Conxo, un barrio compostelán e hospitalario

Do mesmo xeito que aconteceu con Bouzas en Vigo, o crecemento do núcleo urbano de Santiago de Compostela acabou absorbendo un concello que durante case un século foi independente da capital de Galicia: Conxo, barrio ao sur da cidade, conserva con orgullo tradicións, edificios e historias que o fan merecedor dunha visita por si mesmo.

Baixo o escudo coa bandeira amarela e vermella da Mercé, omnipresente no barrio, Conxo foi concello independente entre os anos 1835 e 1925, cando foi anexionado ao de Santiago de Compostela. Era un municipio moi extenso, máis aínda que o da propia cidade, pois incluía parroquias rurais como Aríns, O Eixo ou Marrozos, a un lado, e Villestro ou Laraño ao outro, e mesmo boa parte do actual Ensanche da capital compostelá. A municipalidade gravitaba, como aínda ocorre hoxe, en torno á igrexa de Nosa Señora da Mercé, que xorde dunha congregación monástica do século XV. Os mercedarios ocuparon o convento ata finais do século XIX, en que o abandonaron por San Xoán de Poio, en Pontevedra. Do edificio orixinal quedan no interior os interesantes vestixios do claustro románico, na parte traseira da igrexa, que dan paso a outro dos puntos polos que a parroquia é ben coñecida: o hospital psiquiátrico.

Porque Conxo é tamén un barrio moi centrado na atención sanitaria. Ademais do edificio do psiquiátrico (é deliciosa a escaleira central, feita de mármores brancos e de Carrara magnificamente tallados), o barrio acolle o Hospital Provincial, ao que acoden numerosos pacientes cada día para recibir tratamentos.

A historia de Conxo é fecunda en feitos destacados. Na parroquia atopábase o castelo da Rocha Forte, arrasado no século XV despois dun feroz asedio. Hoxe poden visitarse os restos, en proceso de restauración. Tamén acolleu a zona un episodio moi importante para a historia de Galicia, o coñecido como Banquete de Conxo. Esta reunión tivo lugar en 1856, e nela xuntáronse en confraternidade estudantes da Universidade, traballadores, campesiños e burgueses ilustrados. Asistiron figuras intelectuais do momento como Eduardo Pondal, que mesmo preparou e recitou uns versos para a ocasión, o poeta local Aurelio Aguirre e, segundo se afirma, a mesma Rosalía de Castro. O bosque no que se celebrou esta xuntanza, pechado durante decenios, abriuse ao público ultimamente, xerando un paseo continuo á beira do río que une Conxo co barrio de Sar e atravesa boa parte da zona sueste da cidade.

Conxo conta mesmo con música propia. A cabalo entre a década dos noventa e os comezos do século funcionou en Santiago un grupo de rock psicodélico de forte impronta poética, formado por veteranos das escenas do pop, do teatro e da literatura compostelás. Chamábanse, con moito acerto, Psicofónica de Conxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *