Riqueza micolóxica de Galicia

Polas condicións climáticas e a diversidade de ecosistemas, Galicia é todo un paraíso do reino fungi. Falamos dunha riqueza tal que hai moitísima diversidade de especies. Ademais, cada vez hai máis estudosos e afeccionados á micoloxía. Só hai que ver a cantidade de asociacións micolóxicas que hai por Galicia adiante, agrupacións moi activas nas que se desenvolven seminarios, xornadas, saídas…

Tamén está a cuestión gastronómica. Os fungos teñen moita auga, pero tamén proporcionan vitaminas, potasio, fósforo e selenio. Con sinxelas preparacións están moi saborosos, e cada vez hai máis demanda e máis restaurantes que teñen as súas outonais xornadas de cogomelos.

Ao final, mesturando micoloxía, micogastronomía e micoturismo, chega o outono e todo o mundo vólvese tolo cos cogomelos (e non nos referimos aos alucinóxenos). Á hora de ir apañalos, cómpre ter claras dúas cousas: fiarnos só de profesionais á hora de identificar exemplares para o consumo e non coller máis de 2 kg por persoa e día se non queremos levar unha multa; a verdade é que, co pouco que pesan os cogomelos, chega dabondo. E, por suposto, respectar as propiedades privadas, claro.

Os cogomelos máis comúns en Galicia son: Armillaria mellea, cantarelo, cogomelo de cardo, níscalo, cogordo, boletus e tortullos. Hai moitas tóxicas, ademais da archicoñecida Amanita phalloides, como a Amanita muscaria, o tortullo dos cabaleiros, o paxilo, a cicuta branca, a Amanita virosa, ou o Cortinarius orellanus.

Pois xa que estamos na mellor época, collamos a cesta de Carrapuchiña, o coitelo ou navalla, e ao monte! Mais, a que monte? Deamos unha volta por cada provincia, a ver que nos encontramos.

Unha zona de moita tradición na Coruña é a Serra da Capelada, onde hai moito níscalo (Lactarius deliciosus), propio das zonas de coníferas e costeiras e Boletus edulis (boletos, madeirudo, andoa cabaza), moi dados a brotar baixo os carballos. Desde logo, onde o reino fungi se estende abundantemente é nos piñeirais e nos bosque caducifolios. Podemos ir a Monte Xalo, Teixeiro, Curtis, As Pontes, Val de Loureda…

Na provincia de Lugo o fungo máis frecuente é o Boletus edulis, en zonas de soutos e piñeirais, e o níscalo, en piñeirais e bosques mixtos; máis ao sur, a Amanita caesarea, (raíña ou amanita dos césares) que en realidade é máis propia de zonas máis cálidas, pero xa se sabe que o cambio climático o desnorta todo. Paraísos dos fungos son O Courel, nos bosques de Folgoso e Seoane e na Devesa da Rogueira (lepiotas, níscalos, amanitas) e Os Ancares (Boletus edulis e Boletus fuscoruber). A Ribeira Sacra tamén é moi rica en cogomelos (boletus, russula, cantarelos, cerrotas). Outros destinos para ir coa cesta son O Incio (cantarelos, boletos reticulados, fungos dos cregos) e, máis ao norte, a Serra do Xistral, onde abundan os Boletus edulis, parasoles (Macrolepiotas procera), russulas (Russula vesca) e cantarelas (Cantharellus cibarius).

Na provincia de Ourense son moi frecuentes os cogordos, fungos altos e finos que poden chegar até os 40 cm. Pena Folenche, na Pobra de Trives, con tanto souto e prados, ofrece un ecosistema estupendo para os cogomelos (bóla de neve, sendeiriña, cogordo). Na Serra do Suído, que comparte coa provincia de Pontevedra hai zonas frondosas de coníferas con Boletus reticulatus, Boletus edulis, Hydnum repandum (lingua de vaca)… A Ribeira Sacra ourensá tamén está chea de fungos.

Nos montes de Pontevedra os destinos máis frecuentados para a recollida de cogomelos son O Vixiador, en Candeán, Marcosende, a contorna do lago Castiñeiras e o monte Castrove, entre Meis e Poio. Tamén hai moitas especies nos piñeirais costeiros da illa de Arousa e do Grove, nas ribeiras do Ulla e nas carballeiras e soutos de Lalín, Silleda e Forcarei. Os cogomelos máis habituais son boletus, cantarelas, lingua de vaca, níscalo e zarrota.

Para coñecer máis a nosa riqueza micolóxica o mellor e facer un pouco de micoturismo e asistir a algunha das moitas xornadas e rutas que organizan en outono diversas asociacións e colectivos, como as que se fan en Touro, Curtis, As Pontes de García Rodríguez, A Laracha, Lugo, O Courel, Cedeira… Tamén hai moitas festas de exaltación do cogomelo, como a de Soutelo de Montes, a de Teixeiro, a da cantarela de Paderne, a de Riós…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *