Os museos máis curiosos de Galicia

Hai museos por Galicia adiante un tanto descoñecidos. Ao mellor non aparecen entre os primeiros da lista á hora das visitas turísticas, mais iso non lles quita valor nin interese, mais ben dálles o graza do descubrimento.

Por exemplo, pode que non saibamos que en Cangas está o MUVI, Museo dos videoxogos, pioneiro no sector, fundado por Jacobo e Galo Martínez. É un espazo interactivo e divulgativo que fai un repaso pola historia da microconsola, do ordenador e do videoxogo. Amosa máis de 150 sistemas electrónicos. Aquí ben se ve o paso do tempo… Ollo, o mesmo temos en casa algunha valiosa antigüidade electrónica.

Seguindo cos xogos, pero cos de sempre, en Galicia hai varios museos do xoguete. O Museo galego do xoguete de Allariz, aloxado nunha casa señorial do século XVIII, nace da doazón dun veciño, Alberto Oro Claro, da súa colección de case 800 xoguetes de diferentes épocas, desde principios do século XX até os anos 60 aproximadamente. Tamén hai un Museo do Xoguete no Pazo de Liñares, en Lalín, con pezas doadas por Antonio Chaves. En Ponteceso está o MELGA, Museo Etnolúdico do xoguete, adicado a xogos e deportes tradicionais e á evolución dos xogos desde a prehistoria.

E, para rematar cos xoguetes, podemos achegarnos a un sitio cheo de casas: o Museo de Casas de Muñecas de Monforte, na Praza da Estación. Unha colección de casiñas victorianas, pazos, patios andaluces… con todos os seus minúsculos detalles. Admirable artesanía e paciencia.

En Monforte tamén está o Museo do Ferrocarril de Galicia, MUFERGA. O máis peculiar da visita é a rotonda ferroviaria, antigo obradoiro de tracción e instalación do depósito das locomotoras, con 38 vías radiais e unha ponte transbordadora xiratoria, únicas en España. Ademais, conta con locomotoras e vagóns de distintas épocas e un parque temático do ferrocarril a pequena escala. Entretemento asegurado.

E do MUFERGA ao MUVICLA, en Trasliste, Láncara. Atención, as siglas queren dicir: Museo vivo e integrado do campo e a locomoción agraria. Ou sexa, a historia do tractor actual e os seus ancestros, no marco dunha casa de labranza en funcionamento, neste caso adicada á mazá e á tenreira. Até podemos dar unha volta nun tractor clásico.

Aquí até os mouchos teñen museo, non hai máis que achegarse a Cerceda, onde o Museo do Moucho  aberto en 1994, acolle unha colección de máis de 5.000 pezas (esculturas, pinturas, artigos de ourivaría…) e instalacións interactivas arredor desta ave.

Santiago ten tantos museos que ao mellor algún nos pasa desapercibido, por exemplo o MUPEGA, Museo Pedagóxico de Galicia, onde vemos a evolución da escola con moito material de distintas épocas e mesmo a recreación de aulas do século XIX. Doutra banda, no parque de Vista Alegre está o Museo de Historia Natural, con dioramas que amosan hábitats dos diferentes animais, a colección malacolóxica de Emilio Rolán, unha das máis importantes do mundo, a de minerais…

Por sorte para Ordes, alí naceu Juanjo Linares, o gran bailarín, mestre e investigador de danzas tradicionais. O Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes xordeu da doazón que fixo da súa colección de máis de 1.000 traxes de baile, dos que se expoñen arredor de 260 pezas. Moitos son tradicionais, de diferentes épocas; outros, del mesmo, e algúns de figuras históricas do baile español como Antonia Mercé, Anita Delgado, e máis recentes como Antonio Gades.

Xa que falamos de baile, un pouco de música, por favor. A Escola Provincial de Gaitas de Ourense é bastante coñecida, en parte por ser a canteira da Real Banda de Gaitas de Ourense. Talvez non sexa tan coñecido o museo que se aloxa na propia escola: o Museo internacional de Cornamusas. Contén unha colección de distintas variedades de gaitas de Galicia e de diferentes zonas de Europa, África e Asia.

En canto aos museos etnográficos, hai moitos espallados por Galicia, estudando e divulgando a cultura de cada zona. Un dos máis orixinais é o Barco Museo Boniteiro «Reina del Carmen», en Burela, un barco boniteiro de madeira dos anos 60 reconvertido en museo etnográfico. Dentro del todo xira arredor da cultura mariñeira, a vida a bordo do barco e as artes de pesca. 

Para botar unhas risas, que tal se nos pasamos polo Museo do Humor de Fene? A alma máter do recinto é Xaquín Marín, prácticamente o seu artífice. Hai exposicións dos máximos representantes do humor gráfico galego, ademais de espazos adicados á caricatura, ao cómic, a publicacións de humor e obxectos curiosos. Organízanse actividades, premios, actuacións…

Se non nos apetece moito pecharnos nun edificio, quizais un día de moita calor, seguro que gozamos dando un paseo por algún museo ao aire libre, como o de o Ecoespazo do Rexo, en Allariz, museo natural a carón do Arnoia, con intervencións en pedras e árbores feitas por Ibarrola, ou a Illa do Covo chamada tamén Illa das esculturas, nas xunqueiras do Lérez, en Pontevedra, con obras en granito de Leiro, Giovanni Anselmo, Jenny Holzer e Robert Morris, entre outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *