5 patrimonios con boas vistas

Imos subir a cinco lugares que, ademais de constituír e si mesmos grandes obras do noso patrimonio histórico e artístico, resultan excelentes miradoiros. Aquí contemplaremos panorámicas que seguro que non esquecemos.

Torre de Hércules. En toda a cidade da Coruña está presente a torre, xa porque está á vista, xa porque impregna todo o que ten que ver con ela, pois está no escudo, nos farois, nas bandeiras, nunha morea de marcas e logotipos… Do mesmo xeito, na Torre está presente A Coruña enteira. Só temos que subir os 234 chanzos que nos levan até o andar máis alto, para descubrir a vista máis completa da península coruñesa. E, por suposto, o Atlántico, no que se distinguen as rías de Ares e Betanzos e Ferrol e as illas Sisargas fronte a Malpica. Ollando cara abaixo, o parque escultórico da Torre. Non sería xusto que este patrimonio fose só galego, así que, desde 2009 tamén pertence ao mundo enteiro. En inverno, sempre que o clima o permita, pódese visitar de luns a domingo entre as 9:45 e as 17:00 h, sendo a derradeira venda de entradas ás 15:45 h.

Ponte do Milenio. O novo milenio chegou a Ourense con nova ponte. Mais non unha ponte calquera. Este novidoso proxecto para encarar o 2000 non só permite cruzar o Miño a pé ou en vehículo, senón que nos deixa gozar dun paseo sobre augas, coches e a mesma ponte, como se camiñásemos sobre as nubes, envoltos nunha estrutura sinuosa desde a que contemplar a cidade con calma no seu punto máis alto. O proxecto, asinado por Álvaro Varela e executado por Juan M. Calvo, naceu coa vocación de converter a ponte nun centro de reunión máis da cidade, integrándose plenamente nela. Tamén é coñecida como ponte da Gaivota.

Muralla de Lugo. Imaxinarían os romanos que as súas obras ían durar tanto? Case parece unha milagre que despois de tantos séculos a muralla de Lugo siga en pé, e tampouco con excesivas diferencias coa orixinal, polo menos no que se refire ao seu perímetro, que se conserva intacto. Emporiso, na orixe tiña 85 torres elevadas con grandes fiestras na parte superior, das que só fican 71 cubos, que rematan no adarve. A torre da Mosqueira é a única que conserva restos das xanelas. O adarve mide máis de 4 m de ancho e por el discorre un paseo desde o que captamos totalmente a estrutura da cidade de Lugo, a parte nova e a parte vella. Desde aquí arriba, a muralla é como un cofre que agocha os tesouros da capital: o centro histórico, coa catedral, a praza de Santa María, o Museo Provincial… Por certo, esta herdanza romana tamén é patrimonio da humanidade, desde o ano 2000.

Virxe da Rocha. No concello de Baiona, nas Rías Baixas, atopamos outeiros próximos ao mar desde os que obter boas vistas. É o caso do monte Sansón ou de San Roque. Xa de por sí era un estupendo miradoiro natural mais, por que non facelo aínda máis artístico? Iso foi o que pensou o enxeñeiro Laureano Salgado, que imaxinou unha gran escultura-miradoiro da Virxe María. Axudado pola filántropa Mercedes de la Escalera, conseguiría reunir o capital para levala a cabo. En 1930 inaugurouse a escultura da Virxe da Rocha, en granito, de 15 m de altura. O deseño é de Antonio Palacios e, a cara e as mans da virxe, en mármore branco, son do escultor Ángel Garía Díaz. Esta virxe mariñeira leva un barco na man dereita. Até aquí mesmo podemos achegarnos, só temos que subir as escaleiras de caracol interiores. Ante os nosos ollos, as illas Estelas, as Cíes, Monteferro, Baiona, Nigrán, e o Atlántico, e algunhas árbores. Esta virxe é unha guía valiosa para navegantes.

Cubertas da catedral de Santiago. Seguro que en Santiago estivemos algunha vez mais, coñecemos xa as cubertas da catedral? É un dos segredos para non repetir a ruta de sempre. Para ter unha visión máis rica das cousas, cómpre velas desde distintos puntos de vista. Ás cubertas podemos acceder coa entrada para visitar a Catedral que inclúe unha visita ao museo, no Pazo Xelmírez, o percorrido guiado polas cubertas e o acceso á torre norte da catedral, a Torre da Carraca. Desde o alto das cubertas, dispostas en chanzos, apreciamos todos os pináculos e torres en primeiro plano e temos unha panorámica única, e de 360º, do centro histórico, na súa ancianidade, e do resto da cidade, estendéndose. Sen dúbida, unha orixinal vista de Santiago, toda ela Patrimonio da Humanidade desde 1985, desde o seu núcleo. O horario de visitas é de 10:00 a 20:00 h, e como o plan é moi atractivo, recoméndase sacar a entrada con tempo, para non ficar sen ela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *