Paraísos naturais na provincia de Pontevedra

Que sorte! Hoxe toca excursión! Un paseo por mar e por terra? Unha subida ao monte? Unha andaina entre árbores centenarias? Por onde empezar para mergullarnos na Pontevedra máis salvaxe? A nosa especialidade é atopar os mellores destinos, como estes:

Parque Nacional Illas Atlánticas. As Illas Atlánticas confírenlle ás Rías Baixas o seu carácter doce, amparándoas da forza directa do océano. Estes arquipélagos tan próximos a terra firme son catro, de norte a sur: Cortegada, Sálvora, Ons e Cíes.

E, como achegarnos a eles? En tempada alta (semana santa e entre o 15 de maio e o 15 de setembro) hai rutas regulares a Ons e a Cíes. O outro xeito de coñecer as illas é contactando directamente coas navieiras ou en embarcación privada. En calquera caso, con autorización. Nas Cíes e en Ons temos a posibilidade de pasar a noite.

O arquipélago de Cortegada pertence ao concello de Vilagarcía de Arousa e está ben metido na ría, cabo da desembocadura do Ulla. É un grupo de illas e illotes chans, con moita vexetación. A illa de Cortegada, noutra época habitada, conserva restos dunha aldea e dunha ermida e un bosque de enormes loureiros de grande interese. A illa de Malveira Grande, pola súa parte, ten un bosque de cerquiños moi ben conservado. Están conectadas cos portos de Vilagarcía e Carril.

No concello de Ribeira áchase a illa de Sálvora, que se caracteriza polas rochas e as praias de dunas e bolos graníticos. Ao norte está a aldea de Sálvora, hoxe en día deserta, e o faro. Está preto de moitos portos: O Grove, Aguiño, Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Bueu.

Fronte á ría de Pontevedra está o arquipélago de Ons, formado polas illas de Ons, poboada, e Onza, toda ela reserva. A zona e rica en cantís, furnas, como o terrorífico Buraco do Inferno, areais, lendas e ricos polbos. En tempada alta hai rutas desde Bueu, Sanxenxo e Portonovo.

O arquipélago máis ao sur é o das Cíes, no concello de Vigo, na bocana da ría. Está composto polas illas de Faro, Monteagudo e San Martiño, e catro illotes. Amosan unha cara fronte ao océano máis abrupta e outra fronte a ría con extensos areais, como a praia de Rodas, que une as illas de Monteagudo e Faro. Nestas illas, ademais do patrimonio natural, encontramos un rico patrimonio cultural, con restos de castros, mosteiros e até fábricas de salga. O transporte regular sae de Vigo, Cangas e Baiona.

Monte Aloia. En 1978 foi nomeado primeiro parque natural de Galicia. Hoxe en día é o máis pequeno  deles (746 ha). Sitúase no cumio máis ao sur da serra do Galiñeiro, e pertence ao concello de Tui. É un monte moi completo, con moitos camiños que percorrer, merendeiros, miradoiros… Talvez o máis concorrido sexa o Alto de San Xiao, de 631 m, desde onde se ven os vales do Miño e o Louro. Rodeando o alto, están os restos arqueolóxicos dunha misteriosa muralla ciclópea, da que se descoñece a súa orixe e función, de 1.250 m de perímetro.

Hai un centro de interpretación na antiga casa forestal, deseñada en 1921 polo enxeñeiro Rafael Areses, o principal reforestador da contorna, grazas ao cal encontramos especies ben curiosas. Por certo, de aquí parte unha senda botánica autoguiada. En total hai 8 rutas autoguiadas e a posibilidade de concertar visitas con guía. Por todo o monte imos atopando vestixios do pasado, como o castro do Alto dos Cubos, e de interese etnográfico, como os muíños. Tamén hai unha capela do século XVIII. Desde arriba temos vistas do Baixo Miño, o Val Miñor, A Louriña e mesmo as Cíes.

Fraga de Catasós. A provincia de Pontevedra é a que conta con máis árbores senlleiras en Galicia. Algunhas até constitúen monumentos naturais, como a Fraga de Catasós, que se atopa no lugar de Quintela, no concello de Lalín. Aquí descubrimos unha formación de castiñeiros considerados como os de maior porte de Europa. Teñen entre 225 e 250 anos, e son especialmente verticais, chegando algúns aos 30 m de altura. Son exemplares únicos, dignos de ver. Ademais, son literarios, fonte de inspiración para Emilia Pardo Bazán, cando viña aquí durante as tempadas que pasaba no pazo dos Quiroga, daquela propietaria da fraga e familia política da escritora.

Non todos son castiñeiros, tamén hai carballos. De feito, o bosque tamén é coñecido como Carballeira de Catasós ou Souto de Quiroga. No pasado, as especies da fraga foron grandes produtoras de castañas e madeira destinada aos mobles e trabes dos pazos do Deza. A fraga é pequena mais exquisita, como os mellores bocados. Hai unha ruta circular curta, de 1,6 km, que bordea o bosque. Está ben sinalizada, para paseala a gusto, mesmo con bici, ideal para facer en familia. Temos a opción de estirala até 4 km.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *