Plans de ecoturismo en Galicia

Viaxar mergullándose na paisaxe e sentíndose parte dela, coñecendo o máis local, que no fondo é sempre o máis universal, procurando non deixar excesiva pegada e favorecendo o desenvolvemento sostible da zona. Diso vai o ecoturismo.

En Galicia é doado atopar destinos nos que poidamos integrarnos deste xeito. Por exemplo, visitando algún dos parques naturais, esas zonas que, pola súa riqueza biolóxica, ecolóxica, estética están conservadas dun xeito especial. De momento, contamos con seis: As Fragas do Eume, famoso bosque atlántico na provincia da Coruña; o Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, cunha súper duna móbil, na Coruña; Baixa Limia – Serra do Xurés, cun pé en terras ourensás e outro en terras portuguesas; O Invernadeiro, no Macizo Central ourensán; a Serra da Enciña de Lastra, co seu peculiar estilo calcario, e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o único nacional e insular. Non está mal, temos parques á beira do mar, no canón dun río, en alta montaña, entre vales e cumes, no medio do océano… En todos eles podemos practicar un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente, e todos contan con puntos de información ou centros de interpretación, propostas de actividades deportivas, unha rede de sendeiros para percorrer…

Precisamente, o sendeirismo é unha actividade ecoturística fundamental. Non importa na época na que esteamos, só temos que protexernos do frío, ou do sol, ou da choiva e comezar a camiñar. Para sendeiro longo, temos o Camiño de Santiago, coas súas variantes e tramos mais, á parte diso, en Galicia hai moitísimos sendeiros homologados, de variado grao de dificultade e lonxitude. Tamén hai rutas artelladas por un fío temático, como as rutas da Auga, que teñen que ver con ríos, muíños e fervenzas, fontes… como a de Zas, por exemplo, ou a de Guitiriz; ou a ruta dos faros da Costa da Morte; ou a das cetarias da Guarda… E, para facer perna, nada mellor que os sendeiros de montaña, como os que van polas lagoas da Serpe e Ocelo, na serra de Pena Trevinca. Nesta zona promociónase o sendeirismo invernal, con guías locais de montaña, que mesmo organizan rutas polo monte nevado con raquetas nos pés. Para atopar sendeiros homologados no mapa, sempre podemos acudir á aplicación Sendegal.

Hai quen prefire pasear dándolle aos pedais. Pois están de sorte, que hai tantísimas rutas de cicloturismo que é difícil elixir. Sorte que, ademais das recomendadas polos clubs ciclistas, empresas turísticas, ou wikilok, contamos cunha ferramenta de bastante axuda: “A paisaxe de Galicia desde a bici,” un  visor con toda a información precisa para a pedalada perfecta. Aquí podemos elixir tendo en conta o tipo de paisaxe que queremos percorrer, o nivel de dificultade, etc. Doutra banda, os centros BTT facilitan a práctica do cicloturismo de montaña, ofrecendo información de todas as rutas, servizos de aluguer de bicis, puntos de lavado, etc. Hai centros no Salnés, en Portas de Galicia, na Serra do Xurés, na Ribeira Sacra e en Allariz-Vilar de Santos. Se buscamos percorridos menos esixentes, contamos con moitos paseos que se poden facer a pé ou en bici, como a senda termal de Ourense, por exemplo.

Nestes paseos no medio do monte, ou por carreiros entre as fragas, ou a beira dun río… seguro que escoitamos o canto dos paxaros, e talvez identifiquemos algún. En Galicia vense popularizando unha tipo de turismo que antes só practicaban os expertos en ornitoloxía: o avistamento de aves, que tamén chaman birding. En inverno atopamos aves residentes, autóctonas da zona, com píllaras ou corvos mariños, e invernantes, que veñen coa estación, como o pato bastardo ou o ganso de cara negra. As mellores zonas para avistar aves son a Terra Chá, as comarcas de Lugo e Sarria e A Limia, todo o litoral, e as zonas húmidas interiores e áreas de chairas fértiles. Hai lugares como a enseada do Vao, na ría de Arousa, onde pasan as vacacións de inverno aves de Escandinavia, Rusia ou Islandia. Tamén veñen moitas aves acuáticas estranxeiras á Seca, en Poio. A aplicación Galicia Birding é un recurso moi útil para saber que aves imos atopar, onde e en que datas.

E ollando o ceo en busca de paxaros decatámonos das interferencias que fan que non percibamos claramente o que temos aí arriba. Hai lugares onde se toma seriamente a contemplación do ceo, puntos afastados da contaminación lumínica que contan con recursos para a observación das estrelas e a difusión do coñecemento astronómico. Son sitios que contan coa certificación de Destinos Starlight. Hoxe en día, en Galicia atopamos sete: na Reserva da biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, en Muras, en Trevinca, no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, na Costa da Morte, en Lalín e nas Mariñas coruñesas. En todos estes puntos organízanse visitas guiadas con monitores astronómicos acreditados. Hai visitas nocturnas e diúrnas e, en inverno, as actividades seguen en pé e, segundo a climatoloxía, varíase o plan (se fai mal tempo, por exemplo, recórrese ao planetario).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *