5 imprescindibles se visitas Pontevedra

Pontevedra é toda unha referencia en canto a hospitalidade, o que fai dela un destino moi cómodo para vivir. E, por suposto, para visitar. Aquí amosamos polo menos cinco cousas que non podemos esquecer.

A igrexa da Peregrina, como o seu nome indica, ten moito que ver co Camiño de Santiago. Está adicada á Virxe da Peregrina, que era a que guiaba aos camiñantes que viñan de Baiona a Santiago. É a patroa de Pontevedra e máis do Camiño Portugués.

Levantouse no século XVIII, a cabalo entre o barroco e o neoclásico. O primeiro que nos chama a atención é a súa fachada medio redondeada, a que se debe? Pois resulta que a planta está inspirada nunha cuncha de vieira, máis peregrina non pode ser esta igrexa! Todos os detalles están relacionados coa peregrinaxe. Mesmo a pía bautismal é unha cuncha xigante doada por Méndez Núñez, que a trouxo dunha das súas exóticas viaxes.

A fachada principal, de Antón Souto, ten no alto unha imaxe da virxe do século XIX. O retábulo maior é neoclásico, feito por Melchor de Prado, con variacións aportadas por Manuel de Prado e Juan Pernas Gambino. A entrada á igrexa ven precedida dunha fonte, onde podemos encher a nosa cuncha e tomar uns grolos.

Outro símbolo da cidade é a Alameda: o parque urbano de Pontevedra por excelencia. Foi proxectado a fins do século XIX polo arquitecto Alejandro Sesmero, como parte das obras da ampliación da cidade extramuros. No pasado foi o Campo da Verdade ou das Rodas, e aquí se fabricaban os aparellos de pesca. Coa chegada dos dominicos, o espazo transformouse nun lugar de paseo.

Trátase dunha superficie oval chea de árbores. Na cara occidental hai un miradoiro con escaleiras. No muro exterior destacan os mosaicos de Carlos Sobrino, con escenas costumistas e tradicionais: a praza da Leña, a ermida de Santa María da Lanzada, hórreos de Combarro… No paseo tamén hai un monumento aos heroes de Ponte Sampaio e un palco da música.

 

Se desde a Alameda cruzamos a praza de España e encamiñámonos pola avenida de Santa María, onde acabaremos? Na Real Basílica de Santa María A Maior, xaora. É un edificio gótico, o xemplo máis importante do gótico isabelino en Galicia, con influencias do manuelino portugués. A construción do templo, no século XVI, foi impulsada polo Gremio de Mareantes, moi potente na época, debido ao auxe marítimo e comercial da cidade.

Á fachada principal, cara ao oeste, accedemos a través dunha empinada escalinata. A fachada semella talmente un retablo plateresco, obra de Cornielis de Holanda e Juan Noble, seguramente, de 1541. Destaca o relevo do tránsito da virxe. 

A fachada da cara sur da á praza de Alonso Fonseca. Destaca un gran cruceiro e o Cristo da Boa Viaxe, protector dos devotos viaxeiros. A torre leva a un museo e a un miradoiro con vistas ao casco histórico e á ría. Curiosamente, outra vista da cidade está gravada sobre a propia pedra na fachada.

Por certo, o antigo retablo maior da basílica está exposto no Museo de Pontevedra. Realmente, este museo custodia un bo número de obras de arte. Naceu en 1927, coa misión de conservar, exhibir, investigar e difundir o patrimonio cultural galego, e tanto medrou que agora ocupa seis sedes físicas, todas no conxunto histórico da cidade. A saber: o edificio Castro Monteagudo, na praza da Leña, en proceso de rehabilitación; as ruínas de San Domingos, un dos primeiros en ser declarado monumento nacional, en 1895, que en 1937 se incorpora ao museo; o edificio García Flórez, hoxe tamén en rehabilitación; o edificio Fernández López, centro administrativo do museo e sede do arquivo, biblioteca e sala de investigación; o edificio Sarmiento, rehabilitado nos séculos XX e XXI, e adicado á Prehistoria, historia antiga e cerámica primordialmente, e o edificio Castelao, enteiramente de nova construción, adicado á historia e arte galega desde a alta Idade Media até hoxe.

Como vemos, Pontevedra é unha cidade con moita arte: ten un centro histórico monumental, un museo para quitarse o sombreiro, a única facultade de belas artes de Galicia e até… unha illa artística! Trátase da Illa das Esculturas, tamén coñecida como Illa do Covo ou Illa da Xunqueira. Está nunha zona do Lérez de gran valor natural, que forma parte da Rede Natura 2000. Ten de todo: carril bici, paseos, pontes, fontes e até parque infantil.

A illa converteuse nun museo ao aire libre desde que abeira esculturas de doce grandes artistas contemporáneos internacionais. A proposta, que partiu dos historiadores Rosa Olivares e Antón Castro, implicaba facer unha obra en granito, que tivese que ver con Galicia, e a propósito para a illa. Así, por exemplo, o labirinto de Robert Morris inspírase nos petróglifos de Mogor, a pirámide de Dan Graham lévanos ás sombras e reflexos do río, Jenny Holzer invítanos á reflexión nos seus bancos con frases gravadas, Leiro propón a extensión no fogar dentro do río, cun sillón e unha estantería con queixos flotante…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *