De paseo entre castiñeiros de conto

O outono en Galicia é unha estación marcada polas cores e os sabores. E en ámbolos casos, os bosques de castiñeiros (soutos) que poboan a nosa terra desempeñan un papel central. A sombra refrescante que nos regalan nas épocas de máis calor dá paso tras o verán a unha etapa na que as follas comezan a cambiar de tonalidade e caer para formar bonitas alfombras naturais e na que os froitos destas árbores volven demostrar porque xogaron un papel crucial no mundo agrario de moitas zonas de Galicia desde hai varios milenios. Os castiñeiros son un dos elementos definitorios da nosa paisaxe e desde aquí rendémoslles homenaxe convidándote a coñecer algúns dos exemplares máis sorprendentes que poderás admirar de preto se percorres Galicia.

 

Castiñeiro da Capela ou de Baamonde

Begonte

Ameazado hai medio século polo proxecto dunha estrada, unha das principais singularidades deste exemplar situado en Baamonde, ten que ver, precisamente, co modo no que foi salvado. O artista local Víctor Corral aproveitou un oco existente no interior da árbore para tallar unha capela en honra á Virxe e converteu así este castiñeiro centenario nun museo vivo e nun lugar de culto.

 

Castiñeiro do Val da Fonte e Souto da Rubial

Folgoso do Courel

Con medio milenio de vida, case 20 metros de altura e máis de 8 de perímetro na súa base, o enorme castaño do Val da Fonte, situado na aldea de Paderne, é xa unha visita obrigada para aqueles que se internan por algunhas das rutas de sendeirismo que cruzan o municipio lucense de Folgoso do Courel. O paso do tempo fixo efecto na madeira da súa parte inferior deixando unha gran cavidade na que é posible acubillarse se che sorprende a choiva en plena ruta e que serve de marco para as fotos que alí se fan os camiñantes. Tamén en Folgoso do Courel podemos gozar do Souto da Rubial, na aldea Parada, onde podemos contemplar máis de medio centenar de castiñeiros centenarios.

 

Castiñeiro de Pumbariños

Manzaneda

Sito no souto de Rozavales (declarado monumento natural), o castiñeiro de  Pumbariños destaca entre as súas árbores veciñas pola súa lonxevidade e as súas dimensións. Contan que este exemplar xa era centenario cando Colón regresou da súa primeira viaxe a América e o seu perímetro alcanza xa os 13 metros, o que o converte nun dos de maior circunferencia de Galicia. Se queres abrazalo será preciso que acudas acompañado por un nutrido grupo de amigos.

 

Castiñeiro da Ribeira

A Mezquita

Aínda que lle falta parte da copa, as dimensións deste castiñeiro que ten máis de dez metros de perímetro na súa base seguen impresionando a todo aquel que o contempla de preto. Está no Souto da Ribeira, na parroquia de Manzalvos, pola que pasa un antigo camiño comercial coñecido como a Ruta da Pana ou Ruta Bragantiña. Tamén na Mezquita é posible ver outros castiñeiros singulares como os de Prado da Ponte,  Cadavós e do Mola.

 

Castiñeiro de Pexeiros

Os Blancos

O castiñeiro de Pexeiros, no municipio dos Blancos, non só destaca polas dimensións do seu perímetro. Un estudo realizado o ano pasado polo Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela concluíu que supón o caso documentado de enxerto máis antigo realizado no sur de Europa. Segundo a devandita investigación dita práctica foi levada a cabo no primeiro terzo do século XV, mentres que noutros lugares como Portugal, o País Vasco ou Italia os primeiros casos documentados remóntanse a finais do século XV, mediados do XVI e XVII, respectivamente.

 

Castiñeiro de Cerdedelo

Laza

Con máis de dez metros de perímetro e un decena de grandes ramas que alcanzan os 30 metros de altitude o castiñeiro de Cerdedelo tampouco deixa indiferente a quen o contempla. Atópase ademais nunha zona de gran valor natural na que existen varios centenares de exemplares máis destas e outras árbores.

 

Castiñeiro de Trambolosríos

Parada de Sil

Sito no corazón dun bosque autóctono atópase este castiñeiro de máis de 9 metros de perímetro e 15 de altitude. O seu aproveitamento como importante produtor de castañas queda de manifesto pola presenza nas súas inmediacións dos restos dun  sequeiro, unha antiga construción de pedra que era empregada para almacenar e secar os froitos colleitados.

 

Castiñeiro de Soutogrande

Vilariño de Conso

No acceso ao pobo de Soutogrande podemos atopar este espectacular castaño partido en dous e que dispón de lenda propia. Contan en Vilariño de Conso que o seu aspecto actual débese ao impacto dun raio, pero aseguran que isto non foi casual, senón que foi a Virxe a que o dirixiu cara á árbore para evitar que afectase os veciños do pobo.

 

Un comentario en «De paseo entre castiñeiros de conto»

  1. Gostamei muito todo Galicia, eu viví en Vigo 7 anos, ¡ Os melhores anos da miña vida !.

    Face 2anos que fui a Vigo, e sempre que podo, vou pra alí, a pasar unos días con os compañeiros de trabalho.

    Disculpen mi mala escritura en galego.

    Francisco Rivera

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *