Cinco experiencias enogastronómicas para este outono en Galicia.

O outono comeza en Galicia cargado de actividades enolóxicas e gastronómicas, que sempre son boas compañeiras.

Xa desde finais de agosto estamos en época de vendima, disque este ano algo adiantada. A vendima é unha escusa perfecta para visitar algunha das adegas das D.O. galegas e coñecer polo miúdo o proceso, tan ligado á estación. 

Nestas datas, hai propostas específicas, como o Viñobús Vendima da Ribeira Sacra, por exemplo. O autocar lévanos de paseo polos viñedos, con cata de uvas, mostos e viños. O interesante deste tour outonal é que aprendemos a vendimar e pisar a uva, mergullándonos nos traballos da estación. Seguindo o proceso, o mosto vai ás cubas para a fermentación e, despois dun tempo, xa se pode beber. Como o tempo é dilatado, podemos pedir que nos envíen a botella do noso viño á casa. E, despois do traballo, un xantar na adega, como adoitan facer os viticultores nesta época. O viñobús sae de Monforte de Lemos ás 10:30 e volve ás 16:30, aproximadamente, os días 16, 17, 23 e 24 de setembro. Se temos sorte, pode que haxa algunha praza.

Outro bo plan para gozar do mundo do viño en outono é facer unha ruta de senderismo entre os viñedos da D.O. Valdeorras, na parte máis oriental da provincia de Ourense, visitando as peculiares covas, antigas adegas soterradas onde se elaboraba e conservaba o viño.

Nas adegas da D.O. Ribeiro, ao noroeste da provincia de Ourense, hai experiencias que combinan enoloxía, termalismo, e paseos en barco polas augas do Arnoia.

Monterrei, a D.O. máis pequena, ao sueste da provincia de Ourense, lindando con Portugal, tamén ofrece moitas visitas e ofertas turísticas para o outono, así como nas Rías Biaxas, a D.O. con máis número de adegas, de produción e de marcas. Entre as propostas outonais, por exemplo, a Costeira Sonora, na que se mestura música en vivo, gastronomía e viño, ou os pícnics de vendima.

Aínda non temos plan para a ponte do Pilar? Non lle deamos máis voltas: a Festa do marisco do Grove é o destino perfecto para estas datas, xa que en setembro arrinca a mellor época para comer marisco, na que podemos gozar destes manxares do mar modicamente. Esta festa, de interese turístico nacional, vénse facendo desde 1963. Este ano celébrase entre o 5 e o 14 de outubro, coa degustación de marisco na carpa gastronómica do peirao, moito concerto e actividades xa clásicas como a entrega das Centolas de Ouro, a Regata de Dornas, a carreira popular, animación na rúa… 

Cefalópodo mariño con oito brazos? O polbo! Onde se papan quilos e quilos de polbo no mes de outubro? Na festa de San Froilán, en Lugo, do 4 ao 12 de outubro. Esta festa, que se celebra desde 1754, conserva desde entón a tradición do polbo. Nestas datas instálanse casetas de madeira para a degustación do manxar. Ademais, os negocios de hostalaría sacan os caldeiros para cociñar o polbo á rúa. Así que a cidade enteira cheira que alimenta, mmm…

A festa foi medrando cos anos e, aínda que o máis típico é o polbo, tamén hai postos gastronómicos e de artesanía, e unha morea de espectáculos: O Froilán Sorrí, o Caudal Fest, Sanfroidance, Espazo hip hop, Electronic Lucus Fest…

Se falamos de outono e de Ourense, seguro que nos vén o recordo do cheiro das castañas asadas. Aquí, vivir o outono é vivir o magosto. Onde máis se celebran en Galicia, é onde máis castañas hai, claro, no sur da provincia de Lugo e na provincia de Ourense.

En Ourense, o día de San Martiño, 11 de novembro, é a gran festa do magosto, onde se asan castañas, chourizos e se bebe viño tinto novo. A xolda vívese nos barrios, no parque da Alameda e nos montes da contorna. Hai outros sitios con moita castaña e moito magosto, como Castro Caldelas, Chaioso de Maceda, Allariz, Castroverde, Marín, Moaña, Riós. Por certo, que en Riós, xúntase a mellor castaña co mellor cogomelo, e mesmo fan unha festa da castaña e o cogomelo.

E xa que sae o cogomelo a relucir, temos que dicir que a micoloxía vai collendo forza no turismo outonal. Cada vez hai máis rutas de sendeirismo para recoller setas. Iso si, antes de saír de excursión, cómpre documentarse a fondo sobre esta actividade, para non cometer erros fatais. Sempre podemos acudir a algunha asociación micolóxica, seguro que encantada de axudarnos.

Xa temos o cesto, o coitelo e o coñecemento? Pois camiñando. As principais rutas para atopar bos  cogomelos están no Courel, nas fragas de Folgoso e Seoane e a Devesa da Rogueira; na Ribeira Sacra; na Pena Folenche, na Pobra de Trives; na serra do Suído; no monte de Castrove; na contorna do lago Castiñeiras; na fraga de Catasós; na Serra da Capelada; na serra do Xistral e no monte Xalo.

No concello da Estrada, A Estrada micolóxica, ademais de programar charlas sobre o tema (o 6 de outubro e 3 de novembro), organiza saídas ao monte moi interesantes, xa que nos acompañan expertos na materia (8 e 22 de outubro, 5 e 18 de novembro e 3 de decembro). (Ollo cos gnomos!).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *