Rutas para facer este outono en Lugo

En Lugo temos garantidos unha morea de recunchos cen por cen naturais para sentir o outono de cheo. Moitas fragas, soutos, carballeiras, devesas, ríos, montañas, vales, pontes, fervenzas… Acaso non é a provincia máis grande de Galicia? Pois camiñémola: imos aló!

Ruta da Marronda – Alto Eo. Este sendeiro circular lévanos ao longo de 21,30 km, aínda que se pode acurtar, polas parroquias da Braña, Martín e Cubilledo, nos concellos da Fonsagrada e Baleira. Comezamos en San Paio ou na Área recreativa da Cortevella, no concello de Baleira. Alí, entre carballos, castiñeiros e piñeiros, vamos ascendendo o monte e internámonos na Fraga da Marronda, un mesto faial especial por ser único nestas latitudes. Nun tramo imos á beira do Eo, cos seus meandros e fervenzas, como a de Acea da Serra e a do Pozo da Ferreira.

Ruta da Devesa da Rogueira. Neste tesouro do Courel podemos facer varias rutas. A máis coñecida é circular, de 9,5 km, aínda que se pode alongar a 13,3 km. Parte da Aula da Natureza de Moreda e pasa por Moreda, Moreda Maior, Devesa da Rogueira, Fontes do Cervo, Miradoiro de Pico Polín e Rego da Rogueira. No camiño, ademais da riqueza natural, temos miradoiros para contemplar a vista con calma, como A Cabeza do Couto e o Alto do Couto.

Ruta das Minas. É unha ruta circular que vai polas minas da Pontenova e polo río Turía, que desemboca no Eo. Comeza na antiga estación de tren, hoxe oficina de turismo, xunto aos fornos de calcinación de ferro de Vilaoudriz, na Praza dos Fornos. Ademais de revivir o pasado industrial da zona, facemos tramos á beira do río, e mesmo podemos conectar coa Ruta do Ferrocarril, tamén chamada Vía Verde do Eo, que remata en Santo Tirso de Abres, en Asturias. Se nos sabe a pouco, sempre podemos lanzarnos pola tirolina…

Ruta da Auga de Guitiriz. Esta é unha das rutas máis coñecidas de Guitiriz, que enlaza o Camiño Norte de Santiago coas tres fontes mediciñais do concello: a de Valdovín, en Parga; a de San Xoán, en Lagostelle, onde o balneario, e a de Santo Domingo, en Pardiñas. O paseo comeza en San Alberte, na parroquia de Sambreixo, onde ademais da paraxe á beira do río Parga, temos ponte romana, capela gótica e cruceiro. Uns quilómetros adiante, o Parga xúntase co Ladra. Polo camiño hai un pouco de todo: muíños, mansio romana, castelo, e até mesquita. O roteiro abrangue 19,6 km, rematando na Carballeira de Pardiñas.

A Seimeira de Vilagocende. Esta fervenza salta a 50 m de altura, onde o río Porteliños baixa até o Lamos. A ruta, moi curta, de 2,24 km, comeza uns 300 m antes de chegar a Vilagocende desde A Fonsagrada. Entre bidueiros, ameneiros e carballos camiñamos polas pasarelas de madeira que nos levan cabo da seimeira, xusto onde cae. Un lugar para soñar. Tamén hai un miradoiro que nos da unha perspectiva desde arriba.

Souto da Retorta. A xulgar polo tamaño destes eucaliptos, os gnomos da zona igual nos levan unha cabeza. En Chavín, no concello de Viveiro, á beira do paseo fluvial do Landro, os xigantes eucaliptos centenarios conviven con especies típicas do bosque de ribeira e con felgos enormes. Os esucaliptos chegaron en 1880, para frear as riadas. Algúns miden 70 m. O Avó ten un pé de 2,5 m de diámetro. Son árbores senlleiras e, o souto, monumental.

Lagoa de Cospeito. Aquí temos un dos humedais máis importantes de Galicia, alimentado polo río Guisande, afluente do Miño. O outono é boa época para observar moitas especies de aves que chegan do norte de Europa, como a avefría, o pato culler, ánade real, garza… Tamén vense sisóns, aves esteparias. E tritóns, rás, píntegas… Todo iso ao abeiro dos carballos, bidueiros e salgueiros, entre moitas máis especies. A ruta comeza na praza da Feira do Monte, onde está o Centro de Interpretación. Ao longo do paseo, circular, de 4.6 km, podemos parar en varios observatorios ornitolóxicos para gozar do espectáculo. Quen dispoña de prismáticos, ten boa ocasión para lucilos.

Ruta das Ínsuas do Miño. Este sendeiro circular, de 5 km, vai pola beira do Miño ao seu paso por Outeiro de Rei, na Terra Chá. Comeza na área recreativa cabo da Ponte Vella, e sigue o antigo sendeiro dos pescadores. Nesta zona protexida sucédense pequenas illas no leito do río: a Pequena, a de Santa Mariña ou de Abaixo e a de San Roque, a máis grande. As dúas primeiras pódense visitar cruzando pasarelas de madeira. A contorna é autóctona total: carballos, acivros… Tamén hai un caneiro e o muiño de Felpás e a Fonte da Pinguela.

Ruta Cabo do Mundo. Esta andaina circular de 9 km está en plena Ribeira Sacra, no concello de Chantada. Sae da igrexa de Nogueira de Miño e pasa por piñeiros e soutos, a estas alturas co chan cheo de ourizos. Aproveitamos para coñecer as aldeas de Cartemil, Goimil, Nogueira de Abaixo e Portanogueira. E, por suposto, tamén aproveitamos para asomarnos aos miradoiros do camiño para facer un alto e gozar das vistas. 

Costa do Vicedo. É bo momeno para achegarse á Mariña lucense, e camiñar relaxadamente por praias e cantís, lonxe das multitudes do verán. Este roteiro, lineal, de 13 km, comeza no porto do Vicedo e pasa pola praia do Vidreiro, do Caolín, polo lugar de Baltar, a praia de Xilloi, a illa Coelleira e a praia de San Román ou Area Grande. O camiño ten dous desvíos: á igrexa de Santo Estevo do Vicedo e ao miradoiro da Cruz do Baltar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *