Mellores lugares para ver a eclipse total de Sol en Galicia

Estás a planear vir a Galicia este verán? Galicia prepárase para acoller un dos espectáculos naturais máis extraordinarios das últimas décadas: a eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026. Unha cita única na que o ceo se escurecerá ao solpor e o Atlántico será testemuña dun momento irrepetible.

Se estás a pensar nunha escapada diferente, este é o plan perfecto: natureza, gastronomía, cultura… e un fenómeno astronómico que só uns poucos lugares do mundo poderán gozar na súa totalidade.

Unha experiencia única no mundo

A eclipse terá lugar ao final da tarde, co Sol moi baixo no horizonte oeste. Isto converte Galicia nun destino privilexiado, xa que moitas das súas praias, miradoiros e cantís ofrecen vistas despexadas cara ao océano, o escenario ideal para observalo.

Nalgúns puntos, o fenómeno prolongarase ata pouco antes da posta de sol, creando unha atmosfera máxica na que a luz cambiará, a temperatura descenderá e a paisaxe transformarase por completo.

Mellores lugares para gozar da eclipse

Para gozar ao máximo da eclipse hai unha clave fundamental: escoller ben o lugar.

A Coruña
Provincia cunha clara presenza de totalidade. A cidade da Coruña atópase dentro da franxa de totalidade, igual que moitos concellos da área metropolitana e do norte e interior. No suroeste e nalgunhas zonas costeiras a eclipse será parcial.

Lugo
É a provincia galega con maior presenza da franxa de totalidade. A maior parte do territorio, incluída a capital, poderá gozar da eclipse total.

Ourense
Provincia de contraste: predomina a eclipse parcial con totalidade nalgúns concellos. Esta concéntrase especialmente no leste e sueste (Valdeorras e zonas de montaña), mentres que na cidade de Ourense e en gran parte do resto do territorio o eclipse será parcial.

Pontevedra
Predomina a eclipse parcial, con totalidade só en concellos concretos do interior. Na maior parte da provincia a magnitude será moi alta, aínda que sen chegar á totalidade.

Nesta ligazón poderás acceder a un mapa interactivo que che permitirá comprobar, concello a concello, desde onde ver a eclipse (total ou parcial) e en que franxa horaria.

Moito máis ca un eclipse

Planificar a túa viaxe para o eclipse é tamén a escusa perfecta para descubrir Galicia no verán:

  • Praias infinitas: desde areais urbanos ata calas agochadas
  • Gastronomía: mariscos, peixes e viños con denominación de orixe
  • Natureza: rutas, parques naturais e paisaxes únicas
  • Cultura e tradición: festas, patrimonio e vilas con encanto

Imaxina rematar o día cunha posta de sol eclipsada e unha cea fronte ao mar. Difícil mellorar unhas vacacións de verán. Agardámoste!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *