Descubre a Galicia Termal

En Galicia hai moitos ríos, xa se sabe, mais tamén hai moita auga que circula por debaixo da terra e de cando en cando agroma ben quente, e cargada de propiedades minerais. Estas emanacións foron aproveitadas desde sempre para tomar baños termais, tan saudables. No pasado, os maiores impulsores das termas foron os romanos. Hoxe en día aínda podemos gozar das súas instalacións en Bande, na Baixa Limia, na provincia de Ourense, por exemplo.

Xa no século XIX, moitas casas de baños de sempre, construídas arredor de mananciais, foron transformándose en elegantes balnearios, centros de reunión da alta sociedade da época. Na actualidade, son un magnífico destino para xente que busca saúde, beleza, relax… en calquera época do ano.

Como potencia que é Galicia en augas termais, ten moitos sitios onde gozar dos beneficios destas augas naturais. O primeiro paso para elixir onde ir, é aclarar a diferenza entre balneario, talaso e spa:

Balneario. Nestas estacións termais, os tratamentos están baseados nas propiedades das súas augas mineromedicinais, que teñen efectos beneficiosos en determinadas afeccións. Segundo as augas sexan sulfatadas, cloruradas, bicarbonatas, carbogasosas, ferruxinosas, radioactivas ou oligometálicas, así serán indicadas para unha ou outra doenza (de tipo respiratorio, articular, cutáneo…). As terapias dun balneario sempre teñen supervisión médica.

A idade dourada destes centros foi a mediados do século XIX e principios do XX. O balneario de Mondariz, de feito, era coñecido en toda Europa sobre todo polo tratamento de afeccións biliares. Aquí viñan tomar as augas, e máis cousas, a intelectualidade e a alta sociedade da península: Pardo Bazán, Azorín, Pérez Galdós, a realeza portuguesa… Outros balnearios da época son o da Toxa, o de Cuntis, o Dávila de Caldas de Reis, o de Guitiriz, o de Lugo, o do Carballiño, o de Augas Santas ou o de Baños de Molgas.

Claro que, hoxe en día, están renovados e ofrecen unha carta máis variada de tratamentos encamiñados á estética e ao relax. Moitos ofrecen hospedaxe, onde atopamos desde os máis tradicionais até os máis luxosos. Algún exemplo máis?: balnearios da Arnoia, Laias, Vila de Cruces, Caldelas de Tui, Carballo…

Talaso. Atendendo á orixe da palabra, do grego thálassa (mar) e therapia (curación) xa podemos deducir de que vai a historia. Só temos que engadirlle calor, senón sería como darse un baño na praia. Nun talaso, os tratamentos fanse con auga de mar quentada por medios artificiais. Ademais da auga de mar, utilízanse outros elementos da contorna, como algas, limos, lodos e… Nestes centros atopamos terapias para a recuperación de traumatismos, procesos reumáticos, afeccións respiratorias, dermatolóxicas, xinecolóxicas… e programas de beleza e relax, nos que ademais das técnicas termais se utilizan técnicas complementarias, como a masoterapia, presoterapia…

Loxicamente, os talasos precisan estar preto do mar. Algúns dos máis coñecidos son o Gran Talaso do hotel Sanxenxo, o Talaso Atlántico de Oia, o Louxo da Toxa ou o Cantábrico Las Sirenas, en Viveiro.

Spa. A orixe etimolóxica do vocábulo ten que ver con Spa, unha famosa vila termal belga. Hoxe en día, o termo úsase para referirse ás instalacións que ofrecen tratamentos con auga non medicinal quentada artificialmente. Como non fan falta termas nin mar cerca, os spas proliferan en todas partes, sobre todo no mundo axitado de hoxe, que precisa de relaxación. Moitos hoteis contan con spa e mesmo hai pequenos spas urbanos. Están moi vinculados á cultura do benestar (wellness), e seguen tradicións variadas, ofrecendo baños turcos, saunas finlandesas… Doutra banda, nos rituais spa, dan unha dimensión exótica ás masaxes, e aberta a outros sentidos, como a aromaterapia ou as terapias de Ayurveda, por exemplo.

Entre a profusión de spas en Galicia, podemos citar algún, como o Termaria Casa del Agua da Coruña, A Quinta da Auga en Santiago, o parador da Costa da Morte en Muxía, Galatea e Augusta Spa Resort en Sanxenxo… até hai un spa no mosteiro de san Clodio, en Ourense.

Concluíndo: Galicia é un auténtico paraíso termal. Aquí hai multitude de termas, balnearios, talasos e spas para elixir. E, por certo, cada vez atopamos neles máis recursos e actividades dirixidas ao público infantil. Así que, xa sexa sós, en parella, con amigos, en familia… A que esperamos? Probemos un destino termal!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *