Os mellores castelos para visitar en Ourense: Castro Caldelas,  A Peroxa, Maceda, Monterrei, Ribadavia

Sintámonos medievais por un día! Collamos o cabalo, ou a carroza, ou o carro… ou mellor o coche… e demos unha volta polo noso pasado máis señorial. Na provincia de Ourense destacan 5 castelos pola súa importancia histórica e o seu estado de conservación. Nalgún deles, até podemos aloxarnos, coas comodidades dos nosos tempos, claro.

Castelo de Castro Caldelas. Castro Caldelas, na Ribeira Sacra, é coñocida polo viño, as termas e o castelo. O castelo está empoleirado no centro da vila, subindo Cima de Vila, o nome o dí todo. Desde aquí, os condes de Lemos tiñan unha panorámica estupenda dos seus dominios. O castelo foi levantado no século XIV por Fernández de Castro. No século XV sería derruído polos irmandiños e despois reconstruído, fado de todos os castelos. No século XVI engadíronlle unha solaina e ventás con parladoiros. Máis adiante, no século XVIII, pasa a mans da Casa de Alba e, en 1991, é cedido en usufruto ao concello. Agora mesmo é o centro cultural de referencia da comarca. Consérvase a muralla; tres torres, en moi bo estado a do reloxo e a da homenaxe; a casa do administrador; o patio de armas; o alxibe e até unha catapulta. Dentro do castelo atopamos o interesante Museo Arqueolóxico e Etnográfico, con dous andares nos que descubrimos os obxectos achados no castelo e outros relacionados coa vida de antano. No mesmo edificio está a oficina de información turística.

Castelo da Peroxa. Seguimos na Ribeira Sacra ourensá. O castelo da Peroxa está na parroquia de San Xes da Peroxa, nun outeiro sobre o val do rego Rial. Pénsase que ven do século VIII, e que foi construído polos Temes como defensa fronte os musulmáns. De todos xeitos, xa se sabía que o terreo era bo, pois moito antes xa houbera aquí un poboado castrexo. Durante a Idade Media pertenceu aos condes de Ribadavia, afeccionados aos castelos. Despois de varios séculos e sucesivos cambios de propietarios, en 1920, o dono daquelas desfixo a torre da homenaxe pedra a pedra para construír a igrexa da Peroxa. En fin… Os restos que se conservan son do século XIII: restos dos torreóns, parte do adarve, un alxibe e restos do interior.

Castelo de Maceda. Este é un castelo ben ferrudo; vese que na súa orixe (séculos XI-XII) tivo sobre todo unha función defensiva. Mais, co devir do tempo, fóiselle dando un uso máis pacego. De feito hoxe en día, restaurado e rehabilitado, funciona como hotel-monumento. Parece ser que aquí pasou Alfonso X a súa infancia, até os 11 anos, e que aquí lle colleu gusto a escribir cantigas en galego (outros sitúan a acción en Allariz…). Tamén se dí que viviu aquí Xoán Novoa, rapaz nobre que foi enviado a Portugal para evitar aos irmandiños. Alí sería un coñecido explorador, e mesmo chegaría a alcalde de Lisboa. Andando no tempo, o castelo sumiuse nunha época de decadencia, agochado durante anos baixo un manto de silveiras, até a súa restauración a finais do século XX.

Castelo de Monterrei. Érguese nun souto sobre o val do Támega, na parroquia de Santa Marta. Foi construído no século XII, sobre o castro de Baroncelo. Nun principio serviu de fortaleza defensiva e, co paso do tempo, foi tomando aires de residencia señorial. A torre das damas é do século XIV. A torre da homenaxe, o hospital de peregrinos e a igrexa de Santa María foron levantados entre o XV e XVII. Con Felipe IV despregaríase unha imponente muralla fortificada. Chegounos hoxe como o conxunto fortificado máis grande de Galicia. Murallas adentro había unha animada actividade cultural; de feito, o castelo contou coa primeira imprenta de Galicia. Aquí imprimiríase o Missale Auriense (1494), que podemos ver na catedral de Ourense, en pergamiño, e na Biblioteca Nacional, en papel. Despois da desamortización que levou ao abandono de moitos castelos, esta acrópole sería restaurada nos anos 60 do século XX e, a zona do antigo colexio dos xesuítas e do convento de San Francisco, convertido en parador en 2015. 

Castelo de Ribadavia. Está no mesmo casco histórico de Ribadavia, nun pequeno alto preto do río Avia. Hai quen di que é do século IX, hai quen dí que do XII. En calquera caso, o que se sabe é que no século XV sufriu varias remodelacións. No XVII os condes de Ribadavia, que vivían alí, cansaron del, e se mudaron á praza Maior, ficando o castelo medio abandonado. Nese estado de abandono a xente da vila aproveitou para facer as casas coas pedras do castelo, ai… O que chegou a nós foron os restos dun torreón con ameas e partes da muralla con varios cubos, uns de base circular e outros cadrada. Tamén se conservan tres das cinco portas orixinais: a da Cerca, a Nova e a Falsa. No século XX, aproveitando parte do recinto amurallado, construíuse un auditorio. Alí, desde os anos 70 do século pasado, celébrase a Mostra de Teatro de Ribadavia, que desde 1984 é internacional. O castelo tamén é un dos escenarios da Festa da Istoria, unha volta á Ribadavia medieval que ten lugar a finais de agosto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *