A gala De Tapas por Galicia demostrou a creatividade da gastronomía galega

Nava Castro entrega o premio Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia

O mellor pincho era o ferrolán. Gonzalo Pérez, do Restaurante Frank, recibiu onte o Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia de mans de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, nunha gala na que os sete finalistas amosaron publicamente  a súa mestría nos fogóns pero tamén sufriron o nerviosismo de vérense actuando ante preto de 200 persoas, entre xornalistas, blogueiros especializados, cociñeiros de toda Galicia e expertos do sector. A tapa que máis convenceu ao xurado profesional foi o seu Roliño vietnamita de porco celta e cigala, no que mesturaba produtos tan galegos como a carne e o marisco cunha técnica de elaboración asiática.

Foi o gran Premio dunha noite cargada de sabor e de emoción. Previamente, os composteláns Nacho Tierno e Lucía Freitas foran chamados ao escenario para recibir o galardón Especial Estrella Galicia; e o chef lucense Álvaro Villasante,  para recoller o Premio Especial do Público, decidido por un xurado seleccionado ao azar entre os asistentes á gala.

A final De Tapas por Galicia reuniu en Compostela aos gañadores dos concursos das sete  grandes cidades galegas coa intención, en palabras de  Nava Castro de visibilizar  un “produto senlleiro do noso territorio, a enogastronomía, sen que ningún concurso perdese identidade individualmente”. “Estas iniciativas”, dixo, “promoven a actividade do sector da restauración e da hostalaría, sen dúbida un dos máis importantes na actualidade para a economía galega”.

Foi un auténtico espectáculo de cociña en directo. Os sete contendentes finalizaron as receitas ante a mirada dos Xurados, o público e as cámaras, a quen explicaron polo miúdo a concepción das súas tapas, os ingredientes e os procesos culinarios empregados, ademais dos seus trucos e as súas vivencias dentro da cociña. Os presentadores, Yolanda Vázquez e Quique Morales, souberon transmitir ao público a paixón que os cociñeiros poñen nestas creacións de pequeno tamaño pero de gran complexidade técnica.

premiados

Gonzalo Pérez, antigo cociñeiro da Armada e agora responsable dun dos locais de referencia en Ferrol, recibiu con enorme alegría o Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, que o sitúa como referente de toda unha xeración de chefs. Mentres, a Pescada de Celeiro con bocabits de luriña e xeado de tomate de Álvaro Villasante foi a favorita do xurado popular.

Lucía Freitas e Nacho Tierno, gañadores do premio Estrella Galicia á maridaxe entre tapa e cervexa cunhas Moegas, cogomelos e Touza Vella, protagonizaron outro dos momentos da noite: tiveron que pasar, os dous, pola báscula, no escenario, para determinar o seu peso e recibir esa mesma cantidade en cervexas da marca copatrocinadora do acto. Moncho Bargo (Spoom, A Coruña), Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín, Pontevedra); José Luis Fernández (Tapa Negra, Ourense) e Carles Lapuente (La Contenta, Vigo), os outros chefs contendentes, demostraron tamén unha gran creatividade e habilidade na posta en escena.

O público non marchou da Cidade da Cultura sen probar as creacións a concurso: neste primeiro certame de ámbito galego, organizado por Turismo de Galicia para promover os pratos de pequeno tamaño e as rutas de tapas das vilas e cidades, os asistentes tiveron ocasión de degustar as sete tapas mentres o xurado deliberaba. Os chefs prepararon para os convidados 70 tapas por restaurante nun curtísimo prazo , en cociñas instaladas tras do escenario do evento, mostrando, ademais de xenialidade culinaria, unha gran capacidade loxística.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *