As pegadas de Pardo Bazán en Galicia

A piques está de pechar o ano do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. Refrescando a vida e a obra da escritora, propoñemos un repaso polos lugares de Galicia máis significativos para ela. 

Empezando polo principio, dona Emilia naceu na Coruña. Alí viviu na rúa Tabernas número 11, ao carón do xardín de San Carlos, con vistas ao mar. Hoxe en día o edificio é, desde 1978, a súa casa-museo e sede da Real Academia Galega. Aquí comezou o seu amor pola lectura, na nutrida biblioteca do pai, así como a súa a sú andaina literaria, pois aos nove anos escribía os primeiros versos e aos 15 o primeiro conto. Máis adiante, esta casa tamén sería lugar de reunións culturais e literarias, e festas e homenaxes, coma a que se lle deu a Unamuno en 1903.

Gran parte da súa obra está ambientada na Coruña, literariamente Marineda. Este trasunto aparece por vez primeira na súa novela La Tribuna, considerada a primeira novela social do proletariado fabril feminino, de 1881, que reflicte a inxustiza social na Fábrica de Tabacos. O mesmo que Marineda corresponde con Coruña, as rúas que aparecen con nomes inventados en moitos contos corresponden a rúas reais da cidade.

Ao ser filla única dunha familia moi acomodada, foi herdeira de bastantes posesións por Galicia adiante: en moitos concellos da provincia da Coruña, no de Viveiro, en Lugo, e na provincia de Pontevedra (Sanxenxo, O Grove e Poio).

Os invernos pasounos en Madrid ata os doce anos, pola actividade política do pai. Os veráns da infancia e mocidade transcorrían na Torre de Miraflores, en Sanxenxo ou no pazo de Meirás, en Sada. O Sanxenxo literario traduciuse en Portodor “a comarca máis pintoresca que soñarse puede”. 

O pazo de Meirás, construído no XIX enriba das ruínas doutro edificio, ao estilo romántico, ten dúas torres. Na máis coñecida, a torre maior, a que lle dicía “Torre de la Quimera”, tiña ela a súa biblioteca. De feito, a súa novela máis autobiográfica é La Quimera, e está ambientada alí. Foi neste pazo onde celebrou a súa  voda con José Quiroga Pérez de Deza, no 1868. 

Que seu marido fose do Carballiño, determinou para Dona Emilia a súa pegada na zona, pois os Quiroga, familia fidalga, tiñan casa na Praza Maior e varias posesións no Carballiño, no Irixo, en Banga e en Cimadevilla. Pasaban longas tempadas na Casona de Catasós, en Lalín, nas fragas inspiradoras de Los pazos de Ulloa. Tamén adoitaban acodir ao pazo de Banga pola vendima. Por certo, que otra novela súa, El cisne de Vilamorta, está ambientada no Carballiño e no pazo de Banga. 

Despois da voda viviron en Santiago unha tempada e, cando o pai foi elixido deputado polas cortes, marcharon a Madrid, onde dona Emilia xa se meteu de cheo no mundo literario. Cando o pai desencatouse da política, deixaron a capital e aproveitaron para viaxar por toda Europa.

O castelo de Santa Cruz, en Oleiros, tamén foi lugar de veraneo. Despois da separación da escritora, sería a residencia do ex marido, mentres ela vivía entre Meirás e Madrid, principalmente. 

A provincia de Pontevedra, “el País de las Rías”, tamén acolleu a escritora. Ademais do Miraflores da infancia, un dos destinos recurrentes na madureza foi o balneario de Mondariz. Co motivo inicial de curar unha afección hepática, convertiuno na súa residencia de verán entre 1887 e 1920. Segundo ela “Mondariz cura os estragos del pensamiento y los males de la civilización”. Ademais de acodir a flor e nata de Galicia e Portugal, o balneario era un fervedoiro de intelectuais e librepensadores e, ademais, de encontros amorosos. E tamén se deixaba caer polo balneario da Toxa, onde mesmo fundou o hospital de pobres.

Podemos dicir que Emilia Pardo Bazán, esta galega universal, viaxeira, literata, gastrónoma e douscentos etcéteras, deixouse notar alí por onde pasou. Se facemos un reconto das estatuas adicadas en Galicia a súa figura, vémolas diseminadas por moitos lugares nos que estivo. O mesmo que ela levou os lugares á súa obra. Morreu en Madrid, o 12 de maio de 1921.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *