Paseos por bosques caducifolios no outono

Ademais de castañas, noces, abelás…, as árbores no outono agasállannos cunha sinfonía de cores. Vermellos, laranxas, pardos, verdes, amarelos, rosas… O outono chama por nós! As árbores avísannos: que vén o outono! Vinde de paseo! Temos castañas! Cogomelos! Follas secas! Pois a que esperar, acudamos ao reclamo da natureza. Nestes coloridos bosques apreciaremos a estación como é debido.

Os bosques galegos adoitan ser mixtos caducifolios, de tipo atlántico, co que a gama de cores é ben rica. Hai moitas fragas, bosques primarios orixinais, espesos, nos que se supón que o ser humano meteu pouco a man, como as fragas do Eume, a de Catasós ou a da Marronda, con árbores de moita ramallada que producen unha humidade e hábitat característicos. Doutra banda, as devesas están poboadas de árbores con máis espazo entre elas, non tan mestas, como a devesa da Rogueira ou a de Nimo. Tamén están os soutos, onde predominan os castiñeiros, e as carballeiras, con carballos, claro está.

En canto ás especies autóctonas, as máis habituais son: carballo, castiñeiro, abeleira, loureiro, amieiro, freixo, estripeiro, sobreira… Entre elas, o máis común é o carballo.

Na provincia de Lugo, na zona dos Ancares e do Courel, a paisaxe parece outra co cambio de estación. O monte Formigueiros cóbrese das cores cálidas da Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel. Este bosque primario, duns 3 km2, é moi diverso, con abeleiras, arandeiras, faias, acivros, freixos,  bidueiros…,  que lle dan a vistosidade que ten. Aquí a riqueza da flora vai acompañada coa da fauna, por suposto (corzos, touróns, martas…). Ademais, como está nunha aba empinada, os ríos e regatos avanzan entre saltos e fervenzas. Todo un espectáculo! En Moreda hai un centro de interpretación onde coñecer as curiosidades e a importancia ecolóxica da zona, así como as rutas que podemos facer. Na zona dos Ancares tamén hai xoias deste tipo, como o faial da Pintinidoira, entre Cervantes e As Nogais ou o bosque dos Grobos, onde as árbores parece que se funden coas grandes rochas.

Na zona oriental da provincia de Lugo, nos concellos de Baleira e A Fonsagrada, esténdese a Fraga da Marronda, na que se mesturan faias, castiñeiros, carballos, amieiros, bidueiros, abeleiras, freixos de río, salgueiros, pradairos, acivros, espiños, arandeiras… abonda dicir que suman máis de 170 especies distintas de árbores e arbustos. A ruta da Marronda lévanos entre as árbores pola Serra do Pozo e, máis adiante, polo bosque de galería á beira do Eo. Con todo, o máis singular da fraga é que nela medran as faias que se atopan no extremo máis occidental de Europa.

E se a fraga da Marronda ten as faias máis occidentais, o Bidueiral de Gabín, en Montederrano, na provincia de Ourense, é un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana que se acha máis ao sur de Europa. Tamén conta con carballos, acivros, abeleiras, cancereixos, arandeiras… mais no outono prima o ton amarelento claro dos bidueiros. Hai unha ruta que parte de Montederramo e se interna no bidueiral moi recomendable.

Ourense, terra de magostos, ten moito souto, evidentemente. O Souto de Rozabales en Terra de Trives, en Manzaneda, abrangue 1,80 ha, cheas de castiñeiros plantados hai séculos. O protagonista é o castiñeiro de Pumbariños, que pode contar con 500 anos, como mínimo.

No concello de Lalín, na provincia de Pontevedra, hai un bosque que temos que visitar en outono: a Fraga de Catasós. Neste bosque mixto, a maior parte das árbores son carballos, aínda que tamén destacan os castiñeiros senlleiros de varios séculos, que poida que sexan os máis altos de Europa. Tamén hai sobreiras, freixos, loureiros, bidueiros… A ruta que rodea o bosque é moi accesible e está ben sinalizada. Por esta fraga moito paseou Emilia Pardo Bazán, mentres lle daba voltas a Los pazos de Ulloa…

Outra fraga literaria é a Fraga de Cecebre, en Cambre, A Coruña, que inspirou a Fernández Flórez en El bosque animado, aínda que hoxe, malia a súa riqueza, está moi minguado. Na aula da natureza de Crendes hai moita información da fraga, do encoro, e da casa-museo do escritor.

E rematamos coas Fragas do Eume, o bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa, malia os lumes; ademais, agocha un tesouro: o mosteiro de Caaveiro. Este parque natural, de 9.000 ha, está cheo de recursos para gozar do outono plenamente, con moitas rutas, miradoiros, pontes, áreas recreativas…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *