Plans de verán con nenos

Fóra móbiles! Fóra táblets! Aproveitemos o tempo libre para gozar da natureza, da arqueoloxía, da historia, dos parques, das granxas… Aquí deixamos algunha idea de excursións inesquecibles en familia:

Visitas teatralizadas 

É un recurso moi utilizado para amenizar as visitas a castelos. Por exemplo, no castelo de Vimianzo. Os Quinquilláns fan representacións que teñen que ver coa historia da fortaleza, os domingos ás 12:30h e ás 17:00h, entre o 9 de xullo e 10 de setembro. Ademais, hai mostra de artesanía en vivo, e obradoiros. 

No castelo de Soutomaior, en xullo e agosto hai representacións do grupo Troula Animación dirixidas ao público familiar, en sesións de 11.30 e 19.00. En verán, a temática é “Orixe Rías Baixas” con personaxes como a meiga, a moura, o bardo e o trasno, que interactúan co público. En outono e inverno cambian de tema (samaín, nadal).

O castelo de San Felipe, en Ferrol, pode ser visitado de xeito libre, entre 10:00h e 14:00h e 16:00h e 20:00h, ou con guía, con reserva previa pero, ademais, os sábados 12 e 19 de agosto, ofrece visitas teatralizadas que teñen moito éxito.

Xacementos

O xacemento de Santa Trega, na Guarda, é o exemplo da cultura castrexa máis importante do noroeste peninsular. A visita combina o interese polo noso pasado coas grandes vistas dende o monte sobre a desembocadura do Miño, Portugal, o Atlántico e o Val do Rosal. Cómpre completar o percorrido no Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT). En xullo e agosto hai visitas guiadas de martes a domingo en 4 quendas. 

O xacemento romano de Lobios descúbrenos unha das mansio, especie de área de servizo de luxo, da Vía Nova, a “autoestrada” romana que comunicaba Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga): Aquis Ogeresibus, á que engadiron o subtítulo de “Augas sagradas dos deuses e deusas do Xurés-Gerês”. E todo isto, no medio do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

A visita ao Parque arqueolóxico da arte rupestre Campo Lameiro é un xogo continuo, no que atopar petróglifos polo monte e intentar darlles significado. No centro de interpretación cóntannos todo polo miúdo. Ofrece actividades variadas para centros educativos e familias durante todo o ano.

Na Palloza-museo Casa do Sesto, no concello de Cervantes, temos ocasión de aprezar como se vivía na alta montaña desde o século XVIII ata o XX, practicamente. Unha casiña e unha paisaxe de conto.

Museos 

Subir a un Boeing 747, e mesmo tomar os mandos? Iso só se pode facer no MUNCYT da Coruña, un estimulante museo cheo de experimentos, aparellos antigos e modernos e un variado repertorio de actividades.

Muferga (o museo do Ferrocaril) está en Monforte de Lemos, berce das locomotoras galegas. Aquí podemos dar un repaso pola historia dos trens nunha exposición de locomotoras antigas. Ademais, hai un circuíto exterior cun tren infantil moi divertido.

Tamén na Ribeira Sacra está a Casa-museo Fábrica de Chocolate, en Teimude, con todas as maquinarias empregadas no proceso tradicional de facer chocolate. So faltan os umpa lumpas!

Acuarios

O acuario da Coruña está no Aquarium Finisterrae, un dos museos científicos coruñeses. Aquí hai máis de 300 especies de animais acuáticos. Seguro que o pasamos xenial na Sala Nautilus, ambientada como o gabinete do capitán Nemo e, entre outros peixes, rodeada de… quenllas!

No Museo do Mar de Vigo hai un acuario con exemplares que ilustran perfectamente o ecosistema mariño da zona, con especies propias da costa, da ría, das illas Cíes (sardiñas, douradas, raias…).

Na Punta Moreiras, está o Acuario do Grove, con 27 espazos dedicados a máis de 200 especies submarinas. Contempla moitas actividades para o público infantil. Mesmo exclusivas actividades inmersivas, para mergullarse entre as quenllas!

Macroparques

O Parque de Eirís, na Coruña, ten zonas infantís moi modernas, como a de escalada, a do tobogán xigante, a tirolina, a zona de skate… Tamén hai zonas para un paseo tranquilo á beira do estanque.

No Ecoparque Allariz, o Ecoespazo O Rexo, conviven natureza, arte (coas intervencións de Ibarrola, o pintor das árbores), minieléctrica, ovellas e queixaría. Para respirar e inspirarse.

O Parque dos sentidos, en Marín, dispón dunha extensión de case 24.000 m2, nos que gozar, entre campo e árbores, de randeeiras, sinuosos tobogáns, esculturas, troncos tallados, hórreos, instrumentos musicais para tocar un pouco…

Na illa da Toxa, no medio do monte, disque uns seres termais habitan nunhas casiñas en certas épocas do ano. Trátase dos grobbits da Comarca do Salnés. Aquí viven, nesta Aldea dos Grobbits, que recorda moito a Hobbiton, na outra Comarca…

Nunca se acaba de descubrir Galicia. En San Clodio, no concello de Outeiro de Rei, hai toda unha Aldea das Formigas, chea de detalles como formigas con radar de tráfico, en autobús… Unha aldea ben simpática.

Onde temos que ir con tempo por diante é ao Labirinto do Parque Recreativo Costa Mariña en Rinlo, Ribadeo. Saír de alí é todo un reto! 

Granxas

Na Casa grande de Xanceda  coñeceremos de preto a agricultura ecolóxica, daremos o biberón aos becerriños ou achegaremos o millo ás vacas, entre outras cousas.

Na Granxa escola de Belelle en Neda, A Coruña, hai moitas actividades para achegarse á vida no campo: obradoiros de aves, de mamíferos, de pan, de horta, de equitación… Ollo, temos que reservar con tempo, que está moi solicitada.

En Sobrado dos Monxes está a Casa do Queixo – Granxa Grixalba, con moitas actividades relacionadas coa vida da granxa: actividades de produción, gastronomía, historia, ocio…

En Fornelos de Montes, Pontevedra, El Kiriko ten programas escolares, xornadas de ocio en familia, actividades acuáticas, multiaventura, granxa… 

A Capilla Granxa-escola, no Bolo, é un centro para achegarnos ao mundo rural, entre galiñas, burros, ovellas… Con reserva previa, serven comidas e mais ceas.

Se queremos saber máis sobre o mundo das abellas, a visita a Apípolis colmará as nosas expectativas. Fanse visitas ao apiario (con traxe especial espacial), á exposición…

Actividades ao aire libre

Un baño nalgunha das pozas que hai repartidas polos nosos ríos sempre triunfa. Al gún exemplo?: as pozas de Melón, en Ourense; a Poza da Moura, en Moaña; as Pozas do río Pedras na Pobra do Caramiñal; ou as pozas do Xurés (Vilameá, Pozo da Seima, Pozo das Olas, Corga da Fecha)…

Facer unha ruta é un clásico. Algunhas parecen feitas especialmente para a rapazada: A senda mitolóxica do monte Viso, en Santiago; a ruta polas pasarelas do río Mao, na Ribeira Sacra; a Aldea labrega de Meis, á beira da ruta da pedra e da Auga; o miradoiro de no Vicedo…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *