Galicia, destino de festivais

Esta fin de semana é o Portamérica, o famoso festival que xunta estrelas da música e estrelas michelín. Vai do 13 ao 15 de xullo, así que aínda chegamos. Comezou con Deluxe e Guitarritadelafuente, entre outros; o venres chega Sebastián Yatra, Jorge Drexler ou La M.O.D.A. e, o sábado, despídese con Bag Byal, MClan, Silvana Estrada, Carlangas e máis. Podemos levar a casa ás costas e a familia tamén, pois conta con zona de cámping, de caravaning e chiquiteca. Boa música, boa comida e boa paisaxe, na Azucreira de Portas.

Tamén aínda podemos ver algunha banda de gaitas de aquí e de alá no clásico de toda a vida: o festival de Ortigueira, que, inaugurado o día 9, ten unha programación ben completa ata o 16 de xullo, con exposicións, obradoiros, desfiles celtas e concertos, como os de Le vend du Nord, Four men and a dog ou Rura, entre outros.

O venres 14 arrinca no parque de Bens da Coruña o Wake up & Dream Festival, ou sexa, un festival para espertar e soñar, ou soñar esperta, e bailando a un son electrónico de moitísimos amperes. O venres o espectáculo corre a cargo de Carlos Cox, Andrea Oliva, Chelina Manuhutu, Fatima Hajii, Squire, Isma B, Seles e André V. e, o sábado actúan Amelie Lens, Klangkuenstler, Ben Sims, Andrés Campo, Gonçalo b2b Raúl Pacheco, Joyhouser e Manu Sánchez. Para despreocuparse, hai un servizo de lanzadeiras para idas e voltas á cidade, xa que non é posible acceder con vehículo propio.

E do monte ao mar, co festival Mar Aberto, con música e vistas. Este ciclo de concertos xa leva algunha actuación no mes de xullo, mais aínda lle quedan. O 15 e 16, en cabo Silleiro, en Baiona, estarán Lynn Milanés, Monolius DOP e Rapariga dj e, o 16, Sés, Catuxa Salom e Russ dj. O 21 de xullo o escenario estará no faro Punta da Barca, en Muxía, con Freedonia, Fillas de Cassandra, eçSeñora dj e, o 22, Mísia, Cora Veloso e Rapariga dj. Por último, o 28 de xullo, The Gift, Sheila Patricia e Señora dj e, o 29, Blanca Paloma, Allova e Rapariga dj no faro de Corrubedo, en Ribeira. Hai servizo de lanzadeiras de balde, o mesmo que os concertos, xa que se reserva a entrada pero logo che devolven os cartos.

E do mar ao río ou, mellor dito, á praia fluvial, no Barco de Valdeorras. O 13, 14 e 15 de xullo celébrase aquí o SilFest Valdeorras. Este ano poderemos escoitar a Ángel Stanich, Joe Crepúsculo, Niña Polaca, Alberto 6 García, Fillas de Cassandra, Yoly Saa, Luis Fercán, Joana Serrat, The Gulps, Whisky Caravan, Casino Montreal, Capitán Voskov, Adrian Timms, Señora dj, dj Lagartija e Hawkins. Este festival anúnciase con vocación familiar, e conta con moitas actividades infantís: obradoiros, xogos, cine… Ademais, ten zona de acampada, a carón das piscinas municipais.

Moita electrónica, moito rock, moito pop, moito trap… E, que pasa co jazz? Pois tamén ten cabida, claro. O 13, 14 e 15 de xullo chega o festival Jazz ao norte de Ferrol ao castelo de San Felipe. Este ano, tamén ocupa o Arsenal militar. Levan a terceira edición, na que contarán con figuras como Awa Ly. Na Coruña, temos o +QJazz, con actuacións no teatro Colón, na praza de Azcárraga e nas salas Garufa, Filloa e Mardi. O programa comezou o 10 de xullo, mais aínda estamos a tempo das actuacións do 14 (Red House Revival) e do 15 (Garufa Blue Devils Big Band).

No porto da Coruña xa tocaron os Scorpions o pasado día 13 de xullo, dentro do Festival Coruña Sounds. O día 20 é a quenda de Rubén Blades e Roberto Delgado Big Band; o 22, Marea e Bocanada e o 31, de remate, Zaz.

Preferimos algo máis relaxado? O mesmo é un pouco tarde para o festival de Peregrinos Musicais, en Santiago e Ames, dedicado a novos intérpretes e a Rachmaninoff, entre o 29 de xuño e o 14 de xullo, cun total de 7 concertos. Entre o 14 e o 22 de xullo celébrase o Xacobeo Clarinet Festival, con 20 concertos e clases maxistrais en Lalín.

E de vento madeira a aires de metal. Nas Naves de Ojea, en Cangas, temos o Kanekas Metal Fest, o 21 e 22 de xullo, que xa vai pola duodécima edición. The Arson Proyect, Crypta, Noctem, Golgotha, Agónica e Raze o primeiro día e Sinister, Persefone, Vidres a la Sang, Mind Driller, Scent of Death e Cruzeiro o segundo.

Por estas datas, tamén nas Rías Baixas, chega o Atlantic Fest de Vilagarcía, os días 21, 22 e 23 de xullo, con actuacións de Sidonie, Sidecars, Cariño, Cupido e Leiva. E tamén o 21, 22 e 23 coincide o festival máis misterioso de todos: o SinSal, na Illa de San Simón, do que non podemos adiantar máis porque é secreto.

A finais de mes, 28-29 de xullo, o Morriña Fest ocupa o molle de batería do porto da Coruña. O venres están Bizarrap, Jason Derulo, Two Door Cinema Club, Sidecars, Danny Ocean, Shinova, Lali, Samuraï, Dudi, Berto, Apart, e Purple Rei e, o sábado, Nicky Jam, Melendi, Rels B, Morad, Carlos Sadness, Emilia, Villano Antillano, Aleesha, Los Castizos, Eva B, Monoulious Dop e Javi Chapela.

Xa en agosto, o SonRías Baixas, en Bueu, tráenos os días 3, 4 e 5 a Boikot, Macaco, Arde Bogotá, Grande Amore, Lamatumbá e moitos máis. Un gran fest que leva 20 anos en pé. Con zona de acampada gratuíta, por certo.

E que tal un pouco de perreo? o Reggaeton Beach Festival, o 5 e 6 de agosto no parque do Molle de Nigrán, vén cargado de concertos, actividades, atraccións acuáticas, shishas… Todo para facernos sentir na beach do reggaeton. Estarán Ozuna, Jhayco, Young Miko, Polimá Westcoast, Lírico en la Casa, Jeipy, Anuel AA, Bryant Myers, Chimbala, Ptazeta, Saik, Omy de Oro e Aina da Silva. Unha semana despois, no mesmo escenario terá lugar o IMC summer festival, con Chanel, Leo Rizzi, Vico, Roi Méndez e Grove Amigos dj.

A final de agosto, un festival solidario, o Festival de la Luz, en Boimorto, organizado pola gran Luz Casal, os días 25, 26 e 27. É moi completo, con distintos espazos: infantil, mercado, gastronomía, espazo Mans… E zona de tendas e caravanas. Actuarán bandas como Reincidentes, la Niña Polaca, Viva Suecia, Luar na Lubre, Herdeiros da Crus, Maren, Rayden… e moitas máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *