Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia: Sheila Barbeito de “Roots”. A Coruña

Nos concursos de tapas celebrados durante o ano 2022 nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela foron seleccionados os 7 cociñeiros que participarán nesta gala. O roteiro suxerido percorrerá a xeografía galega no sentido das agullas do reloxo ata rematar en Santiago de Compostela, destacando algúns dos seus principais recursos turísticos urbanos, xunto coa proposta de tapa representante de cada cidade.

Sheila Barbeito non sempre tivo claro o moito que lle gusta a cociña familiar. Non foi ata que a unha idade temperá tivo que tomar as rendas da súa carreira profesional. Logo de compatibilizar os seus estudos coa xestión dun local de comidas, coñeceu a Fernando Estévez, propietario de Roots, e puxeron en marcha o restaurante no ano 2015. Fernando era alleo ao mundo da cociña. Marchou da súa Pontevedra natal cara A Coruña para estudar Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos. Pero logo de rematar os estudos, a crise fixo que tivera que explorar outros camiños. Foi así como, xunto coa axuda dun grupo de socios, abriu o Central Park na Praza de Vigo, local no que refinou a que acabaría por ser a carta do Roots.

O petisco Gyoza de chocos na súa tinta é unha creación conxunta. A idea xurdiu por casualidade. Quixeron facer algo semellante a unha masa feita con vieira. Probaron con diferentes moluscos ata chegar ao calamar da ría, «porque ten que lembrar á nosa terra”, asegura Sheila. O seguinte paso foi deshidratalo e facer unha oblea rechea. Finalmente tórrano e preséntano nunha vaporeira, que é onde se cociña.

Aqueles que o probaron dixeron que evocaba o arroz ao mediterráneo, o allo asado e a mil toques culinarios na boca. «O máis importante sempre é o sabor. En Galicia quérese unha tapa canto máis grande mellor, pero para min unha tapa debería ser doada de comer. E se é algo que te sorprende, pois sempre é unha vantaxe», conclúe Fernando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *