5 imprescindibles se visitas Santiago de Compostela: Catedral, Casco histórico, Alameda, Museo do Pobo Galego e Mercado de Abastos.

A Catedral. Aínda que non soubésemos onde está, chegaríamos igual, parece que toda a cidade nos dirixe cara a ela. Ser centro de peregrinación ha ter cualidades magnéticas. Ademais, as torres son os puntos máis altos de Santiago, e vense de lonxe.

A chegada á praza do Obradoiro sempre impresiona, non importa as veces que estivésemos nela. Ten o tamaño perfecto para admirar o conxunto monumental que a conforma con algo de distancia.

A Catedral comezou a construirse en 1075 e consagrouse en 1211 como basílica. Leva consigo o mellor románico, mais foi cambiando co tempo. Engadíronse estilos, como o renacentista no claustro e anexo, e os grandes toques barrocos: capela maior, órganos, fachada do Obradoiro, peche da cabeceira… Do neoclasicismo fica a fachada nova da Acibechería.

Non podemos perder a visita ao Pórtico da Gloria, restaurado recentemente coa recuperación das cores orixinais. Aos pés, a figura do Mestre Mateo, na que xa non se poden dar croques. As visitas aos museos, aos tellados, vistas nocturnas, etc., son de pago, mais ao pórtico podemos solicitar invitacións de balde con sete días de antelación.

O casco histórico. Desde 1985, non é só patrimonio da cidade de Santiago, senón da Humanidade enteira, segundo a UNESCO. Abrangue o antigo recinto intramuros e os barrios históricos. Apenas 170 ha cheas de monumentos, mosteiros, igrexas, pazos… con moitos séculos enriba.

O núcleo, evidentemente, é a Praza do Obradoiro. Está pechada por edificios ben significativos: a Catedral, o Hostal dos Reis Católicos, antigo hospital de peregrinos e hoxe parador, o Colexio de San Xerome, sede do reitorado, e o Pazo de Raxoi, sede do concello.

A Catedral está rodeada de varias prazas. Na fachada norte, a Praza da Inmaculada, á que dan o convento de San Martiño Pinario e o Pazo de Xelmírez. Na cabeceira da catedral, onde a Porta Santa, a Praza da Quintana, coa súa Quintana de Mortos, escaleiras abaixo, onde antigamente había un cemiterio, e a Quintana de Vivos, escaleiras arriba. Esta praza pecha co convento de San Paio Antealtares, a Casa da Conga e a Casa da Parra, coa fachada barroca chea de vides e acios de pedra. Ao sur, temos a Praza das Praterías, coa súa fonte do século XIX. Aquí tamén está a Casa do Cabildo e, xa empezando a rúa do Vilar, a Casa do Deán, as dúas do século XVIII.

As principais rúas do casco vello son a do Vilar, a Nova e a do Franco. Polo camiño, moitas casas nobres: pazos de Monroi, Vaamonde, Bendaña… e teatros, institucións, bares e tendas tradicionais.

Outras prazas importantes son a do Toural, a de Cervantes, onde está a Casa da Troia, ou a de Mazarelos, onde fica o único arco en pé da vella muralla. Nos arredores desta, a Facultade de Xeografía e Historia, o Mercado, a Igrexa de San Fiz de Solovio e o Convento de Santo Agostiño.

Parque da Alameda. É o parque urbano máis importante de Santiago, situado entre o Campus Sur e o casco vello, cunha extensión de 85.000 m2. Nel distinguimos tres partes: o Paseo da Alameda, a Carballeira de Santa Susana e o Paseo da Ferradura ou dos Leóns. Á vez que rodea unha parte da cidade histórica, amósanos moi boas vistas, como as do miradoiro do Paseo da Ferradura, coa Catedral ao fronte.

Hai algunhas edificacións, como a Capela de Santa Susana, a Igrexa do Pilar, o pombal ou o quiosco da música. Tamén hai estatuas e gran variedade vexetal. Ao longo do tempo foron facéndose ampliacións e restauracións. O parque está dotado de fontes, estanques, parque infantil, aseos públicos… Entre o mobiliario urbano, destacan os bancos co respaldo de forxa feitos nos primeiros fornos de Sargadelos.

Museo do Pobo Galego. Nace en 1976, coa idea de investigar, conservar, divulgar e promover a cultura galega. Está dirixido por un padroado e funciona con aportacións públicas e privadas. Ocupa o antigo Convento de San Domingos de Bonaval.

Conta con exposicións permanentes e temporais. A colección permanente está formada por obxectos da vida cotiá (máis de 15.000 pezas!). Tamén se fan publicacións, conferencias, concertos, cursos…

Ten unha biblioteca especializada e un Arquivo de material documental, gráfico e audiovisual. Tamén hai un departamento de educación e acción cultural para chegar a todo tipo de público.

Por certo, nada de coller o ascensor. Hai que subir e baixar pola famosa escaleira helicoidal barroca de Domingo de Andrade, auténtico emblema do museo. E que non sexa luns, que pechan…

Mercado de Abastos. Tanto camiñar por Santiago adiante, normal que se nos abra o apetito. Pois non temos máis que pasarnos polo Mercado de Abastos, entre a rúa das Ameas e a da Virxe da Cerca, no bordo do casco vello. É todo un símbolo en Santiago, a comunión do rural co urbano. Aquí hai mercado desde 1873, mais o edificio actual é de 1941, proxectado por Vaquero Palacios, que aproveitou un anaco do vello. Está formado por oito naves que dan a unha praza central cunha fonte. E ten un aire intemporal, tirando a románico.

Desde o ano 2000, a praza está xestionada por unha cooperativa de comerciantes que promociona o produto da terra. Está aberto de luns a sábado pola mañá, aínda que os días de máis concorrencia son os xoves e os sábados.

A nave 5 está adicada á restauración. Na parte exterior do mercado tamén hai gran variedade de oferta gastronómica, animada pola actividade da praza.

O servizo é tradicional mais está á última: entrega a domicilio, pedidos por teléfono e internet, envasado ao baleiro, consigna, e até personal shopper!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *