Curiosidades que agocha o Camiño dos faros

ruta dos faros

“Hai un lapso no Xénese. E é que non di cando foron concibidos os faros. Son obra humana, pero pertencen a unha orde especial da natureza, coma os barcos. Por moi prodixiosas ou grandiosas que sexan outras construcións, non hai unha arquitectura comparable. Os faros son seres vivos. Máis que formar parte da paisaxe, créana.” (Manuel Rivas)

En 2012, un grupo de amigos pensou que era posible unir Malpica con Fisterra por unha senda a carón do mar. Saíron de Malpica e conseguiron chegar ao final, a través de rutas xa existentes e outros camiños que ían unindo toda a Costa da Morte. Creaban así unha ruta de sendeirismo espectacular, e un ano máis tarde, en 2013, nacía a Asociación O Camiño dos Faros, cuxo obxectivo principal é promocionar esa ruta como un dos destinos de máis valor da Costa da Morte. Así, e ao longo de máis de 200 quilómetros, é inevitable que un se deixe seducir polas diferentes paisaxes, sempre mirando ao mar e cara u oeste. Faros, praias, dunas, ríos, acantilados, bosques, vilas mariñeiras e miradoiros dende os que ver postas de sol abren paso a un sinfín de sensacións que son difíciles de contar. Hai que vivilas.

No Camiño dos Faros dividen a ruta en 8 etapas dunha duración media de 9 horas cada unha, e empezan polo faro máis pequeno, o faro do porto de Malpica. Seguen ata o faro de Nariga, un dos de máis recente construción, e rematan na praia de Niñóns. Culmina así unha primeira etapa que máis tarde pasará polo Faro Roncudo e o Faro de Laxe, ámbolos dous construídos en 1920 e con 11 metros de altura, ou polo faro Vilán, un dos máis maxestosos. Máis tarde virá o Faro de Muxía, ao lado do Santuario da Virxe da Barca e dende o que se pode contemplar toda a ría e o próximo Cabo Vilán. En días de temporal, a braveza do mar fai deste sitio un lugar espectacular. Séguelle Faro Touriñán, que ao estar situado no punto máis occidental de Galicia, fai da posta do último sol da Europa continental algo espléndido. É, ademais, un dos máis antigos, posto que data de 1898. Xa no final do camiño encontramos o Faro de Fisterra, coa inmensidade do Océano Atlántico baixo os nosos pés. É aquí, na proximidade deste faro, onde en 1596 tivo lugar o naufraxio con máis barcos implicados e máis vítimas da historia de Galicia: nada máis e nada menos que 25 barcos cos seus 1706 tripulantes.

Lendas, fábulas e mitos danlle o punto de misterio a cada un destes camiños, a cada pequeno recuncho destas terras que, se non as descubriches aínda, agardan por ti. E baixo cada faro, unha historia que, como dicía Rivas, é a que crea a paisaxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *