A pasada fin de semana, Santiago de Compostela converteuse na capital do Entroido galego cun desfile moi especial no que participaron máis de 400 persoas e 17 entroidos de toda Galicia. Foi unha ocasión inmellorable para achegarse á diversidade desta celebración e á riqueza etnográfica galega.
Cinco entroidos declarados Festa de Interese Turístico
O evento reuniu algunhas das figuras máis emblemáticas dos entroidos recoñecidos como Festas de Interese Turístico, auténticas xoias culturais que atraen visitantes de todo o mundo:
- Entroido de Xinzo de Limia: famoso pola súa duración, un dos máis longos de Europa.
- Entroido de Verín: cos icónicos cigarróns, personaxes con máscaras de madeira e traxes espectaculares.
- Entroido Viana do Bolo: protagonizado polo son dos fulións con bombos e tambores.
- Entroido de Cobres (Vilaboa): elegante, coas vistosas madamas e galáns cheos de cor.
- Os Xenerais da Ulla: singulares polas súas paradas e atranques, diálogos satíricos a cabalo.
Outros doce entroidos tradicionais
Xunto a eles, a comitiva contou con outros doce entroidos tradicionais, que amosan a riqueza e variedade desta festa en todo o territorio galego:
- As Bonitas de Sande (Cartelle): cos seus espectaculares tocados de fitas e flores.
- Os Vellaróns de Riós: personaxes enmascarados con chocas que anuncian a festa.
- Entroido de Samede (Paderne): as Máscaras levan sombreiros con plumas, fitas de cores e mantón de Manila.
- Os Felos e Madamas de Esgos: traxes coloridos e máscaras traballadas en cartón.
- Os Galos da Mezquita (A Merca): máscara leva un anteface, un traxe de cores vivas, unha caxata e un sombreiro con forma de galo.
- Os Follateiros de Lobios: coñecidos polos seus traxes feitos con follas de millo.
- As Madamitas e Madamitos de Entrimo: con vestimenta elegante e refinada.
- Touro e Xigante de Celavente (O Bolo): O Xigante leva traxe branco, pañoleta vermella con flocos, gorro con pompóns e cintas de cores. O Touro é unha estrutura con colcha e pano de ganchillo adornado con lazos, e dous cornos na dianteira para as envestidas.
- Fulión de Buxán (O Bolo): gran forza sonora con bombos e aixadas batendo no chan.
- Entroido de Salceda de Caselas:lcos ranchos formados por seis danzantes e dúas damas e os cabaleiros para pór orde na celebración.
- Entroido de Mugares (Toén): máscaras tradicionais que enchen de misterio a celebración.
- Os Cabreiros de Muíños: personaxes cubertos de peles e chocas que evocan o mundo rural.
Un patrimonio cultural cheo de música e cor
O Entroido é unha mostra da gran riqueza etnográfica de Galicia. Este desfile permitiu a visitantes e participantes gozar dalgúns dos personaxes máis singulares do noso Entroido e poñer en valor as tradicións que cada comarca mantén vivas nesta festa ancestral.
Cada vez son máis os entroidos que contan coa categoría de Festa de Interese Turístico, tanto a nivel galego como nacional e internacional. Ademais, a declaración do Entroido como Ben de Interese Cultural confirma a súa relevancia dentro do patrimonio galego.
Anímaste a vivilo en persoa? Galicia agárdate coas súas tradicións máis coloridas, cheas de música, máscaras e personaxes únicos que fan do Entroido unha festa irrepetible.

