Rutas refrescantes Pontevedra

Internarse nun sendeiro entre as fragas para rematar cun baño nunha poza de auga limpa e fresca entre bolboretas, paxariños e cabaliños do demo? Unha andaina de monte á praia sentindo a airexa do océano e bañándose, esta vez, en auga salgada? Unha ruta pola serra, ao ritmo do balbordo das fervenzas? Ou unha por un camiño de muíños de río? Que refrescará máis? O mellor será dar un paseo por algunha destas rutas; seguro que acabamos facendo unha detrás doutra. Enchede as vosas cantimploras, camiñantes! 

Ruta de Donón (Cangas). Tamén é coñecido como Sendeiro Azul pola Costa da Vela. Esta ruta mariña, duns 11 km, que se fan a bo paso nunhas 3 horas, ten moito de natureza, etnografía, historia, lenda, cultura… E sempre coa brisa do mar que nos refresca.

A ruta comeza a pé do monte do Facho, onde perduran os vestixios dun pasado importante, como proban os petróglifos e restos romanos e medievais. Aquí están as misteriosas ruínas do santuario galaico-romano de Berobreo (III-IV d. C.), con nada menos que 174 aras votivas. Nesta zona, a garita, construción de vixilancia do século XVIII, é una miradoiro magnífico. Polo camiño tamén atopamos moitos hórreos e un muíño á beira do río.

Neste rodeo da costa damos con algún faro que outro. O primeiro, o de Punta Subrido. Entre esta punta e a Punta Robaleira, co seu faro, debuxa un arco a praia de Melide, ben resgardada entre as dúas.  Se facemos aquí unha parada, corremos o risco de ficar para sempre, do ben que se está. Na zona máis occidental está o principal faro, o de Cabo Home, un dos máis altos de Galicia, case dándolle un bico ás Cíes, separadas del 2 km.

Cara ao final da ruta, se coincide o solpor, non podemos perder unha ollada ao sol enmarcado na Buguina, escultura-miradoiro feito por Lito Portela en 2005.

Ruta dos Casariños (Fornelos de Montes). Esta ruta píllanos en plena serra do Suído, berce de moitos ríos de Pontevedra (Tea, Verdugo, Oitavén, Avión). Cando vai calor, aquí pega o sol arreo mais, tendo a auga cerca, non hai problema, á mínima dámonos un baño. 

A ruta empréndese na área recreativa de Airoa. Aquí séguese unha pista forestal que nos leva ao alto dun miradoiro, con banco incluído. Despois de contemplar as vistas con calma, baixamos até as fervenzas dos Casariños, onde nos esperan varios saltos de auga no río Fonte Uceira, que baixan polos chanzos naturais que definen as rochas, case nun anfiteatro natural. A cousa remata en poza, de xeito que é importante levar bañador na mochila. 

Esta pequena ruta pode ampliarse coa ruta dos Chozos da Laxe, que é circular e un pouco máis longa, nunha paisaxe de montaña chea de chozos, que son pequenas construcións de pedra para gorecer os pastores.

Parque natural Río Barosa (Barro). Este parque conta cun roteiro circular de 4 km. No percorrido abondan os muíños, até dezasetealgún deles restaurados. Como é sabido, onde hai muíños, é sinal de que a auga baixa con forza, entre saltos, algúns deles ben grandes. De feito, atopamos unha fervenza de ata 30 m de desnivel.

Neste recollido mundo de fervenzas e bosques, a natureza agasállanos con flora e fauna de primeira, cen por cen da zona e do lugar: sabugueiros, espiños, musgos, réptiles, lontras, xabarís, garzas…

Pode ser que na nosa visita nos crucemos con algún peregrino a Compostela, xa que a poucos metros pasa o Camiño Portugués.

Ruta máxica de Oia. Nesta andaina combínase o interese paisaxístico, arqueolóxico e refrescante tamén, xa que no monte hai agochadas varias fervenzas e pozas para gozar dun bo baño. A ruta é lineal, abrangue uns 20 km, e discorre a unha altura de entre 100 e 300 m sobre o nivel do mar, na serra da Groba. Na primeira parada atopamos os petróglifos da Pedreira, desde onde temos vistas sobre o porto e o mosteiro de Oia. Máis adiante, continúan os gravados rupestres, pois o monte está cheo deles, por exemplo na zona do Viveiro e en Outeiros de Morouzo, co famoso gravado da Pedra do Cazador.

Internámonos no canón do río Broi, que ten un estupendo bosque de sobreiras, o bosque mediterráneo máis occidental de Europa: as Sobreiras do Faro. Chegando ao Cano dos Mouros, as vistas sobre a serra da Groba e a costa dannos idea da nosa situación.

Seguimos entre pistas asfaltadas e forestais ata os gravados do Pousiño. Aquí preto agárdannos varias fervenzas e as pozas do río Peito: as pozas de Mougás, onde un baño tomarás. Outro punto clave da ruta é o alto da Cabeciña, con restos de fortificacións, petróglifos e vistas. O paseo remata baixando a ladeira cara a Baiona, no barrio da Mata.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *