O Pasatempo e o soño dos García Naveira

Aos indianos, aqueles emigrantes ás Américas que fixeron fortuna no século XIX e principios do XX, hai que recoñecerlles moitos dos avances que experimentou Galicia nunha época especialmente gris da súa historia. Foron eles os que construíron parte das escolas, principalmente do rural, os que colaboraron coas fortunas acumuladas en ultramar ao progreso económico do país e, tamén, os que abriron os ollos a unha poboación depauperada ás marabillas do mundo.

Isto último é especialmente certo no caso dos irmáns Juan e Jesús García Naveira. Nacidos a mediados do XIX, sendo apenas uns rapaces marcharon de Betanzos cara a Buenos Aires, onde fundaron varios negocios e amasaron un capital apreciable. Lonxe de esquecerse da súa vila natal, estiveron sempre moi ligados a ela. Financiaron a creación do asilo de anciáns e de escolas infantís, pagaron lavadoiros, institucións para o coidado das persoas con discapacidade… E proxectaron unha das obras máis extravagantes da súa época, o inconfundible Parque do Pasatempo.

O Pasatempo érguese nas aforas de Betanzos como un recordo da intención dos García Naveira de ilustrar aos betanceiros. Quería ser un resume acelerado de todos os lugares, de todos os animais, de todos os saberes do mundo. A instalación xurdiu por iniciativa de Juan, que volveu a Galicia antes do cambio de século, mentres o irmán quedaba en América ao cargo dos negocios familiares. O Pasatempo foise facendo pouco a pouco ata ocupar nada menos que 90.000 metros cadrados.

Na actualidade pode visitarse unha parte do construído, e a experiencia é fascinante. O Pasatempo conta con versións de miniatura do estanque do Retiro madrileño, as pirámides de Exipto, a mesquita do Cairo ou a boca do inferno de Bomarzo. Hai tamén unha casa de espellos, un invernadoiro, innumerables paneis explicativos sobre momentos clave da historia de América Latina, unha deliciosa “árbore xenealóxica do capital” cun diagrama sobre como facer fortuna, reloxos para coñecer a hora en calquera cidade do planeta, e tamén representacións gráficas de inventos naquel momento revolucionarios coma o aeroplano ou o funicular e retratos de animais exóticos. Boa parte do que había (bustos dos emperadores romanos e de papas, leóns de mármore…) perdeuse durante o século XX.

Furando a lomba sobre a que se asenta o parque hai unha rede de túneles subterráneos que comunican a parte alta (coroada por un enorme león-miradoiro) coa reprodución do estanque do Retiro, a través dunha serie de cavidades cheas de sorpresas en forma de estalactitas e animais fantasiosos, reproducindo unha sorte de inferno que fará as delicias dos paseantes máis pequenos. Non toda a rede é visitable na actualidade. Nun territorio entre a realidade e a lenda, cóntase que os pasadizos atravesaban todo o parque ata chegaren mesmo ao centro de Betanzos, ás igrexas do casco vello ou á casa de Juan García Naveira, aínda que ninguén os atopou.

Precisamente fronte a esta casa, no Campo da Feira (hoxe nomeado como Praza Irmáns García Naveira), érguese unha curiosa estatua dos dous filántropos na que un deles fala por teléfono. Segundo a colocación orixinal das esculturas no parque, estaría chamando á estatua da Caridade Romana (que hoxe segue ao lado do Pasatempo), que aleita a un pobre co seu propio peito, indicándolle que en Betanzos o lugar para o desgraciado era o asilo… que os propios García Naveira construíran. Dúas personalidades fascinantes, sen dúbida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *