Ritos ancestrais, lendas e episodios históricos dan forma aos personaxes máis tradicionais do  entroido

Tratar de rastrexar as orixes do entroido supón internarse en terreos onde as néboas do pasado permiten entrever máis conxecturas que certezas e onde a liña que separa a historia da lenda se dilúen. Desde hai séculos, a celebración camiña no calendario unida indisolubelmente á Semana Santa, debido a que é esta última a que determina a data do mércores de cinza (inicio da coresma) fixando así tamén o martes de entroido (a véspera) e con el, o resto das datas do ciclo festivo do entroido. Pero as súas orixes son anteriores no tempo á escenificación da Paixón e a Resurrección de Cristo e entroncan, en opinión dos expertos, con antigas celebracións pagás que posteriormente tiveron que adaptarse aos postulados da Igrexa católica.

 

Trátase dun fenómeno milenario que foi evolucionando co paso do tempo conservando elementos ancestrais, inmortalizando tradicións e personaxes locais, e recreando sucesos e episodios históricos. Todo iso pódese ver a través dos protagonistas que a día de hoxe seguen centrando a atención dos principais entroidos galegos e das postas en escena que levan a cabo. Esta conxunción de tradición, historia, respecto polo propio, arraigamento e capacidade de atracción é o que propiciou que ata nove destes entroidos gocen hoxe en día da consideración de celebracións de interese turístico. 

 

Un percorrido por esas celebracións permítenos identificar as súas diferenzas, pero tamén achar algúns aspectos comúns. O principal é ese afán irreverente da maioría das celebracións e o cambio de papeis que en moitas delas se escenifica. Pero aínda que o entroido é unha época de desenfado, festa, sátira e, mesmo, burla cara ao poder establecido, nalgunhas destas celebracións emerxen figuras de gran autoridade contra as que non cabe oposición. É o caso por exemplo das Pantallas, as “máscaras” (elemento que por extensión serve para definir a todo o personaxe) que protagonizan os actos en Xinzo de Limia. Nesta localidade, que presume de gozar do entroido máis longo de Europa e tamén dun dos máis antigos, e declarado Festa de interese turístico internaciona, a Pantalla representa durante uns días a máxima expresión da autoridade e ninguén ousa faltarlle ao respecto durante o seu percorrido polas rúas de Xinzo. As súas raíces remóntanse á época castrexa, do mesmo xeito que podería ocorrer cos Cigarróns de Verín, aínda que neste caso hai quen os liga con personaxes non tan afastados no tempo. Unha lenda relacionada seguramente co costume que tiñan os cigarróns de pedir cartos á xente que atopaban na rúa ou esixir unha invitación nun bar, relacionaba esta figura cun antigo recadador de impostos dos Condes de Monterrei.

 

Unha explicación similar adoptouse para tratar de desentrañar tamén a orixe do Peliqueiro, a figura central da festa en Laza, localidade que constitúe o terceiro vértice do triángulo máxico do entroido ourensán. Unha das hipóteses sobre a súa orixe explica que esta figura enmascarada sería a resposta dos Condes de Monterrei contra os vasallos que se negaban a pagar impostos, aínda que tamén hai quen sostén que as súas orixes entroncan cos festexos castrexos ou romanos. O Peliqueiro ten tamén paralelismos coas Pantallas, xa que ambas comparten o feito de converterse na encarnación de tres poderes: o relixioso (simbolizado na mitra do personaxe de Laza e na máscara do de Xinzo), o social (como figura que organiza os actos do entroido) e o xudicial, debido a que coa zamarra e as vexigas inchadas, respectivamente, poñen orde e imparten castigos.

 

O exercicio dunha autoridade aderezada de trasnadas e unhas orixes nas que tamén hai referencias a unha rebelión contra o poder señorial está presente, así mesmo, no  entroido de Maceda e na posta en escena do personaxe central das súas festas: o  Felo. Aínda que tamén neste caso hai quen o relaciona con sociedades máis antigas e con vellos ritos de fecundidade, iniciación e caza que explicarían a decoración tradicional das súas mitras con aves e outros animais dos montes próximos de San Mamede.

 

Máis difusos son aínda as orixes das Mázcaras de Manzaneda, recoñecibles polos seus coloridos traxes e os seus vistosos bailes, e que a pesar do que puidese parecer polo seu nome, levan a cara descuberta. En Viana do Bolo, o personaxe máis importante das festas é o Boteiro. Súa é a responsabilidade de abrir e marcar o paso aos veciños que marchan en comitiva festiva pola localidade ou polas aldeas dos arredores formando o Folión, denominación tamén empregada para referirse a grupos similares en varios dos municipios anteriores.

 

Xa fóra dos límites da provincia de Ourense, outros dous entroidos de interese turístico presumen de personaxes tradicionais. En ambos os casos resulta menos complicado rastrexar as súas orixes. As Madamas e os Galáns poñen o baile e a nota de cor á celebración nas parroquias de Santo Adrán e Santa Cristina de Cobres, no municipio pontevedrés de Vilaboa. Hai constancia escrita desta tradición a principios do século XVIII, pero crese que a orixe dos traxes que portan homes e mulleres e dos bailes cos que percorren ambas parroquias ten a súa orixe en costumes gremiais dos séculos XV ou  XVI. Máis recentes aínda son os Xenerais da Ulla, a singular achega que os oito municipios da chamada comarca natural do río Ulla (A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces) fan ao entroido galego. Os uniformes decimonónicos que portan os integrantes dos dous exércitos festivos que participan nesta escenificación remiten directamente aos enfrontamentos bélicos ocorridos hai dous séculos (a Guerra da Independencia, o Levantamento de Solís ou as Guerras Carlistas), aínda que neste caso a palabra e os versos substitúen ás armas para librar un divertido combate dialéctico.

 

 

 

Un comentario en «Ritos ancestrais, lendas e episodios históricos dan forma aos personaxes máis tradicionais do  entroido»

  1. Moi interesante! Aínda que estivera mellor se acompañades o artigo coas fotos dos citados personaxes para facernos unha idea visual. Moitas grazas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *