As pontes de ferro máis coñecidas de Galicia

A finais do século XIX, coa expansión do ferrocarril, que demandaba quilómetros de vías atravesando a paisaxe, e o desenvolvemento da industria siderúrxica, que posibilitaba estruturas máis grandes, resistentes, e rápidas de construír, aquí e acolá empezaron a levantarse pontes de ferro. A vida moderna chegaba a Galicia onde, habendo tantos ríos, estas pontes foron unha boa solución para acortar distancias. As máis significativas construíronse entre 1883 e 1920.

Ponte Internacional de Tui-Valença. Esta foi a primeira ponte que cruzaba o Miño entre a provincia de Pontevedra e Portugal. Foi proxectada por Pelayo Mancebo y Agreda e inaugurada en 1886. Mide 399 m e consta dunha estrutura de ferro de celosía, a modo de túnel ou caixón, que dá cabida a unha pasarela para o tráfico rodado, outras para peóns ás dúas marxes, e unha superior para a vía férrea. Hoxe en día é atravesada por catro trens diarios, por vehículos e por peóns, entre eles moitos peregrinos, xa que por aquí pasa o Camiño Portugués. En 1993 construíuse a nova ponte internacional, que é a que máis se usa.

Hai anos, antes da Unión Europea, ao cruzar a ponte notábase máis o cambio de país, pois na fronteira agardaban os empregados aduaneiros que examinaban os vehículos e comprobaban a identidade dos viaxeiros. Ás veces, o trámite era lento e facíanse colas.

A vella ponte de ferro é todo un símbolo de irmandade entre Tui e Valença. Hai ocasións, como na celebración do IKFEM, festival de música que naceu coa eurocidade, na que a ponte se pecha ao tráfico e se converte nun escenario máis do evento.

Redondela. A chamada “vila das pontes” é atravesada, efectivamente, por dous viadutos que cruzan o río Alvedosa: o de Pontevedra e o de Madrid. O primeiro en inaugurarse, en 1876, foi o de Madrid, chamado así porque por el pasaba a liña ferroviaria Vigo-Ourense-Madrid. Son nada menos que 411 m de estrutura de ferro laminado, que lle daba unha característica cor vermella, e partes laterais e pilares de pedra. Está a unha altura de 32 m, moitas veces por riba dos tellados. Deixou de utilizarse en 1971. En 2012 foi restaurado e pintado de verde.

O viaduto de Pontevedra, no barrio da Esfarrapada, débelle o nome á liña Vigo-Pontevedra. Foi inaugurado en 1884, e ten unha estrutura máis lixeira que o de Madrid. Tamén é máis pequeno, de 250 m. Na actualidade continúa funcionando.

Ponte de Cortegada-Filgueira. Esta ponte une os concellos de Cortegada (Ourense) e Crecente (Pontevedra) e cruza o Miño. Fíxose para continuar a vella estrada comarcal C-531, que unía Vilagarcía de Arousa e Xinzo de Limia. Foi inaugurada en 1920 e, seguindo a moda da época, presenta unha estrutura de ferro, en caixón de celosía, e soporte de granito.

En 2008 abriuse unha nova ponte de aceiro e formigón: a Ponte Nova

Ribas de Sil. A ponte de ferro de San Clodio sobre o río Sil, que une San Clodio e Quiroga, foi rematada en 1883. O seu artífice foi o mesmo que o da ponte de Tui, Pelayo Mancebo. Mide 126 m de longo e 6,40 m de ancho, e conta con dous arcos de pedra e dous piares como apoio a dous taboleiros metálicos de 78 e 18 m de lonxitude. Hoxe por aquí pasa a estrada LU-P-5301, e segue en plena actividade.

Os Peares. Neste enclave de ríos e encoros no concello da Peroxa, na Ribeira Sacra ourensá, abundan as pontes, de feito, ademais desta de ferro hai catro, e ben próximos. En 1885 inaugurouse a ponte de ferro sobre a desembocadura do río Búbal e Sil no Miño, para dar paso á vía férrea que unía Monforte de Lemos e Vigo. Está feita en estrutura de ferro con celosía e mide 107 m. Ademais de pasar o tren por ela, conta cun pequeno paso para peóns.

En 2004 foi pintada de azul (antes era negra).

Ponte do Barqueiro. Está visto que con esta toponimia, si era necesaria a barca para cruzar o río Sor, a ponte sería ben recibida. Cruza o río na súa desembocadura, ao seu paso polo Porto do Barqueiro, vila mariñeira e turística no municipio de Mañón, na Coruña, conectando as provincias da Coruña e Lugo. A súa estrutura debuxa tres grandes arcos metálicos de cor verde.

Foi inaugurada en 1901. Máis adiante construíronse outras dúas pontes, unha para vehículos e outra para ferrocarril, que acabaron por facer a súa función. Cara a 1980 foi pechada ao uso de vehículos e, en 2006, rehabilitada para sendeiristas e ciclistas. Hoxe en día tamén se coñece como “A vella ponte”.

Pontedeume. A ponte de ferro sobre o río Eume, xa na entrada da ría de Ares, ten 150,97 m de lonxitude e está feito de dous piares centrais de cantaría, cachotaría e formigón e arcos de celosía. Comunica os concellos de Cabanas e Pontedeume desde o ano 1913. Por aquí pasa a liña ferroviaria Betanzos-Ferrol, e tamén conta con espazo para os peóns. Xunto a ponte de pedra e a ponte nova, máis metidas no esteiro do Eume, forma parte da postal máis típica de Pontedeume.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *