O monte e a lagoa de Louro

Quen visitara algunha vez a ría de Muros e Noia recordará sempre a silueta do Monte Louro, porque é inconfundible: as súas dúas xibas semellan emerxer do mesmo océano para pecharen pola cara norte a desembocadura do río Tambre. É esta unha máis das moitas montañas máxicas das que dispón Galicia, coa particularidade da súa localización, en plena fronte marítima.

O Monte Louro é unha elevación nada desprezable, pois o seu punto máis elevado atópase a 241 metros de altitude. Esta estatura faise aínda máis esaxerada tendo en conta o que hai arredor: por este, oeste e sur, está rodeado das augas do Atlántico, mentres que ao norte únese con terra firme a través dunha lingua de área e unha planicie presidida pola lagoa do seu mesmo nome.

A lingua de area é a praia de Area Maior, unha das máis grandes dunha zona na que abundan os areais espectaculares. Ten unha lonxitude de preto de quilómetro e medio e as súas altas dunas pechan o acceso ao mar da Lagoa das Xalfas ou de Louro, formada ao se estancaren as augas do río Longarela. Esta zona húmida, que medra en tamaño en época de choivas e alcanza unha profundidade de só dous metros, foi cualificado Lugar de Importancia Comunitaria e nel repousan unha gran cantidade de especies de aves.

Os amantes da observación ornitolóxica pasarán un día fabuloso paseando nesta contorna e avistando especies como o anade real, a focha común, o rascón, o porrón ou mesmo a garza real. A riqueza botánica tamén é de destacar, posto que na zona enraízan especies adaptadas á secura da zona, como a Lilaeopsis Caroliana, que ten aquí o seu único fogar en Galicia.

Como lle ocorre a case toda lagoa que se prece, a de Louro ten tamén a súa lenda: segundo din, baixo as augas hai unha cidade soterrada e nos días de temporal poden escoitarse as campás da igrexa e mesmo as voces dos seus habitantes.

Ao alto do monte pode accederse a través dunha estreita pista. Na súa parte alta existiu durante a Idade Media unha atalaia ou pequeno castelo do que hoxe apenas se distinguen algunhas pedras. Sobre o cantil sitúase o faro, edificado en 1862, desde o que se pode obter unha fermosa panorámica da cosa sur da ría de Muros e Noia, coas brancas praias de Porto do Son presidindo a imaxe. Ao baixar do cumio do monte pódense visitar as praias da contorna (Ancoradoiro, Lariño, San Francisco e a xa mencionada Area Maior), moi concorridas na época de verán.

O Monte Louro é un dos tesouros naturais do Concello de Muros, vila medieval orgullosa da traza que aquela época deixou nas súas rúas. O casco histórico conta cunha tipoloxía de vivendas que transportan ao viaxeiro directamente ao pasado, ao momento no que as lanchas dos pescadores practicamente atracaban ao pé das casas, con amplos soportais apuntados nos que hoxe, en moitos casos, é posible gozar da afamada gastronomía mariñeira local.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *