Cinco cidades e vilas para percorrer esta Semana Santa na Coruña

Sen plan de Semana Santa? Aproveitemos para visitar a provincia da Coruña, onde nos agardan cinco cidades coas portas abertas. A que esperamos?

A Coruña. Aquí, na Semana Santa saen até 12 procesións, entre o 22 de marzo, a da Virxe das Dores, e o 31, a do Xesús resucitado e a de Nosa Señora da Esperanza. Ademais de procesións, a cidade ten unha ampla oferta de cousas que ver, que facer, que mercar, que comer, que vivir… en resumo, que gozar durante a semana. Por exemplo: camiñar respirando o mar polo paseo marítimo, subir á Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, contemplar as vistas desde o monte de San Pedro, de onde podemos baixar nunha bola que é un ascensor, coñecer a Cidade Vella, o xardín de San Carlos, o Castelo de San Antón… Tamén é boa ocasión para visitar os museos científicos coruñeses e o MUNCYT, que nesta semana ofrece unha programación especial. E non esquezamos o Museo de Belas Artes, e toda a programación de obras, concertos e exposicións na cidade en marzo. E, por suposto, a personalidade da Coruña, sempre aberta á diversión.

Ferrol. A Semana Santa de Ferrol é cousa seria. A tradición ven do século XVIII e, desde 2014, é Festa de Interese Turístico Internacional, de xeito que ambiente non fai faltar. Hai cinco confrarías encargadas de organizar até 24 procesións, que se suceden desde o Domingo de Ramos até o de Resurrección. Este ano, a novidade é a saída da Confraría da Mercé en Xoves Santo, que estrea un novo paso, obra de Ana Rey, e o traslado do Glorioso Encontro, o Domingo de Resurrección, á Praza de Armas.

Ferrol son moitos ferroles nun: o da Semana Santa, o da Ilustración, o do Modernismo, o das Meninas… Podemos facer un plan moi completo, cun repaso pola historia do porto e da cidade militar (Arsenal militar, Baluarte de San Xoán, Castelo de San Felipe, Museo da Construción Naval, Museo Naval, Navantia, Palacio da Capitanía); a arquitectura do Barrio da Magdalena; os murais do barrio do Canido… E, se nos gusta o surf, faremos ben en levar a táboa, ou alugala, pois en primavera xa se poden coller boas ondas na zona en praias como Doniños, Esmelle ou San Xurxo.

Santiago de Compostela. Con tanta tradición relixiosa na cidade, a Semana Santa déixase notar. Hai 13 confrarías que organizan 17 procesións. As máis curiosas son as dos Caladiños Descalzos, o Xoves Santo, con penitentes que arrastran cruces e cadeas, e a dos Estudantes, o Mércores Santo. Unha boa escusa para percorrer con calma o casco histórico.

Nestas datas, coas igrexas concorridas e decoradas, tamén se celebran concertos de música sacra e antiga. Precisamente, do 24 ao 31, desenvólvese o ciclo “De lugares e órganos”, con concertos, obradoiros, encontros con especialistas, visitas guiadas…

Ademais de toda a arte e vida cultural que nos ofrece a capital, a primavera é unha época estupenda para unha boa andaina polo parque da Alameda, San Domingos de Bonaval, Belvís, o paseo do Sarela, ou o monte Gaiás, por exemplo.

Carballo. A capital de Bergantiños, no norte da Costa da Morte, é un concello moi dinámico, intersección de camiños entre Santiago, A Coruña e Fisterra. Nestas datas, nas que polo núcleo urbano discorrerán varias procesións, temos que aproveitar para visitar tamén o Museo de Bergantiños, o Balneario, a praza de Galicia, a do concello, os murais espallados pola cidade (lembremos que aquí se celebra o Rexenera Fest). Máis cara á natureza, vaiamos de paseo pola beira do Anllóns, ou por algunha ruta de sendeirismo,  como a das Férvedas de Rus e Entrecruces, a dos Muíños de pan ou a das Sendas do mar, polo litoral de Razo-Baldaio. Para unhas boas vistas, o mellor é subir ao Monte Neme, coas súas galácticas lagoas, a Santa Irene de Castrillón, á Vilela ou a Santa Mariña.

Sen saír da Costa da Morte, na Semana Santa coincide a XXXIII Mostra de Encaixe de Camariñas, do 27 ao 31 de marzo, escusa perfecta para desprazarnos á zona e, de camiño pola costa, visitar Buño, Malpica, Laxe, Muxía, Fisterra, cunha arraigada Semana Santa… E, xa que andamos pola zona, acheguémonos a Carnota, que entre o 28 e o 31 celebra o “Víndemo ver”, un mercado, e moito máis, dedicado este ano á pesca e procesamento da sardiña. Cara ao interior tamén hai cousas interesantes: o Castelo de Vimianzo, As Torres do Allo, a Ruta da Auga de Zas…

Muros. Baixando a Costa da Morte chegamos a Muros, ao norte da ría de Muros e Noia, a máis setentrional das Rías Baixas. Nunha cidade con tanta historia, a Semana Santa tamén ten moita tradición. En particular, o Día da Pombiña. No Curro da Praza, o Domingo de Resurrección ás 11 da mañá, saen as imaxes da Magdalena, os apóstolos Pedro e Xoán e a Dolorosa, toda de negro. Mais tamén sae un gran globo azul. Achégase á Virxe, ábrese, e del sae un anxo (unha nena disfrazada) que di: “Non máis loito, raíña soberana, que o voso fillo resucitou, aleluia” e lle quita o manto negro. A actuación remata con música, solta de pombas e de bombas (de palenque). Único en Muros.

A historia da cidade vai ligada ao mar. Xa na Idade Media era un dos portos máis ricos de Galicia, sendo a base da súa economía a sardiña e, co tempo, a industria de salgadura e a exportación. Hoxe trabállase a pesca de alto mar.

O casco histórico está moi ben conservado, é conxunto histórico artístico desde 1970, e pódense facer visitas guiadas. Destacan a Colexiata, o Santuario da Virxe do Camiño, co seu Cristo gótico, ou o hospital dos Lazarados, por exemplo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *