De ruta tras os pasos de Rosalía de Castro

O 24 de febreiro conmemórase un novo aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a gran poetisa galega. O seu legado segue presente a través da súa obra literaria, pero tamén grazas ao recordo que aínda se garda dela en moitos dos lugares nos que se desenvolveu a súa vida. Santiago, Ames, Brión, Dodro, Padrón, A Coruña e Muxía son as paradas dunha viaxe que permitirá achegarse ata algunhas dos espazos e paisaxes que marcaron á autora.

 

Santiago de Rosalía

Nada queda xa da casa natal de Rosalía de Castro, pero aínda é posible seguir a pegada que a poetisa deixou na capital galega nas distintas etapas nas que viviu alí. Este itinerario rosaliano pode comezar na capela do Hostal dos Reis Católicos, debido a que alí foi bautizada, e continuaría por algúns outros espazos emblemáticos da zona vella nas que están situadas varias das vivendas que habitou. Así nolo lembran as placas colocadas na Casa da Concha, sede actual do Consello Social da Universidade de Santiago, e na praza da Universidade, que alberga o Instituto de Lingua Galega e que foi casa natal do sacerdote, escritor e historiador Antonio López Ferreiro. Ademais, son moitas as formas nas que cidade lembra e homenaxea á poetisa. O antigo Colexio San Clemente acolle o instituto Rosalía de Castro e ao seu lado atópase a Alameda compostelá, na que se pode ver o monumento no seu recordo levantado hai algo máis dun século. Desde alí, dirixíndonos cara á zona nova atravesaremos a rúa dedicada a Rosalía para contemplar na praza de Vigo outro monumento no que é posible ver o seu rostro e algúns dos seus versos nun gran monólito de pedra. O percorrido compostelán seguindo as pegadas de Rosalía concluirá na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval para visitar o Panteón de Galegos Ilustres e buscar a tumba onde repousan os restos da escritora desde 1891 tras ser trasladados desde Padrón.

 

As paisaxes inspiradoras de Ames, Brión e Dodro

Rosalía cambiou de lugar de residencia en numerosas ocasións e pasou varios anos en Madrid, pero non fai falta ir tan lonxe para atopar varios lugares que foron cruciais tamén na súa vida e na súa obra. Sendo nena aínda, mudouse a vivir coas súas tías á aldea de Castro de Ortoño, no municipio de Ames. Estudosos de Rosalía sitúan alí os recordos que inspiraron algúns dos seus versos posteriores. Ademais, seguindo os seus pasos ata aquela vivenda, coñecida como A Casa da Tarroeira, un grupo de mozos universitarios fundou alí en 1923 o Seminario de  Estudos Galegos, tal como lembra a placa colocada no muro do recinto. Xa no municipio veciño de Brión álzase a igrexa de San Xulián de Bastavales, cuxas campás protagonizan algúns dos versos máis famosos de Rosalía. E un pouco máis ao sur, en Lestobre (Dodro), toparémonos co Pazo da Ermida, lugar de descanso da escritora e berce dalgunhas das súas obras.

 

O legado rosaliano en Padrón

Padrón é a outra localidade crave na vida de Rosalía debido a que alí pasou os últimos anos da súa vida e alí foi enterrada tras a súa morte en 1885. Varios son os lugares do municipio relacionados coa autora, como o Pazo de Arretén, que pertenceu á súa familia materna, ou o cemiterio de Adina, lugar onde permaneceron os restos de Rosalía ata o seu traslado ao Panteón dous Galegos Ilustres en 1891. Pero a gran pegada rosaliana en Padrón atópase na Casa da Matanza, última morada da autora e sede actual da fundación que leva o seu nome. Despois de varias décadas de abandono, o inmoble foi sometido a unha importante restauración para poder abrir as súas portas como casa museo a comezos dos anos 70 do século pasado. Na actualidade acolle valiosos materiais relacionados con Rosalía, ademais de modernos contidos audiovisuais que axudan a realizar unha viaxe pormenorizada pola súa vida e a súa obra e que fan que o visitante se mergulle no ambiente no que viviu a propio autora. A casa é tamén o punto de partida dunha ruta por Padrón impulsada pola Fundación que leva aos participantes ata outros lugares rosalianos como a Casa da Rúa  do Sol, fogar da escritora entre os 4 e os 10 anos.

 

A Coruña con John Moore na lembranza

As distintas responsabilidades profesionais que tivo o marido de Rosalía de Castro, o tamén escritor Manuel Murguía, propiciaron que a familia vivise na Coruña en polo menos dúas etapas diferentes: a finais dos anos 50 e a principios dos 70 do século XIX. A cidade lembra á escritora dándolle nome a un dos seus recintos culturais máis emblemáticos, o Teatro Rosalía de Castro. O recinto fora construído a mediados do século XIX e foi bautizado co nome da autora en 1909. Ademais, paseando pola Cidade Vella coruñesa, na rúa Príncipe é posible atoparse cunha das vivenda de Rosalía, onde unha placa lembra a tan ilustre habitante. Alí escribiu o poema que lle dedicou ao xeneral John Moore, falecido na Batalla de Elviña en 1809, e os propios versos da poetisa foron esculpidos en pedra para acompañar ao  mausoleo do militar inglés, situado no xardín baluarte de San Carlos. 

 

Muxía e “A filla do mar”

Aínda que a súa estancia en Muxía non foi tan prolongada como noutros lugares, esta localidade da Costa da Morte tamén está moi presente no legado de Rosalía. Diversos expertos explican que a escritora visitou Muxía pola súa relación coa familia Pondal e que durante a súa estancia participou na romaría da Barca e contraeu o tifo, do mesmo xeito que Eduarda Pondal, irmá do soado poeta. Eduarda faleceu por mor da enfermidade, pero Rosalía logrou superar a doenza e aquela convalecencia en Muxía serviulle de inspiración para a súa primeira novela, A filla do mar, unha obra de marcado protagonismo feminino e na que as paisaxes de Muxía están moi presentes. Esa relación propiciou que o Concello desenvolvese en varias ocasións unha ruta seguindo os pasos da poetisa. O Santuario de Nosa Señora da Barca (que inspirou un dos seus poemas) as pedras que o rodean, o Monte Corpiño e o lugar onde estaba situada a casa na que viviu, e onde se pode ver unha placa conmemorativa colocada hai uns anos, son algúns dos lugares para visitar.

Un comentario en «De ruta tras os pasos de Rosalía de Castro»

  1. Estive inclusivé na casa museu de Rosalia em Paron. Conheço muito bem estas terras de Rosalia, mas, sobre tudo S. Julian de Bastavales.
    Um abraço para o pobo gallego.
    Francisco Orge Basadre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *