas, entre rápidos e fervenzas. Algúns dos muíños que aparecen na ruta se poden visitar, xa que están restaurados.

O frescor no traxecto tamén ten que ver co poboado bosque de ribeira que nos rodea, con moito ameneiro, salgueiro, freixo, sanguiño… Hai varias pontes de madeira para gozar mellor da paisaxe e acceder aos sendeiros de cada beira do río. O refuxio tamén dispón de área recreativa con bancos, mesas e até grellas para cociñar. Podemos continuar un quilómetro máis até Ponte Dona, que une os concellos de Coristanco e Ponteceso. Se ficamos con ganas de andaina, podemos seguir o camiño até Ponteceso, e xa serían uns 14 km.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *