Cinco cidades para percorrer esta Semana Santa en Ourense

Aquí temos cinco destinos para estas vacacións de primavera que son a Semana Santa. Cinco cidades con moito que ver máis aló das celebracións relixiosas destas datas, con moita historia, monumentos, exposicións, espazos naturais, gastronomía…

Ourense. Na capital da provincia, a zona monumental acolle as procesións da época, con moita tradición na cidade. Aquí, a protagonista é a catedral de San Martiño, co seu colorido Pórtico do Paraíso e o retablo de Cornelis de Holanda, entre outras xoias. A visita ao templo é inescusable, xa que está no centro, a man de todo. Tamén podemos acceder aos tellados, facer un percorrido especial co título “Do Pórtico ao Paraíso” , ou coñecer a igrexa de Santa María Nai, considerada a primeira catedral de Ourense. Paseando polo casco histórico atopamos a Praza Maior, o Museo Arqueolóxico, o convento de San Francisco, a igrexa de Santa Eufemia…

Outros puntos imprescindibles da cidade das Burgas, son As Burgas, claro, no núcleo urbano, coas súas fontes, a súa piscina termal e o seu centro de interpretación; e, máis afastado do centro, pola beira do río, o Paseo termal, coa sucesión de termas (A Chavasqueira, Muíño da Veiga, Outariz, Burgo de Canedo), ao que podemos trasladarnos no Tren das Termas. Nas abas que rodean o Miño, hai boas vistas desde Montealegre e desde Santomé, aquí con castro incluído. Outra estampa distinta, máis próxima, a que se obtén desde a ponte do Milenio.

Allariz. Allariz ten as condicións ideais para unha escapada de Semana Santa tranquila: tamaño medio, centro histórico rehabilitado e coidado; moitas hectáreas de espazos naturais, de feito a “Área Allariz” é reserva da biosfera; vida cultural activa; comercio aberto mesmo os domingos…

Conta con varios museos: Museo Galego do Xoguete, Museo da Moda, Museo do Coiro, Casa-museo de Vicente Risco, Museo de Arte Sacra de Santa Clara, Muíño do Burato. Xa ao aire libre, hai que darse uns paseos polo Corredor temático do Arnoia, que vai desde o ecoespazo O Rexo até o Festival dos Xardíns.

Entre o 28 e 31 de marzo, desenvolverase o programa “Semana Santa ao vivo”, que anima o centro histórico con actuacións de rúa, mercados, exposicións e actividades diversas. Por outro lado, haberá un campus polideportivo infantil os días 25, 26 e 27.

Ribadavia. Na capital do viño hai unha programación especial para sacar partido ao tempo de lecer da Semana Santa, con actividades infantís, actuacións musicais, teatro, visitas guiadas pola cidade (“a arte dos monumentos”)… Non pode faltar un paseo pola Praza Maior, o Pazo dos Condes, o barrio Xudeu, o convento de San Domingos, a igrexa de San Xoán, a muralla… Tamén podemos aproveitar para visitar os viñedos históricos e os vales termais na contorna.

En canto á Semana Santa relixiosa, as procesións máis concorridas adoitan ser a dos Caladiños do Xoves Santo, e as do Santo Encontro e o Santo Enterro, nas que se portan imaxes barrocas.

O Carballiño. Nesta terra de polbo, viño e auga, a Semana Santa ten moita tradición. Os actos están na súa meirande parte organizados pola Confraría da Veracruz que, ademais de encargarse das procesións, organiza concertos, exposicións, conferencias… e que fala do Carballiño e a súa Semana Santa como “sinónimos de devoción, gastronomía e termalismo”.

O noso percorrido pola vila ten que pasar pola Praza Maior, onde están a Casa do Concello e o monumento á polbeira; a igrexa de San Cibrán; a Alameda; a Praza da Veracruz, coa igrexa da Veracruz e, afastándonos un pouco do centro, o Gran Balneario do Carballiño e o Parque Municipal, onde se celebra no verán a Festa do Polbo.

Verín. Ao mellor xa estivemos en Verín polo Entroido, cos cigarróns, mais paga a pena repetir e voltar na Semana Santa, e así ver outra cara da cidade sen disfrazar. Verín conforma coa a cidade portuguesa de Chaves a primeira eurocidade galega, que se ofrece como destino biosaudable, pola riqueza termal de ambalasdúas. Por certo, na Ecovía do Támega, hai un bonito paseo pola beira do río, para facer a pé ou en bici, que comunica as dúas cidades. Ademais das augas (Sousas, Cabreiroá, Fontenova, Caldeliñas…); o castelo de Monterrei, empoleirado nun outeiro e considerado a maior acrópole galega; e o viño de Monterrei son os símbolos de Verín.

Paseando polo casco vello atopamos a igrexa de Santa María a Maior, o convento dos Mercedarios, a Casa dos Acevedo… e, por suposto, unha escultura que rende homenaxe ao Cigarrón.

O concello linda co Parque natural O Invernadeiro, un destino perfecto para facer algo de sendeirismo primaveral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *