Os mellores castelos para visitar en Pontevedra: Soutomaior, Monterreal, Salvaterra de Miño, Santa Cruz na Guarda e Sobroso

Os castelos, eses edificios tan de moda na Idade Media, construíanse en lugares estratéxicos para a defensa e o control das terras: no alto dun monte, ou preto do mar, ou do río, para defenderse de invasións pola costa. Así que as boas vistas están aseguradas… Na provincia de Pontevedra temos cinco exemplos importantes e imponentes.

Castelo de Soutomaior. Está no monte Viso, no centro do concello de Soutomaior, dominando os vales do río Verdugo e os seus afluentes, e tamén a ría de Vigo. No século XII empezou sendo unha torre defensiva, construída por orde de Alfonso VII. Co tempo foi medrando como unha gran fortaleza, chegando ao seu maior esplendor con Pedro Álvarez de Sotomayor, Pedro Madruga, nobre de gran poder no suroeste galego. Como dicía el, tan coitado: “en Galicia, basta mi casa”. Este personaxe tivo unha vida de aventuras que descubrimos na zona museística do castelo, onde mesmo se lle atribúe a identidade de… Cristóbal Colón! O seu nome tamén aparece ligado á historia doutros castelos, case como o de dona Urraca. Pode dicirse que andaba metido en todas as leas…

Despois de varios séculos de decadencia, o castelo pasa a mans do marqués de la Vega de Armijo, no século XIX, que lle deu un aire neogótico, e o usou como residencia de verán. Ao final, despois doutra época de declive, foi adquirido pola deputación de Pontevedra en 1982, que o rehabilitou e o abriu ao público.

O castelo está rodeado dun parque botánico de máis de 25 ha, con zonas de camelias, viñedos, bosque, árbores frutais… As protagonistas son as árbores senlleiras, a máis alta de 41m, e as camelias, culpables de que o xardín sexa Xardín internacional da camelia desde 2012.

Castelo de Monterreal (Baiona). Na península do Monte Boi sempre houbera asentamentos, mais no século XII levantouse unha fortaleza, que tería sucesivas transformacións, mesmo no século XX, no que se convertería en parador. A súa época de esplendor transcorreu nos séculos XV e XVI, coa intensa actividade comercial do porto de Baiona. No século XVI, o conde de Gondomar reconstruíu a fortaleza e chamouna Monterreal en honor dos Reis Católicos. Por aquí tamén pasou Pedro Madruga, como non, e mesmo construíu unha torre en 1474. Felipe II engadiría baluartes.

Hoxe en día, rodeando a muralla hai un magnífico paseo fronte o Atlántico. Para entrar no recinto contamos con 4 portas de acceso: a do Sol, a do Principe, a Real e a Principal. Esta última, mandada facer por Felipe IV, da acceso á praia de Barbeira. Ademais, ten varias torres: a da Porta do Sol, coa ponte levadiza; a do Principe; a da Tenaza e a Torre do reloxo, con ameas e pezas de artillería. O paseo por fóra e por dentro das murallas é un imprescindible da visita a Baiona.

Castelo de Salvaterra de Miño. Pola súa situación, á beira do Miño, con Portugal enfronte, esta zona foi sempre un punto defensivo. As orixes do castelo remóntanse aos século X-XI. Desde aquí loitaría dona Urraca contra Teresa de Portugal. No século XII, Fernando II levanta unha boa fortaleza. E chegado o século XV, quen non podería faltar…? Pedro Madruga, claro, que o usou como refuxio nas súas disputas co arcebispo Fonseca. No século XVII sofreu unha remodelación importante, que o dotou dun sistema de baluartes.

Na actualidade, nunha superficie de 9.700 m2 se distribúen o recinto amurallado, a Casa do Conde, o Pazo de dona Urraca e a Capela da Virxe de Oliva. Do século XII consérvanse as Covas de dona Urraca. O Pazo de dona Urraca abeira o Museo da Ciencia do Viño, para non esquecer de que estamos no Condado do Tea.

Castelo de Santa Cruz (A Guarda). Esta fortaleza, na zona máis alta da cidade da Guarda, foi unha das que mandou contruir Felipe IV, c. a 1664, como defensa fronte a invasións portuguesas. Hoxe non fican moitos restos, mais era unha fortaleza ben completa, con cuartel para tropas, cortes, almacéns, polvoreira, carnicería…. No século XVII estivo ocupada polo exército portugués e  no s XIX, por un breve período, polo francés. Despois foi cambiando de propietarios até que se recuperou para uso público. Na actualidade, no interior da fortaleza só hai un edificio, que abeira o Centro de Interpretación, con tres anexos construídos para servizos complementarios. A planta baixa está destinada a obradoiros didácticos. Tamén conta cun paseo axardinado e unhas vistas moi boas do Atlántico e a costa portuguesa.

Castelo de Sobroso (Mondariz). O edificio está no alto do monte Landín, dominando Vilasobroso e o Val do Condado até a fronteira con Portugal. É un castelo medieval que foi restaurado no século XX. Por el pasaron moitas personaxes históricas, por exemplo, dona Urraca, que foi retida aquí pola súa irmá, Tareixa de Portugal, e polo Conde de Traba. A lenda dí que fuxiu polo pasadizo subterráneo do castelo, atravesando os recunchos do monte ata chegar ás beiras do río Tea, desde onde marcharía a León. No castelo, tamén se celebrou a voda de Dinis I de Portugal con Isabel de Aragón. E mesmo foi coroado Alfonso VII. Como todos os castelos, tivo varios donos, entre eles… Pedro Madruga!

No século XX pasou ser propiedade municipal. O interior está rehabilitado e danos idea de como vivía a xente hai moitos séculos. Tamén é sede do Centro de Recuperación e Difusión da Cultura Popular do concello de Ponteareas, con museo do traxe galego e etnográfico. No exterior hai unha boa extensión de campo e árbores autóctonas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *