Unha viaxe Alén do Solpor

A Costa da Morte, ese tramo de litoral marcado polos perigos do mar, amosa á vez unha das paisaxes máis vivas e impresionantes de Galicia. Desde os puntos máis extremos, as vistas empequenecen o noso mundo. Amenceres e solpores énchense de significado.

A sensación de contemplar como se esvae o día desde os cantís, aínda cobra máis valor cando nos decatamos de estarmos asistindo ao derradeiro solpor da Europa continental. Debido á situación do eixo de rotación da terra, esta circunstancia sucede en dúas ocasións cada ano: entre o 24 de marzo e o 23 de abril e entre o 18 de agosto e o 19 de setembro.

Os tres lugares desde os que mellor se observa este derradeiro solpor están no cabo Touriñán, no miradoiro do Veladoiro, en Fisterra, e no Monte Pindo. Esteamos ou non nestas datas, sempre é boa idea rematar o día na Costa da Morte.

Aquí propoñemos un plan de tres días para tres postas de sol extraordinarias:

1º día. Solpor en Fisterra. Empezamos cun percorrido polo centro de Fisterra. Na praza Ara Solis, xa vemos a importancia do sol na historia da vila, da Finis Terrae. Tamén a Casa do Cuadrante, a propósito do reloxo da fachada, lévanos ao sol e ao tempo, ou case ao eterno.

Despois de visitar o Castelo de San Carlos, que abeira o Museo da Pesca, achegámonos á igrexa de Santa María das Areas, na aba do monte do cabo, e á ermida de San Guillerme, desde onde nos equinoccios vemos como o sol se aliña maxicamente co pico do Monte Pindo.

Bordeando a costa, despois de visitar o cabo e o faro de Fisterra, enfrontándonos ao Atlántico de cheo, podemos parar na praia de Fóra. Máis adiante agárdanos o cabo da Nave e, no alto dos cantís, o miradoiro do Veladoiro que, máis ao oeste que o de Fisterra, nos asegura un solpor un chisquiño posterior.

2º día. Solpor no Cabo Touriñán. O segundo día seguimos rumbo ao norte, a Camelle, en Camariñas, onde nos lembramos do eremita alemán que case vivía como parte da praia no Museo Man. De camiño ao cabo Vilán paramos no pequeno porto de Arou e, máis adiante, no Cemiterio dos Ingleses, onde descansan os 172 mariñeiros falecidos no naufraxio do Serpent, en 1890.

No Cabo Vilán, visitamos o Centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos, imprescindible para mergullarnos na vida desta costa. E, xa que estamos aquí, subimos ao miradoiro da Virxe do Monte. Podemos aproveitar para facer unha parada en Camariñas, e visitar o Museo do Encaixe e, xa pola tarde, achegarnos a Muxía, cos seus secadoiros tradicionais de congro. E, por suposto, visitamos o santuario da Virxe da Barca, onde seguimos o costume de encomendarnos ás pedras. Vemos como todo o mundo espiritual, do signo que sexa, réndese ao poder da natureza.

Indo para o interior, a uns 4 km, visitamos o mosteiro de San Xulián de Moraime, grande obra románica na que mesmo descubrimos un antigo mapa astral nunha porta. E, por fin, encamiñámonos ao Cabo Touriñán, o punto máis occidental de España, para gozar do noso segundo solpor.

3º día. Solpor no Monte Pindo. Nada mellor para empezar o terceiro día que dar un paseo pola praia de Langosteira, en San Martiño de Duio. Despois, podemos seguir até o Faro de Cee, a uns 10 km, que ten unhas vistas magníficas do Cabo de Fisterra, a praia de Carnota e as Illas Lobeiras.

Desde aquí imos a Carnota. Alí, no Museo Arqueolóxico Aberto, descubrimos moitísimos petróglifos de tema astral. Estando nesta zona, xa haxa bo tempo ou malo, é unha parada obrigada a praia de Carnota, un paseo de 7 km de aire mariño de primeira.

A tarde dedicámola a Ézaro, en Dumbría, onde a auga doce xúntase co mar de golpe desde a fervenza do Ézaro. E subimos ao miradoiro, proba dura nas competicións ciclistas, para obter unha vista de paxaro da zona.

Seguindo o litoral chegamos ao Monte Pindo, o noso Olimpo celta. Arriba de todo, no pico da Moa, convertémonos en monte para contemplar o noso terceiro solpor marabilloso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *