Castelos de Galicia para visitar en familia

Galicia ten uns cantos castelos ideais para ir cos cativos, coa súa porcentaxe de natureza, de historia e de lenda. Moitos erixíronse orixinalmente como fortalezas e, outros, simplemente como asentamento do poder feudal. Os que fican en pé sofriron transformacións e reconstrucións co tempo, e dalgúns so queda a torre da homenaxe. A maioría están no alto de montes ou penas, para ter unha boa panorámica das terras e das vías de comunicación; e, outros, á beira do mar ou en illas, para a defensa da costa. Desde logo, as boas vistas están aseguradas.

O Castelo de Santa Cruz, por exemplo, está nunha illa, que máis se pode pedir? Foi construído no século XVI na ría da Coruña, enfronte das praias do Porto de Santa Cruz, para defensa dos ataques por mar. Despois da súa función militar, o castelo foi propiedade de Pardo Bazán e familia e, máis tarde, serviu como residencia para orfos de militares. Tras unha etapa de abandono, pasou a ser propiedade do concello de Oleiros e, desde 2001, é sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), o que tamén o fai destino de interese educativo. Hoxe en día xa non temos que ir en barca, porque hai unha longa pasarela peonil que une a illa co paseo de Santa Cruz. Ademais de ver exposicións ou facer actividades medioambientais, podemos gozar do paseo polos xardíns e pola pasarela que circunda a illa, con boas vistas da Coruña e Santa Cruz, e bos alxubes polo camiño para contar contos.

O Castelo de San Antón levantouse na mesma época e polo mesmo motivo, no illote de San Antón, hoxe unido á Coruña. Do XVI ao XVIII tivo función defensiva e como prisión, e máis tarde, foi lazareto para illar aos mariñeiros que viñan con algunha enfermidade infecciosa Desde 1968 acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, con valiosas pezas castrexas. Ademais do interese didácto que que iso supón, o edificio en sí trasládanos a un mundo irreal, sobre todo cando baixamos ao pozo dos desexos, nun alxibe escuro e misterioso onde tes que botar unha moeda e pedir un desexo. 

Na ría de Ferrol construíronse no século XVI tres castelos que formaban o «triángulo de fogo». So polo nome xa paga a pena achegarse. Eran o castelo de San Martiño, do que hoxe non fica nada; o de San Felipe e o da Palma. Entre os tres, dominaban a ría cos canóns e, para evitar o paso dos navíos invasores, amañaban entre eles unha cadea no mar, grazas ao cal rexeitaron moitos ataques. O que coñecemos hoxe do castelo de San Felipe é do s XVIII. É un exemplo típico de batería abaluartada. O castelo da Palma, en Mugardos, despois de sucesivas remodelacións, foi usado como prisión. Hoxe so é visitable na tempada de verán. Os dous teñen amplas terrazas para brincar.

Xa nas Rías Baixas, podemos pasalo moi ben no Castelo de Soutomaior. É un conxunto metade fortaleza medieval metade pazo neogótico do XIX. O seu morador máis coñecido foi Pedro Álvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) que viviu nel no século XV, na época das revoltas irmandiñas. O castelo foi cambiando de mans e, no século XIX, os marqueses De la Vega de Armijo reformárono á moda neogótica e deseñaron o parque e os xardíns, con gran riqueza de especies. Xa no século XX o castelo foi adquirido pola deputación de Pontevedra, que o rehabilitou. A visita ao castelo convírtese nunha viaxe no tempo, pois conta con ponte levadiza e todo e, ademais das estancias restauradas, ten espazo museístico e variados programas de ocio e cultura ao longo do ano: visitas teatralizadas, obradoiros, mercados de nadal… e moita programación específica para público infantil.

Tamén ten moita historia o Castelo de Sobroso. Para empezar, parece un castelo de conto, subido no alto do monte Landín. Desde arriba, podemos ver Vilasobroso e o Val do Condado ata a fronteira con Portugal. É un castelo medieval que foi restaurado no século XX. Por el pasaron moitas personaxes históricas, por exemplo, dona Urraca, que foi retida aquí pola súa irmá, Tareixa de Portugal, e polo Conde de Traba. A lenda dí que fuxiu polo pasadizo subterráneo do castelo, atravesando os recunchos do monte ata chegar ás beiras do río Tea, desde onde marcharía a León. No castelo, tamén se celebrou a voda de Dinis I de Portugal con Isabel de Aragón. E mesmo foi coroado Alfonso VII. Como todos os castelos, tivo varios donos, entre eles o propio Pedro Madruga, ata que acabou en mans do concello no século XX. O interior está rehabilitado e danos idea de como vivía a xente hai moitos séculos. Tamén é sede do Centro de Recuperación e Difusión da Cultura Popular do concello de Ponteareas, con museo do traxe galego e etnográfico. No exterior hai unha boa extensión de campo e árbores do país.

E, ao carón da praia, en Baiona, recorta o ceo o Castelo de Monterreal, tamén coñecido como fortaleza do monte do Boi. A súa época de esplendor transcorreu nos séculos XV e XVI. Daquela, o conde de Gondomar púxolle Monterreal en honor dos Reis Católicos. Unha gran muralla o rodea, pois antigamente a cidade estaba dentro. Está moi ben conservado, aínda que ten engadidos bastante posteriores. Tamén ten un paseo que o circunda por fóra. A este porto arribou a carabela Pinta desde América, o 1 de marzo de 1493. A súa réplica está amarrada no molle e pódese visitar, como colofón da excursión. Conmemorando a data, cada ano o primeiro fin de semana de marzo, celébrase a Festa da Arribada.

E rematamos con outro da realeza, o Castelo de Monterrei, na provincia de Ourense. É unha das fortalezas mellor conservadas e, en realidade, unha acrópole, con hospital de peregrinos e todo. No seu tempo foi estratéxico na defensa na fronteira con Portugal. Tamén facía o seu labor cultural, de feito, aquí imprimiuse o primeiro incunable galego: o Missale auriense. Ten museo e parador, e moitos recovecos nos que viaxar a outra época.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *