Coñecer Monforte de Lemos en 5 plans

Ao sur da provincia de Lugo hai unha cidade levantada arredor dun monte, un río e un val, cun poderoso pasado, un rico patrimonio histórico-artístico e… moitos trens. Si, é Monforte de Lemos! Para descubrir todos os tesouros que agocha, hai cinco destinos que non podemos esquecer:

Conxunto monumental de San Vicente do Pino. Este conxunto monumental coroa o monte de San Vicente. Está formado pola Torre da Homenaxe, o Pazo condal e o Mosteiro beneditino. A torre e a muralla son do século XIII, aínda que foron reconstruídas despois de ser asoladas polos irmandiños. Das torres que tiña a muralla na orixe, só fican cinco: a de Santo Domingo, a do Castelo pequeno, a dos Monxes, a dos Arcos e a do Cárcere Vello. Tamén hai dúas portas: a da Alcazaba e a Nova. A Torre da Homenaxe, símbolo da cidade, mide 30 m, un rañaceos na súa época. Desde o alto abárcase dunha ollada todo o Val de Lemos.

O mosteiro foi levantado sobre unha antiga ermida. Aínda que a orixe é do século X, o que se conserva é sobre todo do XVI. A fachada, así como o claustro, é neoclásica, e ten escudo real e unha imaxe de San Bieito. Na igrexa acaroada, cun altar maior atribuído ao mestre Mil Bienes, está o sepulcro do abade don Diego García. Este, segundo a lenda, morreu baixo unha coroa de fogo a mans do conde de Lemos, por ter encontros segredos coa súa filla.

O pazo condal levantouse no século XVI sobre os restos dunha construción anterior e, no século XVII, reconstruíuse despois dun grande incendio. O seu esplendor transcorreu nos séculos XVI e XVII, na época do VII conde, don Pedro Fernández de Castro, moi poderoso na Península e en Italia, e mecenas de grandes escritores, como Cervantes. Na actualidade, o pazo e o mosteiro úsanse como parador de turismo.

Barrio Xudeu. Baixando polo burgo medieval, as rúas da xudería son ben identificables porque case todas se refiren aos oficios (zapatería, pescadería…). O barrio xudeu de Monforte, xunto co de Ribadavia e Tui, forma parte da Rede de Xuderías de España e da Rede de Camiños de Sefarad. A poboación xudía foise asentando pouco a pouco na sociedade e, aínda despois da expulsión, moitos xudeus volveron conversos.

A ruta da xudería comeza no mesmo monte de San Vicente, onde na torre da homenaxe hai grabadas dúas cruces de Salomón. Na Porta Nova hai restos dunha sinagoga e de varias casas, hoxe case todas hortas, habitadas antano por xudeus. A rúa principal era a Falagueira, que une a Porta Nova coa Pescadería. Aínda fican restos do trabuleiro, o expositor que usaban os zapateiros no peitoril da fiestra. Ao final da Pescadería está a casa dos Gaibor, importante familia xudía conversa.

Nosa Señora da Antiga. Un tío avó do conde don Pedro, o cardeal Rodrigo de Castro, foi o que comezou a súa construción, aínda que non a vería rematada. O Colexio de Nosa Señora da Antiga, ou Colexio dos Escolapios, naceu con aspiracións a converterse no Escorial Galego, e de feito dáse un aire, co seu estilo herreriano dos séculos XVI e XVII. É unha construción impoñente, simétrica, cunha cúpula central rematada en lanterna. Conta cunha importante colección de arte, que se pode gozar na sala de exposicións localizada na antiga sancristía. Alí podemos contemplar un San Xerome e un San Francisco do Greco e até cinco táboas de Andrea del Sarto, entre outras obras. Todo un Escorial para Monforte. Nunha época ata contou cunha adoración de Hugo van der Goes, que foi vendida polemicamente a principios do século XX para restaurar o edificio.

Paseo polo río Cabe. O río que atravesa Monforte nace na serra do Courel e morre no Sil, en plena Ribeira Sacra. É un luxo ter o río no mesmo núcleo urbano, e poder pasear polas dúas marxes, entre as árbores e, se queremos, en bici. O paseo lévanos fóra da cidade, pois segue pola parroquia de Piñeira.

Este río, que nos trae as coñecidas néboas londinienses de Monforte, nas que ás veces só se albisca a torre de san Vicente, tamén nos trae ás veces xeo en inverno, (para contemplar, que ninguén saque os patíns), e paseos en barca de aluguer en verán, desde o embarcadoiro do Parque dos Condes. No río vense parrulos, cisnes, piragüistas… e un animado club fluvial.

Sobre o Cabe cruzan a Ponte Vella, de orixe medieval, co convento de Santa Clara enfronte, e unha ponte de madeira recente.

Museo do Ferrocarril (MUFERGA). Se no século XVI Monforte atravesou unha época de esplendor, no século XX viría outra coa chegada do tren. Faríalle mesmo merecedora do título de cidade, outorgado por Alfonso XII polo seu progreso. Monforte converteríase nun nó ferroviario moi importante, motor da súa economía durante moitos anos. Para lembrar toda a súa historia ferroviaria, só temos que achegarnos ao Museo do Ferrocarril de Galicia. Ten dúas edificacións: o museo en si, que ocupa os antigos obradoiros de tracción e reparación das locomotoras a vapor de Galicia; e a rotonda ferroviaria ou nave da rotonda, no seu tempo a transbordadora xiratoria de trens máis grande de España. O museo conserva e exhibe pezas únicas en canto a locomotoras, vagóns e todos os obxectos que teñen que ver con este mundo. O bo é que sempre está actualizándose e recibindo constantes achegas á colección. Ademais, conta cun tren infantil que dá unha volta polo exterior do museo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *