Lecer, historia, paisaxe, devoción e lenda nos montes da Paradanta

Multitude de rutas percorren toda Galicia descubrindo a quen se interna nelas os innumerables encantos desta terra. Algunhas son monográficas e céntranse en aspectos moi concretos do noso patrimonio (natural ou arquitectónico), a nosa historia ou a nosa etnografía, pero hainas que combinan varios deses elementos diversos para ofrecernos a posibilidade de realizar un achegamento máis amplo sen outro requisito que dispoñer dunhas horas de tempo libre e ganas de gozar da viaxe. Neste segundo apartado encádrase unha ruta que discorre por terras do municipio pontevedrés da Cañiza para elevarse ata o alto dos montes da comarca da Paradanta mostrándonos a cada paso lugares nos que se mesturan o lecer, a historia, a devoción e as lendas.

 

Santuario da Franqueira

O punto de partida deste percorrido é un dos centros de devoción máis importantes e coñecidos de toda Galicia. O santuario da nosa Señora da Franqueira aséntase na igrexa dun mosteiro xa desaparecido e é escenario de dúas romarías de gran popularidade e tradición que propiciaron que a celebración fose declarada Festa de Interese Turístico. Fieis de toda Galicia e do norte de Portugal acoden ata alí para mostrar a súa devoción por unha das imaxes marianas máis antigas da comunidade e que conta cunha lenda que a une de xeito directo con outros dos puntos deste percorrido. A Virxe da Franqueira é a protagonista de dúas celebracións con elementos diferenciados: a Romaría das Pascualillas, que se celebra o luns de Pentecostés, e a Romaría de Setembro ou da Natividade da Virxe, que ten lugar os días 7, 8 e 9 de setembro. Pero calquera época do ano é boa para visitar un templo no que conviven os estilos románico e gótico.

 

Fonte do Anxo

Unha antiga fonte de trazas románicas confirma o paso de peregrinos e romeiros polo lugar desde hai séculos. O anxo que a coroa dá nome ao lugar e propiciou ademais que a Virxe da Franqueira sexa coñecida tamén como a Virxe da Fonte. Non fai falta dirixirse ao santuario para deterse no lugar e refrescarse.

 

Alto da Cruz

A cruz colocada no alto do monte marca o final do vía crucis colocado hai medio século e ábrenos as portas a un espectacular miradoiro natural desde o que é posible contemplar e admirar as paisaxes de boa parte da provincia de Pontevedra e mesmo cumios da veciña Ourense. Os máis madrugadores poderán gozar dun belo amencer desde alí, aínda que outra opción é deixar esta visita para o último momento da xornada e contemplar desde alí a posta de sol.

 

Miradoiros da Paradanta

De inspiración castrexa, estes pequenos cercados de forma circular e dotados de bancos no seu interior son un bo lugar no que facer un alto para descansar sen deixar por iso de gozar das paisaxes que nos rodean. A Serra do Suído e os montes de Portugal están desde aquí ao alcance dos nosos ollos.

 

Neveiro dos Frades

Uno dos principais vestixios que nos deixaron os monxes que habitaron o antigo mosteiro da Franqueira atópase tamén nas alturas destes montes. Trátase dun neveiro construído polos frades a mediados do milenio pasado para aproveitar a neve que caía na cima no inverno. O pozo de varios metros de profundidade escavado e protexido por pedras permitíalles almacenar esa neve en forma de xeo e empregala noutras épocas do ano para usos diversos como a conservación dos alimentos e fins terapéuticos.

 

Coto da Vella

O punto culminante do percorrido volve conectar co santuario da Franqueira, aínda que neste caso non cos monxes, senón coa súa moradora máis famosa: a propia imaxe da Virxe. Trátase dunha pequena gruta na que segundo a tradición, permaneceu oculta durante séculos a imaxe ata que foi atopada por unha anciá. Conta a lenda que a escultura foi subida a un carro tirado por bois aos que lles taparon os ollos para que a propia Virxe os guiase ata o lugar onde quería que fose levantado o seu santuario. A recreación de parte deste relato do traslado é hoxe en día un dos actos máis destacados da romaría que se celebra en setembro e a realización, a inversa, do percorrido guía desde hai uns anos unha peregrinación na que participan fieis e veciños da zona. A imaxe que se pode ver hoxe en día no Coto da Vella foi elaborada polo canteiro Celso Calviño García en 1968 para lembrar a importancia simbólica do lugar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *