Paraísos naturais na provincia de Lugo

Ademais doutros espazos protexidos, a provincia de Lugo conta con tres reservas da biosfera, unha delas, a máis grande de Galicia. Isto xa é síntoma de paraíso… Atoparémolo entre montañas? Paseando á beira dun río? En verdes vales?… Aquí temos iso e máis. Marchando cinco paraísos naturais!

Ancares lucenses. Ao leste da provincia esténdese a serra dos Ancares, que tamén ten parte en León. Os concellos da comarca son Baralla, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes. Estes tres últimos conforman desde 2006 a Reserva da Biosfera dos Ancares e montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá.

A serra vai polo curso alto do río Navia, no que aflúen centos de regatos e ríos. A intimidade da que goza este espazo protexido polas montañas asegurou a súa conservación como un reduto do máis auténtico da zona, cheo de flora e fauna autóctonas, costumes de hai séculos, construcións tradicionais aínda en pé… O Cebreiro, ademais, é a entrada do Camiño Francés.

Nestes vales e montañas, que cada estación cambian de cor, non só nos agardan moitos bosques, de tipo atlántico e mesmo mediterráneo, senón tamén mámoas prehistóricas, castros, xacementos mineiros da época romana… Desde logo, as construcións máis singulares son as pallozas de Piornedo. Para coñecer a fondo a cultura da zona, podemos visitar o Conxunto etnográfico de Cervantes, cunha palloza museo.

O pico máis alto dos Ancares lucenses, e de toda a provincia, é O Mustallar, de 1.935 m, que serve de fronteira coa provincia de León. Aínda que non subamos tan alto, hai miradoiros de altura, como o das Nogais, a 650 m, cunhas vistas impresionantes sobre a Torre de Doncos.

O Courel. Seguimos na alta montaña nesta serra ao sueste da provincia, entre vales e ríos como o Lor o máis importante. A zona protexida abrangue a meirande parte da serra, nos concellos de Folgoso do Courel, onde está a aula da natureza de Moreda, e Seoane.

Aquí atopamos cumes de até 1.500 m, unha mesta vexetación, con bosques de tipo atlántico e mediterráneo e as características devesas, fragas de moitas especies polo xeral nas cabeceiras dos ríos, como a Devesa da Rogueira. Tamén hai castros (Torre, Vilar…); asentamentos romanos en relación coa minería (Esperante, Seoane); construcións medievais (como a igrexa monacal de Visuña, onde pasou a nenez Alfonso II); elementos etnográficos (alvarizas, ferrerías…). Doutra banda, é destacable a importancia xeolóxica do Courel, onde abondan as covas, e onde temos un monumento xeolóxico: o pregamento de Campodela-Leixazós.

Terras de Burón e río Eo. Esta zona que comprende os 3 concellos das Terras de Burón (A Fonsagrada , Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz), e 4 da zona do Eo (Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Baleira). Xunto con 7 concellos asturianos, conforman a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

O certo é que a zona é moi completa, con litoral cantábrico, leitos fluviais, o esteiro e desembocadura do Eo e serras e montañas. Ademais da morea de sendeiros que temos á nosa disposición por aquí, hai dúas rutas do Camiño de Santiago: o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo e outras como a do Ferrocarril do río Eo, vía verde que sae da Pontenova e remata en San Tirso de Abres, en Asturias. O patrimonio histórico non é menor, con moito dolmen, castro, arquitectura relixiosa e civil, e grandes núcleos urbanos como Ribadeo.

Terras do Miño. Esta zona, reserva da biosfera desde 2002, a máis grande de Galicia, abrangue a conca alta e parte da media do río Miño, mailas terras que o rodean, moi variadas, con  zonas de cultivo, zonas chás con zonas húmidas, como a Lagoa de Cospeito, e zonas húmidas na montaña tamén, como as turbeiras de cobertor da Serra do Xistral, importantes masas forestais… Comprende 26 concellos: Ourol (Mariña Occidental); Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo (Mariña Central); Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba, Xermade (Terra Chá); Meira, Pol, Riotorto (Meira); Castroverde, Friol, Guntín, Lugo, O Corgo, Outeiro de Rei, Rábade, (Lugo); Baralla (Os Ancares); Láncara, O Páramo (Sarria).

Pola reserva vai o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo, de xeito que a pegada artística se nota, con moitos exemplos na capital ou en lugares como Meira, fundada arredor do mosteiro medieval de Santa María.

Ribeira Sacra do Miño. Ao sueste da provincia, o Miño viaxa doutro xeito, entre curvas flanqueadas por altas montañas. As condicións desta zona fana idónea para o cultivo da vide. Iso si, coa valentía que require a viticultura heroica. Nestas abas nacen os viños de D.O. Ribeira Sacra. A Ribeira Sacra, con capital en Monforte de Lemos, ten parte na provincia de Ourense, xa que o río fai de fronteira entre as dúas provincias. Na parte de Lugo, comprende a ribeira oriental do Miño e as dúas do río Cabe, e forman parte dela os concellos de: Paradela O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil e Taboada.

Aquí repártense a riqueza natural, que hai que admirar desde dentro, xa en catamarán, xa polas rutas de sendeirismo entre as árbores; e a pegada humana, reflectida nos viñedos e adegas, nos castros, na cantidade de igrexas e mosteiros románicos, como o Santo Estevo de Ribas do Miño, e en núcleos urbanos con moita historia, como Monforte de Lemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *