Paraísos naturais na provincia da Coruña

Viaxar ao paraíso sempre é boa idea, mais un tanto abstracta…Non sabemos onde ir? Aquí temos catro paraísos ben concretos para unha inmersión na natureza na provincia da Coruña:

Fragas do Eume. Seguro que algunha vez escoitamos que aquí se topa o bosque atlántico mellor conservado de toda Europa. Pois haberá que velo! Aquí está, nas Fragas, nunha mestura de árbores caducifolias, moi variadas, de ribeira, que acompañan amigablemente ao Eume no seu curso inferior, antes de rematar no esteiro e desembocar na ría de Ares e Betanzos. A compañía vén a cargo de ameneiros, carballos, castiñeiros, freixos, bidueiros, acivros, érbedos, fentos (con representación de até 28 especies)… que fan das Fragas o fogar de moitas especies animais e vexetais, algunhas de gran valor ecolóxico por estar en perigo de extinción.

Este parque natural repártese entre os concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, ocupando, de momento, 9.125 ha. Para aproveitar ao máximo a visita, é recomendable pasar por algún dos centros de interpretación: o Centro de Interpretación das Fragas do Eume, en Andarúbel; o Centro de visitantes, en Monfero, ou o Centro de Interpretación e o Museo Etnográfico da Capela.

Nas fragas ocúltanse dúas obras importantes arquitectónicas: o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, en pé desde o século X, e o de Santa María de Monfero, tamén de orixe medieval, que loce unha exquisita fachada barroca con axadrezado, única nestes lares.

Como é sabido, para coñecer os sitios hai que patealos. Pois ben, temos aquí até 8 rutas ben sinalizadas para non perdernos. As máis coñecidas son o Camiño dos Encomendeiros, que pasa polas pontes de Cal Grande e do Fornelo, o mosteiro de Caaveiro e a ponte medieval de Santa Cristina, e o Camiño dos Cerqueiros, que sube até o miradoiro da Carboeira.

E con tanta auga á vista, non poderemos levar a canoa? Pois claro! Pódese navegar polo río Bermuz até a confluencia co Eume, xa sexa co noso equipo ou alugándoo alí mesmo. Por certo, tamén se alugan bicis eléctricas.

As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo. As 116.724 ha desta Reserva da biosfera esténdense polos concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado. Conta cun variado espazo de litoral e de montaña, cunha rica vexetación e até 200 especies de fauna protexida. E non todo é natureza, tamén atopamos mostras de arte rupestre, dolmens, túmulos, petróglifos, castros… Mesmo hai restos da vía XX romana, o itinerario de Antonino, que ía de Astorga até Porto. Tamén hai grandes pazos, como o de Mariñán e o de Meirás e arquitectura relixiosa, como a igrexa de San Francisco de Betanzos ou o mosteiro cisterciense de Sobrado.

Con tantas hectáreas e tan boa situación, hai moitos sitios que percorrer. Algún exemplo? O miradoiro da Espenuca, a fervenza da Rexidoira, o Monte Xalo, a Lagoa de Sobrado, a cidade de Betanzos… Hai moitas rutas de sendeirismo, algunhas específicas, como as ornitolóxicas. A reserva ofrece tamén experiencias de turismo sostible, como as rutas agroalimentarias, as rutas en catamarán eléctrico con menú de degustación a bordo… Todo o apoio ao desenvolvemento sostible da reserva veuse recompensado coa certificación de destino de ecoturismo, a primeira outorgada en Galicia.

Penedos de Pasarela e Traba. Entre os concellos de Vimianzo e Laxe, ao longo de 2 km desde a Torre da Moa até o lugar do Penedo, van sucedéndose formacións graníticas como xigantes encantados. Os penedos máis altos son A Torre da Moa, A Galla da Pena Forcada e A Cachucha. Desde 2008, esta é unha paisaxe protexida, e menos mal, pois o valor deste artístico granito rosado sempre tentara ás cantarías.

Hai unha ruta lineal que vai de Pasarela a Traba que facilita achegarse ás personaxes de pedra máis coñecidas: A Cachucha, O Cantor, O Camello, As Cascudas, O Coello, A Tartaruga, O Pallaso, A Man, A Osa, A Dama da Costa da morte, A Eira, o Bico, A Cabeza de Porco, O Monólito… Estas rochas formados hai 300 millóns de anos a uns 20 km de profundidade disparan a nosa imaxinación, e fan a visita dobremente enriquecedora. Este é un lugar moi especial, esculpido polo vento e o tempo, “onde Henry Moore ficaría sen fala… e o Chillida, seguramente, dedicaríase a outra cousa” (M. Rivas, 1992).

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán. A riqueza deste sistema dunar, coa duna móbil máis grande do noroeste peninsular (1 km de lonxitude, 250 m de ancho e 15 m de alto) e unha zona húmida e unhas lagoas que reúnen moitos tipos de hábitat e de especies animais e vexetais, fixeron que fose recoñecido como parque nacional en 1992. Localízase entre as rías de Arousa, Muros e Noia, no concello de Ribeira, e esténdese ao longo de 996 ha. O parque está acondicionado con pasarelas de madeira para que podamos apreciar todos os seus valores ambientais sen afectalos.

Nas lagoas e nas súas zonas húmidas habitan máis de 250 especies vexetais e moitas especies animais, principalmente aves acuáticas. O singular é que a lagoa de Vixán é de auga doce, procedente do rego do Vilar, e a de Carregal de auga salgada.

Para ter unha perspectiva más ampla do parque, cómpre subir aos miradoiros da Pedra da Ra e do Castro da Cidá. Como xa se deduce polo nome, atoparemos restos de castros, e a tamén muíños e mesmo fornos de tella do século XIX.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *