Festas de Interese Turístico en agosto

Norte, sur, leste, oeste, en calquera punto do planeta Galicia hai algo que celebrar en agosto. Temos festas para parar un carro: moitas dedicadas a unha virxe ou a un santo, outras sobre algún produto da gastronomía local, ou mesmo a outro momento da historia… Aquí chegan as mellores festas de agosto! (todas elas de interese turístico, por suposto).

O día 1 arrincamos coa orixinal Romaría de San Fins do Castro, en Cesullas, Cabana de Bergantiños, famosa polo “berro seco”, a queima do Santo da Pólvora e a fonte milagreira, con auga que fai desaparecer as espullas. O día 2 comeza a Festa do Albariño en Cambados (2-6), coas súas casetas, as catas, o Túnel do Viño, as donas e cabaleiros, os premios…

A primeiros de mes coinciden as festas dedicadas aos pementos: Festa do pemento de Herbón de Padrón (5), dos que uns pican e outros non; a Festa do pemento da Arnoia (4-6), e a Festa do pemento de Oímbra (6), con pementos máis grandes e doces.

Pemento de primeiro e tortilla de segundo. Até Silleda imos, á Romaría da tortilla de Laro (4-6), na Carballeira de Castro, con degustación, concurso, música,… e servizo de autobuses, un bo detalle. E máis comida na Festa das sopas de burro canso (5), en Muíños, con campionato de carrilanas incluído, nun día que tamén se degusta o galo pica o chan e becerro do Xurés. Os galos do Pino tamén teñen festa: a Festa do Galo Piñeiro e Mostra cabalar (5-6), onde os galos van a concurso e tamén se comen, e hai espectáculos ecuestres e festa celta.

Se somos máis de peixe, non podemos perder a Feira do bonito de Burela (5-6), con exquisitas degustacións no porto. Sen deixar a Mariña Lucense, o Festival folclórico internacional do emigrante (5), en Barreiros, énchese de tradicións de todo o mundo. En Ribadeo tamén tiran de tradición na Xira de Santa Cruz ou Día da Gaita e Romaría a Santa Cruz (5-6). O mesmo que no Festival de Pardiñas (4-6) en Guitiriz, que leva de subtítulo “feira e festa da música e da arte”, e onde se xuntan grupos de todas partes, mostras de artesanía, feiras de libros, exposicións, recitais poéticos… e, o máis singular: a Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional. Doutra banda, en Seoane do Courel celébrase o Filandón de músicas do Courel (6), este ano dedicado á memoria de Xesús Galán López, con actuacións de cantores, brindeiros, gaiteiros, coplas de cego… e mostras de produtos do Courel.

Un xeito estupendo de rematar a primeira semana de agosto é facer o viquingo na Romaría viquinga de Catoira (1-6), con teatro, xantar viquingo, desembarco nas torres de Oeste… Tamén temos escusa para disfrazarnos de época no Mercado Medieval de Mondoñedo (11-13), con gran torneo, hípica celta, tiro con arco, e demais cousas medievais.

As Festas do Monte (7-15), na Guarda, duran toda a segunda semana de agosto, aínda que o día grande é o domingo, cando as bandas mariñeiras soben ao monte de Santa Trega. Esta segunda semana tómanse moitos manxares, por exemplo na Festa da lamprea seca de Arbo (11-13); na Festa do mexillón e do berberecho de Vilanova de Arousa (11-13), ou na Festa do polbo do Carballiño (13), este ano dedicada ao Camiño miñoto. Na Festa da Carballeira de Zas (11-12) tamén se papa moito mexillón, entre música, tradición e folclore.

Por estas datas, na costa de Lugo, hai dúas celebracións importantes: a Festa de San Lourenzo, en Foz (8-10), con fogos artificiais de primeira, e a da Festa da Maruxaina (12), en San Cibrao, arredor da lenda da Maruxaina, serea? bruxa? fada?, que é sometida a xuízo popular e sempre absolta.

A mediados de agosto o rei indiscutible das festas é San Roque. É honrado na Festa de San Roque de Betanzos (14-25), coas romarías e as xiras dos caneiros; na Festa de San Roque de Sada (16), con sardiñada preto da praia; na Festa de San Roque de Vilagarcía de Arousa (16), na que despois da procesión vén a Festa da Auga ou nas Danzas ancestrais de San Roque do Hío (16), co baile de galáns e damas diante do cruceiro.

Outra santa do verán é a Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Aínda que a festividade é en xullo, Laxe réndelle homenaxe no Naufraxio de Laxe (17), unha escenificación dun naufraxio, que remata en agradecemento á virxe e procesión mariñeira. 

A empanada é moi popular en todas as xuntanzas, e mesmo ten un día especial en Silleda, na Festa da empanada de Bandeira (19). O xamón non ía ser menos, e ten a súa homenaxe na Festa do xamón da Cañiza (15), na Carballeira do Cacharado e, a ameixa, cinco días despois, en Vilagarcía, na Festa da ameixa de Carril (20). O mesmo día podemos achegarnos á Festa do gaiteiro de Soutelo de Montes (19), en Forcarei, con moito concerto e xantar na Carballeira de Venezuela. As gaitas tamén soan traballando no campo na Festa da malla tradicional de Lalín (19), na comarca do Deza.

O deporte tamén ten cabida en agosto, co Descenso Internacional do río Miño, en Tui, (19), unha competición para piragüistas federados, que ten a súa versión divertida no descenso popular, o mesmo día. E do Miño ao Ulla. A quen non lle prestan unhas anguías e un grolo de augardente? Pois correndo á Festa da anguía e Mostra da caña do país en Valga (19-27), onde podemos degustar moitas receitas, augardentes tradicionais, queimadas… Por certo, que tamén hai diso en Cervo, na Queimada popular (19), con mercado tradicional, esconxuros e a queima do espantallo. Mellor un pouco de viño? En Ribadavia hai moi bo ribeiro, que tamén se toma en agosto na Feira da Istoria (25-26), unha volta ao pasado xudeo-medieval en toda regra. Mesmo teremos que mercar en marabedís! En Salvaterra de Miño o viño tamén é importante, así que ten celebración: a Festa do Viño do Condado de Tea (25-27), que se fai dentro da fortaleza.

As tarefas agrícolas tamén teñen a súa homenaxe en agosto, por exemplo, no Folión de carros de Chantada (26) ou na Festa da malla de Meira (27). Tamén na provincia de Lugo faise a finais a Romaría do Naseiro, en Viveiro (25-29), co descenso do río en embarcacións disparatadas.

E rematamos o mes de xolda coa Romaría de San Ramón de Bealo, en Boiro (31), o patrón das parturientes, unha das festas máis antigas de Galicia, no campo dos Outeiriños, onde atopamos petróglifos en forma de serpe, símbolo de fertilidade, que indica que a tradición vén de antigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *